"Os médicos non puideron aplicar o tratamento adecuado por falta de medios": o Sergas é condenado por tardar nun ictus

Fragmento da sentenza que reflicte a "falta de medios" do CHUAC para atender un ictus CC-BY-NC-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

"A falta de medios ha de imputarse á administración", di o TSXG nunha sentenza que condena a indemnizar con 70.000 euros as secuelas dunha muller atendida en Neuroloxía da Coruña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que ratifica a condena da Consellería de Sanidade polas secuelas dunha muller que sufriu un ictus e que "por falta de medios" non puido ser tratada como prescribiran os médicos que a atenderon en cando entrou por Urxencias no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). O tribunal conclúe como "obvio" que a deficiencia do servizo de Neuroloxía do hospital coruñés que sufriu "ha de imputarse á administración sanitaria".

Sentenza do TSXG que condena a falta de medios no CHUAC que provocou secuelas a unha muller cun ictus que non puido ser atendida CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos ocorridos en 2019 que fai a sentenza, a muller, de 73 anos e con antecedentes coronarios, foi enviada polo seu médico de atención primaria en ambulancia ao CHUAC. Alí activouse o denominado código ictus ás 19.30 horas e ás 20.07 horas practicáronselle probas que permitiron diagnosticar un ictus isquémico. Os médicos decidiron que o tratamento indicado era unha intervención inmediata, pero "a sala de Neuro-radioloxía na que debía levarse a cabo a trombectomía mecánica estaba ocupada por outra trombectomía, polo que a paciente non puido ser intervida de inmediato". 

"Cando a sala de Neuro-radioloxía se liberou, transcorreran máis de dúas horas desde o estudo de imaxe previo, polo que ás 23.07 horas" se lle fixo outra proba que revelou un empeoramento da súa situación, o que obrigou a mudar o tratamento prescrito inicialmente e acabou derivando en diversas secuelas. 

"Os facultativos diagnosticaron e prescribiron o tratamento adecuado, só que non puideron aplicalo por falta de medios"

A familia da muller reclamou unha indemnización ao Sergas e este rexeitouna. Así que o caso chegou a un xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago que estableceu que si tiña dereito a ser indemnizada ela e a súa familia con 70.000 euros. Esa sentenza estableceu que o tratamento ditado inicialmente polos facultativos era o indicado para a muller naquel momento e que "a razón de non aplicarse é evidente: non se dispuña dos medios necesarios pois a única sala habilitada a tal efecto atopábase ocupada". Por iso, engade, "cando xa se desocupa, o ictus evolucionara a un estadio" no que xa non se podían evitar as secuelas.

"É obvio pois que non nos atopamos ante un suposto de mala praxis pois os facultativos fixeron o que debían: diagnosticaron correctamente a doenza da paciente e prescribiron o tratamento adecuado para resolvela, só que non puideron aplicalo por falta de medios", concluía aquela sentenza.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A Xunta recorreu esa resolución xudicial ante o TSXG e agora este tribunal vén de ratificala. Faino nunha sentenza na que di que "por máis que poida alegarse que non pode esixirse á administración sanitaria unha dispoñibilidade de medios ilimitada, nun caso como o presente non se considera que teña que recaer integramente [na afectada] o dano derivado dunha falta de medios que neste caso implicou non poder ter á súa disposición a sala requirida ou outra, ou un traslado inmediato a outro centro".

O TSXG tamén di que "non pode concluírse que se estivera ante unha excepcionalidade por concorrencia de múltiples pacientes co mesmo problema e necesidade de asistencia urxente, senón que se fala de dous ictus simultáneos nun ámbito de hospital de referencia como é o CHUAC". Por iso, remata, aínda que a xefa do servizo de Neuroloxía emitiu un informe asegurando que o centro conta coa infraestrutura necesaria para facer fronte a situacións como a deste caso, "resulta obvio que iso non é así, e esa falta de medios ha de imputarse á administración sanitaria". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.