Cando pecho os ollos e rescato os meus recordos futbolísticos da infancia trasládome inmediatamente á parte de atrás dun Citroën BX verde oliva (sempre tiveches bo gusto, papá). Pola radio soa Galicia en goles; aínda hoxe, despois de dúas ou tres cervexas, son capaz de recitar á carreira case toda a introdución mítica narrada por Carlos Blanco, aquilo de “vístase connosco de curto e aposte pola radio pública de Galicia”. Non sei por que a deixaron de emitir; para min Pepe Domingo Castaño e toda esa caste de animadores rexoubeiros que tanto abundan na programación dominical non lle chegan á altura dos zapatos a Blanco, aquel tipo que me deixaba flipado dicindo que fulano, dianteiro do Xove Lago, levaba xa dez goles esta temporada. Como demo o sabía? A quen (aparte de a min) podía importarlle o que pasara nun campo de Rexional?
"Vístase connosco de curto e aposte pola radio pública de Galicia"
Calabagueiros, As Gaiandas, García Hermanos, A Lomba, A Baiuca. As voces dos narradores de Galicia en goles compoñían para min unha xeografía exótica todos os domingos pola tarde, á ida e á volta da casa de meus avós. Porque si, nenos e nenas, antes os partidos xogábanse os domingos pola tarde, e non todos os días e a todas as horas, coma agora. E que dicir dos nomes espectacularmente afoutos que tiñan aqueles equipos: o Choco, o Obrero, o Fabril, o Endesa, a Sarriana, o Céltiga, o Arenteiro. Para min os locutores da Radio Galega eran coma corresponsais en zona de guerra, só que en lugar de contar tiroteos falaban, empregando un idioma un pouco raro, de “golpes na faciana”, “remates de testa”, “saques de curruncho”, partidos que “principiaban”, encontros “cativeiros”.
Para min os locutores eran coma corresponsais en zona de guerra; imaxinen a emoción coa que vivín o primeiro partido radiado dende a grada da Marosa
Así que poden imaxinar a emoción coa que a vivín o primeiro partido radiado desde a grada da Marosa, o campo no que cada quince días o meu pai e máis servidor papábamos frío, armados de abrigo e pipas Facundo. O primeiro que eu lembro, polo menos. Creo recordar que se trataba dunha fase de ascenso que xogaba o Burela, probablemente de Preferente a Terceira, e que o xornalista estaba sentado na parte de arriba da única grada que daquela tiña o estadio. Non me pidan precisión, eu estaba pendente do que podía parecerlle a aquel home a afección local. Que pensaría cando aquel paisano berrase, coma cada domingo, aquilo de “árbitro, mal comedor”? Que opinaría do arrebatador “vamos muchachos” co que animaba ao equipo Rosamari, arrincando os aplausos da tribuna? E do vento do nordés, que facía que unha falta lanzada desde o medio do campo contra a portería de abaixo se convertese nun mísil imparable?
Descoñezo se o narrador chegou a facer algún comentario sobre todas esas cousas. Pero si que sei que houbo algo que lle chamou a atención: que na Marosa os socios podían pasar co coche ata dentro do recinto e aparcar ao pé do campo, co parabrisas apuntando ao xogo, algo moi útil para poder ver o partido nas duras tardes de inverno cantábrico. “Isto parece un cine americano!”, dixo o tipo.