Da 'fariña' á 'deseucaliptización' pasando pola 'sororidade'. 6 opcións para a 'Palabra do Ano'

As seis palabras finalistas © Palabra do ano

As seis finalistas son apoderamento, deseucaliptización, fariña, fascismo, feminismo e sororidade.

Xa se coñecen as seis voces que se poden converter na Palabra do Ano 2018, dentro da iniciativa que dende o 2014 leva a cabo o Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Trátase de apoderamento, deseucaliptización, fariña, fascismo, feminismo e sororidade. Poderán votarse ata as 23.59 horas do 25 de nadal neste enlace. E a palabra gañadora darase a coñecer o xoves 27 de decembro.

Na primeira fase da campaña recibíronse máis de 7.000 achegas que se traduciron en 962 termos diferentes, entre os que foron seleccionadas as seis palabras. A RAG destaca que "calquera dos finalistas cumpren requisitos claros para se converter no elixido polo público: ser dos máis repetidos na recollida de propostas, referirse a realidades ou fenómenos que están a marcar dalgún xeito a actualidade desde 2018, irromper con forza na linguaxe cotiá ou mesmo cobrar visibilidade como marca de identidade".

Todas elas atópanse xa recollidas no diccionario, agás deseucaliptización. Unha nova acepción de apoderamento foi incorporada en setembro

Todas elas atópanse xa recollidas no diccionario, agás deseucaliptización. No caso de apoderamento, a súa acepción como “proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais”, que de seguro é a que xustifica a súa inclusión nesta lista de 6 palabras finalistas, foi incorporada o pasado mes de setembro. A RAG destacou daquela que o termo apoderamento era moito máis correcto que a utilización de empoderamento, produto da irrupción recente do anglicismo empowerment.

A movemento de apoderamento das mulleres neste 2018 achega tamén os termos sororidade e feminismo. Mentres, o éxito do libro de Nacho Carretero e da serie televisiva posterior puxo de renovada actualidade o termo fariña, unha palabra galega coñecida e usada en todo o Estado. Finalmente, o auxe dos movementos de extrema dereita deulle un maior protagonismo ao uso da palabra fascismo.

Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

No 2017 a palabra escollida foi 'afouteza' © Charlie Cunningham

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.