Eva Veiga: “O mundo non ten posibilidade de redención sen a inocencia”

Eva Veiga Dominio Público Praza Pública

‘Silencio percutido’ (Espiral Maior), o libro co que Eva Veiga gañou o XXXI premio de poesía Cidade de Ourense, é se cadra o seu poemario máis metalingüístico. Nel, a autora procura a orixe da linguaxe. O momento fascinante no que esta comezou a construírnos. ‘Silencio percutido’ publicouse moi pouco tempo despois de ‘Soño e vértice’, tamén editado por Espiral, e gañador do certame do concello de Carral. Falamos con ela destes dous libros e da súa relación coa súa obra anterior.

Publicaches ‘Silencio percutido’ e ‘Soño e vértice’ moi seguidos, e moi perto tamén de ‘A distancia de tambor’. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?

Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro ‘Soño e vértice’ e despois ‘Soño percutido’, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que ‘Silencio e percutido’ e ‘Soño e vértice’ teñen moito que ver. 

En que sentido?

É como se ‘Silencio percutido’ só puidera vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre.

"A poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a do silencio, da verdade"

Por que lle chamaches ‘Silencio percutido’?

O sentido da poesía reside en tocar algo que foi, ou escoitar o que Eliade dicía: o silencio poético, o inaudible; ou o que Valente dicía: o latexo do non manifestado. Ten que ver con iso. Así, ‘Silencio percutido’ é a procura do silencio no lugar a onde todo cae, a onde todo cae o que se vive. Onde pervive no seu movemento espiritual, na conciencia, o que nos impresiona no corazón, na víscera, na entraña, o que nos vibrou as cordas, o que nos conmoveu, pero que é algo indefinible. O silencio é o momento de escoitar o movemento que foi. A poesía busca o que non sei de min, pero non de min como individuo, senón da humanidade, do que somos todos.

"A poesía busca o que non sei de min, pero non de min como individuo, senón da humanidade"

Sempre explicas ben o que son para ti os teus libros. Non é fácil facelo.

Non sei se é así… Pero si é certo que teño reflexionado moito sobre o feito poético. Para min escribir é unha maneira de concibir o mundo. Empecei a publicar tarde. Antes non me resultara necesario publicar. Eu xa escribía antes, e a poesía era para min un modo de ver, de sentir, de buscar…

Palabra, verdade, lingua son, -algo falabas diso antes-, os eixos de ‘Silencio percutido’…

É verdade, si. De feito é a procura do comezo da palabra. Por iso está ao principio o poema de Valente. É un libro, nese sentido, sobre a orixe, a orixe da linguaxe, a orixe do dicir. Ese marabilloso momento de antes do dicir, da aprendizaxe da primeira palabra. O momento no que ti es un mundo, non hai discernir entre ti e o mundo. Cando aparece a primeira palabra, ao mesmo tempo achégaste e afástaste. A través da distancia da palabra, podes achegarte ao mundo, e a ti. A primeira palabra inaugura o teu mundo. Todo isto xa estaba en ‘A luz e as súas cicatrices’, e volve neste libro.

"A través da distancia da palabra, podes achegarte ao mundo, e a ti. A primeira palabra inaugura o teu mundo"

Tamén está a infancia como orixe. A infancia como lugar inocente estaba en ‘A distancia do tambor’.

Porque a infancia é tamén, claro, a inauguración do mundo. E ese momento de inaugurar algo para ti é tamén a creación, como trasunto, a metáfora onde a imaxe e o referente son o mesmo. Non hai poesía se non hai inocencia, non hai verdade se non hai silencio. Aínda que o sistema lingüístico nos constrúa, nos moldee, adulterando a nosa visión do mundo coa súa lóxica propia, que nos é allea, que nos escraviza a maior parte do tempo.

Por iso é tan importante a poesía, porque rompe esa arañeira, porque é o xeito de rompela. É a fisura. Tamén me fascina onde remata o verso: o precipicio, o abismo, que tamén se relaciona coa morte, e con ela a vida. Eu vivín procesos físicos perto dela, da morte. Pero o que me interesa non é o individuo, a experiencia persoal. O que busco é que a poesía me permita achegarme á dor dos demais. Os humanos comunicámonos, sobre todo, pola experiencia.

"Non hai poesía se non hai inocencia, non hai verdade se non hai silencio"

Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?

A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.

"Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz"

Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.

Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.

Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos.

"É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida"

Amor e morte tamén aparecen asociadas nos teus libros. Como nun oposto amor-vida/morte. Neste poemario, o amor e a palabra.

Non creo que a morte negue o amor. Porque cando amas, dalgún xeito, morres. Porque o ego, o eu, se pesa demasiado, non pode acoller. É como a palabra e o silencio. O silencio é calar o pensamento actual, o que está aí. Non hai poesía sen el. Acalar para que emerxa do silencio o que eu non sei dicir. Iso tamén supón unha certa morte do eu, do ego. Cando amas a alguén desaparece un pouco de ti. Hai, así, unha relación entre o amor e a palabra en estado de emerxencia.

As palabras que se combinan deixan de ser elas para emerxer noutra dimensión. Eu descubrino con aquela mestra da escola que nos lía un poema, cando eu tiña catro anos. Era a linguaxe en estado de emerxencia. A linguaxe é un misterio, a creación de sentido. E a metáfora aínda máis. É algo que me fascina totalmente, porque a linguaxe fainos ser o que somos. Para ben e para mal, porque a linguaxe tamén minte. Por iso falo no poemario de desconfiar da palabra, e por iso busco a orixe, a inocencia. O emerxer.

"Non creo que a morte negue o amor. Porque cando amas, dalgún xeito, morres. Porque o ego, o eu, se pesa demasiado, non pode acoller"

O nacer.

Renacer, máis ben. Por iso a infancia. Non me vou desprender nunca da infancia. A infancia como lugar seguro, onde aínda pode vivir a inocencia. O mundo non ten posibilidade de redención sen inocencia, e ante a inocencia só podemos estar desarmados. Sen armas, sen a linguaxe que nos permite defendernos, pero que tamén constrúe unha gaiola na que quedamos enleados. A poesía é o único que pode romper a gaiola.

"A linguaxe permítenos defendernos, pero tamén constrúe unha gaiola na que quedamos enleados. A poesía é o único que pode romper a gaiola"

E a memoria? Estaba moito en ‘A distancia do tambor’ e ‘A frecha azul do teixo’. Que é neste libro?

Aquí é o que eu descoñezo de min. Aquí trato de encontrar o que me determina de tal modo. Dicía Rilke que a maior parte dos sucesos son indicibles. A maior parte do real, do verdadeiro, queda por dicir. Por iso tamén deixo espazos nos meus versos. Intervalos, silencios, nos que o lector ou lectora pode entrar. Ler o que non está escrito, di Blanchot. No fondo, esa é a intención do libro. Ler o que non está escrito. Os versos quedan soltos como boias, non se amarran.

"No fondo, esa é a intención do libro. Ler o que non está escrito"

E ‘Soño e vértice’? Por que dicías antes que, sendo libros distintos, teñen moito que ver?

En ‘Soño e vértice’ está moi presente o visible e o invisible, o que se dá a ver a través dos signos, da palabra. É necesario traer o que non se ve, de nós, do mundo. O soño é tamén unha experiencia misteriosa e reveladora. Aprendemos que hai un modo de construír a linguaxe, unha sintaxe, que non responde á razón, pero ten un significado, que é profundo en nós, que non acadamos coa lóxica da vixilia, pero do que buscamos pistas. A linguaxe dos soños parécese á linguaxe poética porque non é a razón a que a domina. O soño evádese do imperio dogmático da razón, e dalgún xeito padecémolo, porque non depende da nosa vontade.

"A linguaxe dos soños parécese á linguaxe poética porque non é a razón a que a domina"

A poesía tamén a padecemos, dalgunha maneira. É escrita ás agachadas da razón, fai xurdir algo que ten outro sentido, que non responde á razón da vixilia. O soño dinos algo de nós, de quen somos, da vida. Non pode haber vida sen soño, nin sen poesía. Todos os pobos que sobreviviron teñen poesía. Non sobreviven sen poesía, porque a poesía fala da razón profunda do ser. A historia fala do sucesos, nada máis. Pode contar o que pasou, pero non a verdade. Porque a verdade tamén é emoción, sentimento. Non se esgota na razón. E cada pobo ten o seu ritmo do corazón. A luz vén do escuro. A razón non pode renacer. A memoria que enxendra, que emerxe, que renace, é a do ritmo, da da poesía. Ben, todo iso é só o que eu creo, claro...

NA TENDA DE PRAZA: Podes mercar 'Silencio percutido' aquí e axudar así ao sostemento económico do xornal.

Eva Veiga Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.