Sempre foi un clásico -realmente só os máis grandes son quen de seren clásicos en vida- mais demoraremos moito tempo en calibrar a magnitude real da súa figura, non só para as letras galegas, tamén para as universais. Demoraremos moito tempo en lle facer xustiza
Foi nos anos xa lonxincuos do liceu melidán cando tiven o primeiro contacto coa literatura ferriniana, Amor de Artur, cuspe, faragullas, lume, traizón, Lancelot, Xenebra, o corazón roto artúrico, un arreguizo a percorrer o meu corpo adolescente, meu Deus, quero escribir como ese señor, meu Deus, sei que iso é absolutamente imposíbel, a súa prosa inalcanzábel.
Lino logo máis tarde, con dúas xemas en destaque, o Pólvora e Magnolias e Bretaña, Esmeraldina, obras dunha altísima calidade ao alcance apenas dos elixidos, el como primus inter pares indiscutíbel da literatura galega do século XX, versos e prosa a espellar a súa paixón, o seu amor por Galiza.
E como escritor superdotado, non só criou lingua -o galego como idioma mellorou coa súa pena feraz-, mais tamén criou escola, outras literaturas como pólas da árbore ferriniana e todos temos na cabeza nomes que escuso consignar aquí, nomes que non escribirían o que escriben e como o escriben se non fose polo tránsito de Ferrín por este mundo.
Aquí ficamos os vivos, a invocar o seu legado e a ler a súa obra inconmensurábel, aquí continuamos, ferrinianamente, a reclamar “libertade” para o seu, para o noso pobo
Sempre foi un clásico -realmente só os máis grandes son quen de seren clásicos en vida- mais demoraremos moito tempo en calibrar a magnitude real da súa figura, non só para as letras galegas, tamén para as universais. Demoraremos moito tempo en lle facer xustiza.
Mentres tanto, aquí ficamos os vivos, a invocar o seu legado e a ler a súa obra inconmensurábel, aquí continuamos, ferrinianamente, a reclamar “libertade” para o seu, para o noso pobo.