Mariña Patrimonio e ADEGA denuncian a existencia de 101 xacementos arqueolóxicos afectados por labores forestais na provincia de Lugo nos últimos meses
Mariña Patrimonio e ADEGA denuncian a existencia de 101 xacementos arqueolóxicos afectados por labores forestais na provincia de Lugo nos últimos meses. En concreto, segundo as denuncias presentadas polas dúas entidades, 80 xacementos foron afectados por plantacións de eucaliptos, 19 por piñeiros e 2 por outras causas.
Estas 101 posibles afectacións a xacementos arqueolóxicos, legalmente protexidos, foron postas en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural mediante as correspondentes denuncias, co obxectivo de que se investiguen e se comprobe se as plantacións forestais cumpriron coa normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural. Así mesmo, solicitouse a apertura de expedientes sancionadores contra as persoas responsables, a retirada das árbores plantadas e a adopción de medidas para corrixir os danos causados.

En concreto, segundo as denuncias presentadas polas dúas entidades, 80 xacementos foron afectados por plantacións de eucaliptos, 19 por piñeiros e 2 por outras causas
Desde o ano 2009, Mariña Patrimonio e ADEGA veñen realizando un seguimento continuado das afectacións a xacementos arqueolóxicos na Mariña, documentando os impactos sobre o patrimonio e denunciando os casos detectados. Dende entón, ambas as dúaas asociacións levan presentadas numerosas denuncias perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas que se alerta dos danos causados por intervencións forestais e outras actividades que incumpren a normativa de protección patrimonial.
Un dos métodos empregados para identificar estas agresións é a comparación das imaxes aéreas dispoñibles en internet, coas que se revisan as actualizacións das ortofotografías para detectar cambios no terreo que poidan indicar a alteración de elementos patrimoniais. Unha vez detectadas estas posibles afectacións, voluntariado das asociacións desprázase a cada un dos xacementos identificados para comprobar in situ a existencia dos danos.
Na Mariña, a zona con maior superficie dedicada ás plantacións de eucaliptos, só se detectaron 7 xacementos arqueolóxicos afectados. Na zona sur apenas se atoparon casos, mentres que na zona centro detectáronse un número elevadísimo de xacementos afectados
No ano 2024, varios visores cartográficos actualizaron as súas imaxes aéreas, polo que, como vén sendo habitual, Mariña Patrimonio e ADEGA realizaron unha revisión para detectar posibles afectacións ao patrimonio. Ao examinar as novas imaxes, constataron que na Mariña, a zona con maior superficie dedicada ás plantacións de eucaliptos, só se detectaron 7 xacementos arqueolóxicos afectados. Posteriormente decidiron ampliar a revisión ao resto da provincia para comprobar se esta tendencia se repetía noutras zonas. Na zona sur apenas atoparon casos, mentres que na zona centro detectaron un número elevadísimo de xacementos afectados.
As dúas entidades destacan que "a diferenza entre ambas zonas é evidente: onde hai control cidadán e preocupación polo patrimonio, as empresas forestais e as persoas propietarias actúan con máis cautela". Así, na Mariña, "tras anos de seguimento e denuncias por parte de Mariña Patrimonio e ADEGA, os xacementos reciben un maior respecto porque as intervencións forestais están vixiadas e hai un maior risco de que as infraccións sexan denunciadas".

As dúas entidades destacan que "a diferenza entre ambas zonas é evidente: onde hai control cidadán e preocupación polo patrimonio, as empresas forestais e as persoas propietarias actúan con máis cautela"
"Pola contra, na zona centro, onde o seguimento non foi tan constante nin exhaustivo, e onde a inacción da Dirección Xeral de Patrimonio é evidente, a destrución do patrimonio continúa con total impunidade", denuncian. "A falta dun control efectivo por parte da administración fixo desaparecer na práctica calquera protección real dos xacementos. A ausencia de vixilancia permite que moitos propietarios e empresas forestais actúen con total liberdade, sen temor a repercusións legais, perpetuando así a degradación do noso patrimonio", engaden.
Acción da maquinaria pesada sobre os xacementos
Hai dous anos o Consello da Cultura Galega presentou un informe que analizaba os prexuízos provocados pola expansión das especies de crecemento rápido nos montes do país. O documento alertaba de que existe un "amplo marco normativo" para protexer o medio, pero denuncia que os instrumentos presentes nestas leis non se desenvolven e que a Administración actúa con "pasividade".
- "Pola contra, na zona centro, onde o seguimento non foi tan constante nin exhaustivo, e onde a inacción da Dirección Xeral de Patrimonio é evidente, a destrución do patrimonio continúa con total impunidade", denuncian
A corta do monte, con apertura de vías de saca, o paso de maquinaria pesada sobre os xacementos e a preparación do terreo para as plantacións forestais, que inclúe os buracos e os sucos de plantación, provocan en moitos casos danos graves e incluso a destrución de bens patrimoniais protexidos. Ademais, as raíces acaban afectando as estruturas e os estratos arqueolóxicos, o que contribúe á súa alteración ou destrución progresiva.
Para dar a coñecer esta situación na provincia de Lugo, ADEGA e Mariña Patrimonio organizan un acto informativo o xoves 3 de abril ás 20:00 h no Vello Cárcere de Lugo.