De Alice Coachman a Joe Strummer, de Chimo Bayo a Fidel Castro ou Lenin, de Joaquim Agostinho aos Maradona de Barreiros. Todos eles e elas forman parte do bestiario que Martiño Suárez vén ofrecendo en Praza.gal dende hai algo máis dun ano, e que dende hai unhas semanas ten a súa versión radiofónica a través de Radio Galega (Ao Contraataque). Agora esas historias van conformar un libro, o segundo volume do Bestiario do Vestiario, que lle dá continuidade á obra editada en 2016 por Carlos Meixide a través dunha campaña de crowdfunding.
Desta volta repítese a fórmula e unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami comezou este luns para reunir os apoios necesarios (ao redor de 2.500 euros) para a edición e impresión do libro. Este "segundo tempo" do Bestiario do Vestiario conterá as 51 historias publicadas nos últimos meses en Praza.gal (están aínda pendentes as últimas), contando coa maquetación e deseño de portada de Roi Fernández e de novo coa edición de Carlos Meixide. A publicación do libro está prevista para comezos de decembro. Quentiño para o Nadal. Entre as recompensas ofrecidas por apoiar a publicación atopamos o propio libro (8 euros en pdf, 15 euros en papel) e unha longa serie de agasallos por achegas maiores, dende algunha das novelas de Carlos Meixide ata un concerto privado de Martiño Suárez (ex The Homens, Grampoder...).
Este "segundo tempo" do Bestiario do Vestiario conterá as 51 historias publicadas nos últimos meses en Praza
"A min interésanme certo tipo de historias que se cadra non son as que aparecen na prensa deportiva convencional. Gústanme os deportistas raros e os que perden. As súas historias sempre teñen menos repercusión", comenta o autor. Neste zoolóxico deportivo cóntanse relatos de éxitos e de truinfos, pero é certo que o que predominan outro tipo de heroes e heroínas. Os derrotados e derrotadas, os equecidos e esquecidas pola historia, os e as que foron á contra. Historias de sufrimento, da vertente máis épica do deporte. O deporte como a vida mesma. "Realmente é unha cousa moi metafórica. Ás veces dise isto de que un partido de fútbol é como a guerra por outros medios", apunta Martiño Suárez. Tamén aparecen nestas páxinas algúns crossovers, as anécdotas deportivas protagonizadas inesperadamente por músicos, políticos ou pintores. Ou fenómenos deportivos que transcenden o deporte mesmo e que se converten noutra cousa, nun sentimento, nunha ideoloxía, nun elemento clave da identidade individual ou colectiva.
Quedan temas por contar? "O deporte é un tema que parece que cada vez ten máis importancia na vida da xente e podes atopar cada vez máis historias. Cando un comeza a tirar dun fío, acaban saíndo 3 ou 4 temas novos de cada vez", comenta Suárez, que explica que "dende que saíu o primeiro libro, hai xente que de cando en cando me comenta algún posible tema novo. E outros mesmo me chegan con recortes de revistas de época". Aínda que a información deportiva ocupa horas de programación televisiva e rediofónica e páxinas e páxinas nos medios escritos, moitas veces esta información é moi repetitiva e escasamente diversa, demasiado centrada no fútbol ou en determinados equipos ou xogadores. Afortunamente, nos últimos anos veñen xurdindo medios e publicacións que apostan por outra forma de contar o deporte e as historias persoais e colectivas asociadas a el, dende Panenka a O Dez.
"Dende que saíu o primeiro libro, hai xente que de cando en cando me comenta algún posible tema novo. E outros mesmo me chegan con recortes de revistas de época"
"Hai unha parte moi importante do xornalismo deportivo que non deixa de ser un Sálvame para maromos, dende El Chiringuito a á maior parte das páxinas de Marca. Pero hai xente que quere ler outros contidos sobre deporte e están aparecendo iniciativas moi interesantes. Hai moito que contar". E cal é o Bestiario preferido de Martiño Suárez? Pois unha historia relacionada co ciclista Julián Gorospe e a Vuelta a España de 1983, que pechará o libro e que se publicará nas vindeiras semanas en Praza. Non a perdan!