'Bestiario do Vestiario': as historias nas marxes do deporte

Martiño Suárez, autor do libro, e Carlos Meixide, editor © Bestiario do Vestiario

"Pioneiras incomprendidas, goleadores borrachos, nazis, ciclistas drogados, hooligans bizantinos, campións negros, perdedores exemplares, rastafaris, filósofos gregos, santos, espías da RDA, Elvis e Bob Marley..." Todas estas personaxes collen no Bestiario do vestiario, unha obra arredor do deporte pero que vai moito máis aló do deporte. Un libro con cincuenta historias "nas marxes do heroísmo habitual do xénero, regadas con sangue, alcohol, épica e humor".

'Bestiario do vestiario' reúne 50 historias arredor do deporte pero que van moito máis aló do deporte

"En moitos casos gústame máis todo o que pasa arredor do deporte e dos deportistas, todas as implicacións históricas, que o propio deporte", explica Martiño Suárez, o autor. Xornalista, artista e músico, únese con Bestiario do vestiario a esa literatura que ten o deporte como base pero que vai moito máis aló. Que aproveita o fútbol, o ciclismo ou o atletismo para explicar a historia. Ou que afonda na vida dos protagonistas para trazar un relato de heroes no campo e na pista pero canallas e máis interesantes, se cadra, fóra dela. 

"Como agora e desde sempre, os poderosos intentan tomar o deporte para lexitimarse, para controlar o persoal", explica Martiño Suárez, que no libro aborda historias desde a Grecia clásica até a actualidade, pasando polo Imperio Bizantino ou a Guerra Civil en España. Cincuenta relatos que, na súa maioría, foron escritos entre 2012 e 2013 no Dioivo, medio de comunicación dixital independente que puxeran en marcha varios xornalistas galegos hai xa varios anos. 

Os relatos, na súa maioría, foron escritos entre 2012 e 2013 no 'Dioivo', medio dixital independente fundado por xornalistas galegos

Agora ven a luz, xunto a tres inéditos, nesta obra que lanzou unha campaña de crowdfunding para financiar a súa edición, como Martiño e os seus compañeiros fixeran cos seus traballos musicais. "Cremos na autoedición, no contacto entre o autor e quen nos escoita ou le; este sistema dáche tamén certa seguridade ao non ter que adiantar os cartos e permite ao público apoiar propostas desde que nacen e implicarse", explica.

Editado por Carlos Meixide, as historias de Bestiario do vestiario xorden do interese do autor, de anos de lecturas, de visionados de filmes e documentais e mesmo de experiencias persoais. "Durante moito tempo dediqueime ao xornalismo deportivo e fun sacando cousas do día a día pero, sobre todo, relatos relacionadas coa Historia", conta quen lembra que "o deporte dá para moita personaxe estraña". 

A campaña de 'crowdfunding', xa activa, aspira a conseguir os cartos para a edición en papel da obra

"Para ser deportista de alto nivel hai que estar algo tolo; teñen un punto obsesivo que practicamente ninguén ten e os grandes campións teñen o seu punto de loucura e iso é algo que me interesa moito", explica Suárez, que repara tamén "en todo aquilo que lles pasa despois ás estrelas, cando se esquecen deles e cando teñen que asumir que volven ser máis ou menos anónimos". 

Amante do ciclismo, un dos bloques do libro está dedicado a este deporte. "Os ciclistas están especialmente zumbados... Porque tes que estar algo tolo para selo" explica o autor, que recorda que sempre se dixo "que os grandes escaladores eran suicidas en potencia". "E logo comprobas que é verdade que moitos acabaron así ou que teñen un carácter moi complicado". Entre as estrelas, Hinault é un dos grandes protagonistas da obra. "Ten un carácter tremendo e anécdotas moi boas". 

O ciclismo e o fútbol centran dous dos tres bloques dunha obra sobre "cousas que pasan nas marxes do deporte"

Outro gran bloque de Bestiario do vestiario está dedicado ao fútbol e a personaxes como Bebel García, aquel xogador do Deportivo que foi fusilado tras o golpe de Estado de 1936 e ao que Eduardo Galeano dedicou un relato en Espejos. "Botarlles unha mexada aos militares antes de que o matasen... É tremendo", reflexiona. No resto da obra, máis deportes, máis historias e máis capítulos, algúns deles xa publicados nun blog como adianto dun libro con deseño e a maquetación de Roi Fernández. De xuntar os 2.500 euros necesarios -andan sobre os 1.000- editarase en papel. Unha achega máis a esas "cousas que pasan nas marxes do deporte". "A épica case sempre pasa lonxe das grandes estrelas e lonxe dos grandes terreos de xogo", lembra Martiño Suárez. 

Capa do libro Dominio Público Roi Fernández / Bestiario do Vestiario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.