Os despedimentos no CGAI deixan a filmoteca galega sen poder levar a cabo as súas funcións

Estado actual do arquivo do CGAI © CIG

En 1989 creouse -a través dun decreto da Xunta- o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a filmoteca galega, encargada non só de labores de difusión das artes visuais, senón tamén da recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego. O CGAI inaugurouse en 1991 e dende entón veu realizando estas funcións, convertido nun centro de referencia no ámbito do Estado, un importante foco cultural na cidade da Coruña, sendo ademais o único organismo galego adscrito á Federación Internacional de Arquivos Fílmicos, conservando todas as obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego. Porén, 25 anos despois, a súa mesma supervivencia, cando menos cos obxectivos cos que foi creado, está en risco.

Os sindicatos denuncian que no marco da integración do CGAI na estrutura de AGADIC, a metade do persoal foi xa despedido ou amortizado e que o traballo pendente xa se está a "amorear ata o teito", segundo CC.OO. Sinalan que se xa o número de traballadores e traballadoras previo era moi limitado, o que resultará do actual proceso de recorte "impedirá que o centro continúe co seu labor". "A permanencia ata agora do CGAI, con aparencia de feito milagroso, débese realmente ao redobrado esforzo e dedicación do diminuído equipo de traballo que actualmente o conforma", engade a CIG.

O CGAI ficará cun único proxeccionista, o que impedirá segundo as centrais sindicais manter a actual programación

Este luns tivo lugar a derradeira xuntanza entre a Administración autonómica e a representación legal dos traballadores e das traballadoras. E, segundo denuncian os sindicatos, a Xunta mantivo a súa intención de amortizar tres novas prazas: dúas de experto ou experta en audiovisuais e outra de proxeccionista, que confirmará este mércores. De igual xeito, non se cubrirá a praza de programador actualmente en excedencia. O CGAI ficará cun único encargado de realizar as proxeccións, o que impedirá segundo as centrais sindicais manter a actual programación, que chegaba a uns 380 pases cinematográficos anuais, coa asistencia dunhas 10 mil persoas, e tamén as actividades matutinas con centros de ensino, nas que participan ao redor de 2.500 alumnos e alumnas cada ano.

O Centro Galego de Artes da Imaxe conserva 3.000 copias en celuloide, 7.700 en vídeo e 9.100 carteis. Tamén ten promovido 51 exposicións fotográficas e nas súas instalacións conta cunha mediateca de 8.500 títulos en dvd ou blueray e cunha biblioteca e hemeroteca con 15.000 referencias. Porén, xa nos últimos meses se viñera producindo, sucesivamente, a supresión da figura da bibliotecaria, coa conseguinte desaparición do servizo de consulta do seu completo fondo bibliográfico, ou a eliminación do servizo de préstamo do seu fondo audiovisual, do que se fornecía de modo principal o sector do ensino,

A CIG denuncia que "a desaparición do CGAI ou a súa confinamento a un mero organismo decorativo que é o que a Xunta pretende con esta eliminación de postos de traballo, constitúe unha grave ameaza para a memoria histórica da Galiza e para a subsistencia do sector audiovisual galego".

CCOO critica a "falta de diálogo" por parte da Xunta e que se proceda á extinción duns postos de traballo "creados por orde xudicial firme" e en contra das alegacións presentadas pola Administración autonómica no seu momento, "que pretendía a cobertura dos postos a través da empresa privada". "A Xunta pretende situarse por riba do poder xudicial, obviando as sentenzas firmes do TSXG", engade Carmen Botana, de Comisións Obreiras. Ademais, os sindicatos acusan o Goberno galego de "mentir" continuadamente sobre este asunto, xa que en varios momentos nas últimas semanas negou que se fosen a producir os despedimentos e amortizacións de prazas que despois se confirmaron.

Cristina Terrón (CIG) denuncia un continuado "acoso e derrube" do CGAI "por parte das propias instancias administrativas das que depende"

As centrais acusan ao Goberno galego de buscar "o desmantelamento" da institución e dun "descoñecemento total" e unha "falta de respeto da administración galega polo traballo desenvolvido". "Resulta inadmisíbel que o goberno do Sr. Feijóo, apelando a un aforro irreal permita esta desfeita cultural que terá como consecuencia un dano irreversíbel á cultura e ao audiovisual galegos, ademais de supor un maior custo económico no caso da posible externalización dun servizo actualmente 100% de carácter público", sinala Cristina Terrón, da CIG, que denuncia un continuado "acoso e derrube" do CGAI "por parte das propias instancias administrativas das que depende".

 

Estado no que se atopan as instalacións do CGAI © CIG
Estado actual do arquivo do CGAI © CIG
Exterior do edificio que acolle o CGAI © CGAI
Os sindicatos denuncian que o traballo pendente "se amorea ata o teito" Dominio Público CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.