O 'Pitcher' Fidel Castro, Zdenko Babic, o malvado Van Looy, o Gwengamp e o FC Bakunin, os Maradona galegos, A chispa de Tuskegee e mesmo a vaca de Joaquim Agostinho. Todos e todas estarán este venres en A Reixa Tenda / Matrioska (Hórreo, 46. Santiago de Compostela) na presentación do segundo volume do Bestiario do Vestiario, o libro que recolle as 50 historias de anécdotas deportivas, personaxes históricos ou singulares, historias de superación ou de fermosas derrotas que Martiño Suárez foi publicando en Praza.gal nos últimos meses.
"Hai xente que quere ler outros contidos sobre deporte e están aparecendo iniciativas moi interesantes. Hai moito que contar"
A obra, continuación do Bestiario do vestiario publicado en 2016, foi editado polo selo Dinastía Meiji, de Carlos Meixide, e sae á rúa despois de completar unha campaña de financiamento colectivo ou crowdfunding que foi apoiada por preto de 150 mecenas.
Ademais do editor, participarán na presentación os xornalistas David Lombao (director de Praza Pública) e Pedro Pablo Alonso (director de Ao Contraataque, o programa deportivo da Radio Galega no que colabora Suárez). Ademais o grupo Grampoder (dúo formado por Le Roi e polo autor do libro) actuará por vez primeira en dous anos e interpretará un mini concerto composto por cancións dedicadas ao deporte, propias e alleas.
Grampoder interpretará cancións dedicadas ao deporte, propias e alleas.
"Gústanme os deportistas raros e os que perden. As súas historias sempre teñen menos repercusión", recoñecía Martiño Suárez en conversa con Praza hai uns meses. "Hai unha parte moi importante do xornalismo deportivo que non deixa de ser un Sálvame para maromos, dende El Chiringuito a á maior parte das páxinas de Marca. Pero hai xente que quere ler outros contidos sobre deporte e están aparecendo iniciativas moi interesantes. Hai moito que contar", dicía.