O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adoita gabar a “seguridade xurídica” e a “estabilidade” das súas políticas fronte ás doutros gobernos. Porén, a Xunta e o PP están actualmente a impulsar a modificación de ata 12 leis impulsadas polos seus propios gobernos desde 2009. Faino a través dun procedemento que lle permite limitar o debate parlamentario necesario para aprobar calquera lei de xeito ordinario.
O presidente adoita gabar a seguridade xurídica e a estabilidade das súas políticas pero o PSdeG cuantifica en 70 as normas modificadas desde 2009 a través das leis de acompañamento
A denominada lei de acompañamento dos Orzamentos anuais é un mecanismo que permite ao Goberno galego modificar outras leis cando supostamente teñen relación con cuestións tributarias ou financeiras ligadas ás contas públicas de cada ano. Porén, os gobernos autonómicos do PP veñen empregando ese mecanismo para emendar todo tipo de leis previas aínda que non teñan relación con cuestións tributarias, e empregando para iso un procedemento de tramitación que evita boa parte do debate e informes necesarios para a aprobación de calquera outro tipo de lei. Na lei de acompañamento dos Orzamentos para o ano próximo a Xunta promove a modificación dun total de 20 leis previas, 12 das cales foron impulsadas por gobernos do propio Feijóo.
Segundo denunciou este xoves a portavoz de Facenda do grupo parlamentario do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, as leis de acompañamento aprobadas por Feijóo desde 2010 permitíronlle realizar “ata 396 modificacións normativas en 70 leis que non teñen nada que ver con cuestións tributarias ou financeiras”. A socialista lembra que “os gobernos de Manuel Fraga recorreron a este mecanismo desaconsellado polo Tribunal Constitucional en 7 ocasións, polas 6 que xa leva Feijóo en 8 anos”. Fronte a esas cifras, o bipartito de PSdeG e BNG non utilizou nunca ningunha lei de acompañamento para modificar normas previas.
O PSdeG lembra que Feijóo xa usou 6 leis de acompañamento e Fraga 7 por ningunha do bipartito
Rodríguez Rumbo critica que a tramitación da lei de acompañamento “dificulta o debate parlamentario, xera inseguridade xurídica, demostra un alto grao de improvisación, contradí o principio de transparencia e resulta ilóxico nun goberno con maioría absoluta”. A socialista salienta que ese mecanismo dificulta “as achegas cidadás e sectoriais” e permite á Xunta aprobar cambios legais “sen os informes preceptivos da asesoría xurídica, do Consello Económico e Social ou das administracións locais”.
O grupo socialista avanzou que vai presentar un total de 67 emendas á lei de acompañamento deste ano, entre elas varias para ampliar as franxas de protección fronte a incendios.