O hospital concertado vigués queda con 102.000 pacientes adscritos, o seu rexistro máis baixo
Tras ano e medio sen permitir o traslado de pacientes entre Povisa e o sistema público de saúde, o Sergas abriu o pasado 16 de abril un período dun mes para que a cidadanía da área de Vigo puidese pedir ese cambio. Rematado ese prazo foron 7.800 as persoas que desta volta decidiron deixar Povisa para pasar ao complexo hospitalario público (Chuvi), que ten como principal centro o Álvaro Cunqueiro. Povisa queda así con 102.000 pacientes adscritos, o seu rexistro máis baixo, que contrasta cos 135.000 que tiña en 2019 cando o hospital foi mercado polo grupo Ribera.
Esta numerosa fuga de pacientes de Povisa prodúcese despois da polémica xurdida o pasado decembro ao coñecerse as ordes do grupo Ribera, ao que pertence Povisa, de rexeitar atender pacientes nun hospital concertado madrileño para así gañar máis cartos. E por esta fuga e as circunstancias que a rodean foi preguntado este luns o presidente da Xunta, en particular pola capacidade do sistema público de asumir de golpe preto de 8.000 novos pacientes.
Rueda salientou que a decisión sobre o hospital no que recibir asistencia especializada en Vigo "é unha opción libre" e "a obriga da Xunta unha vez que abre esa posibilidade é que as persoas que deciden ser atendidas pola sanidade pública, facelo axeitadamente".
Sobre os motivos da fuga masiva de pacientes, Rueda dixo que todos os anos hai cambios e que os motivos hai que preguntarllos a cada persoa que toma esa decisión. "Eu agradezo a confianza en que no Álvaro Cunqueiro e na sanidade pública serán ben atendidos", salientou.
Tras anos de progresiva perda de pacientes en Povisa, Ribera Salud afrontou a finais do pasado ano as polémicas revelacións de El País de ordes do grupo para aumentar beneficios en detrimento dos pacientes dun hospital madrileño
A desactivación o pasado ano do prazo anual de elección de hospital pola demora da Xunta en renovar o concerto con Povisa produciuse ao tempo que Ribera Salud, propietario de Povisa, se situou no centro da polémica polas sucesivas exclusivas que publicou El País sobre ordes da dirección do grupo a un hospital madrileño para que reducise atencións aos pacientes para así ter máis beneficios. O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que "en Galicia non temos ese problema" porque os hospitais galegos de Ribera Salud "están supervisados" polo Sergas.