O 'apoderamento' feminino entra no dicionario da RAG

Manifestación feminista CC-BY-SA Praza Pública

“Proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais”. Esa é a terceira acepción que vén de incorporar o dicionario da Real Academia Galega baixo o termo apoderamento, á que acompaña co exemplo de uso “apoderamento feminino”.

A academia incorpora ao termo a acepción "proceso polo cal unha persoa ou grupo social adquiren os medios para fortalecer o seu potencial en termos económicos, políticos ou sociais" e pon como exemplo "apoderamento feminino"

A RAG explica que o termo inglés empowerment “irrompeu desde o feminismo no vocabulario cotián para referirse a un dos elementos do avance cara á igualdade de xénero”, polo que tras recibir o pasado maio unha petición ao respecto, a institución vén de incorporar esa acepción ao termo galego apoderamento.

Manuel González, catedrático de Filoloxía Románica e coordinador do Seminario de Lexicografía da RAG, explica que, fronte ao que acontece en linguas como o portugués ou o italiano, en galego o préstamo íntegro do inglés, empowerment, apenas tivo uso, nin se rexistrou unha posible adaptación fonética como podería ser empovermento. Pola contra, pola influencia do castelán, veuse empregando con frecuencia empoderamento. Fronte a esas opcións, a RAG optou por tirar do termo apoderamento.

Así o explica González: "O galego tradicional non coñece un verbo empoderar, que si existe en castelán, aínda que con pouco uso, desde a época medieval. Pero posúe o verbo apoderar, da mesma familia ca o inglés empower, e con practicamente os mesmos significados tradicionais ca este ('autorizar' ou 'dar poderes', 'capacitar' e 'superar en forza ou intensidade'), e posúe igualmente un substantivo derivado apoderamento, cos mesmos significados tradicionais do inglés empowerment. Por iso parece máis axeitado para a lingua galega adoptarmos para esta nova acepción aparecida no inglés to empower e empowerment as denominacións tradicionais galegas apoderar e apoderamento"

Xunto con esa acepción ligada ao feminismo, a RAG tamén incorporou a apoderamento outra acepción máis derivada do mundo empresarial para referirse á delegación de poder de decisión nas persoas colaboradoras e subalternas para que se sintan máis implicadas e responsables nunha organización ou nunha empresa.

Definicións de 'apoderamento' no dicionario da RAG coas novas acepcións incorporadas Dominio Público RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.