O BNG reivindica a loita contra a central nuclear de Xove 40 anos despois das mobilizacións

Acto do BNG en lembranza das mobilizacións contra a central nuclear en Xove CC-BY-NC-SA BNG

O 10 de abril de 1977 era un día chuviñento. Naquel Domingo de Resurreción polas rúas de Viveiro tamén ecoaba a nova que marcara a xornada anterior, a legalización do PCE por parte do Goberno de Adolfo Suárez, pero o fervedoiro político e sindical no que tornaran respondía a outro motivo. Ese domingo era a xornada elixida para canalizar a través dunha gran manifestación a oposición á construción dunha central nuclear nuclear no lugar de Regodela, en Xove, que xermolaba na contorna dende había catro anos antes. A convocatoria foi todo un éxito, milleiros de persoas -unhas 8.000, segundo a organización, e arredor de 5.000, atendendo á prensa da época- desafiaron a prohibición do gobernador civil de Lugo nunha mobilización que tornou en icónica e que o BNG vén de reivindicar no seu cuadraxésimo aniversario cun acto conmemorativo.

A opinión das clandestinas formacións da esquerda galega non era unánime sobre a central cando chegaron as primeiras novas ao respecto, en 1973. No entanto, organizacións como a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e a Unión do Povo Galego (UPG) e asociacións culturais ligadas ou afíns a elas -como a Agrupación Cultural Sementeira, de Viveiro, ou o Club Cultural Valle Inclán, en Lugo-, así como ás Comisiós Labregas, desenvolveron un intenso labor informativo e mobilizador na zona. Conferencias de economistas e enxeñeiros sobre os perigos ecolóxicos e económicos e fitos como un debate sobre a enerxía nuclear na sala de festas Verxeles de Viveiro, coa asistencia dunhas 2.000 persoas, inclinaron o sentir popular contra os plans de Fenosa, Eléctrica del Viesgo e Hidroeléctrica del Cantábrico.

As autorizacións outorgadas polo Goberno de Adolfo Suárez para dar luz verde ao proxecto que comezara a xestarse nos derradeiros anos da ditadura serviron para aguilloar definitivamente a mobilización. A prohibición gobernamental foi sorteada tornando a manifestación prevista nunha marcha a pé. Masiva, pero pola beira da estrada e cun servizo de orde que reiteraba a necesidade de non incorrer en provocacións cara á Garda Civil. A marcha contra a central nuclear durou unhas tres horas e rematou no adro da igrexa de Xove, con discursos contra o proxecto de Fenosa que a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, evocou este sábado, máis de 40 anos despois.

O movemento de oposición á central sorteou a prohibición do gobernador civil de Lugo e tornou a marcha de Xove nunha multitudinaria mobilización

Acompañada por participantes naquelas mobilizacións, como o na altura líder das Comisións Labregas, Emilio López Pérez (Milucho), Josefa Domínguez ou Antonio Oca, a portavoz do Bloque subliñou a "vixencia" das reivindicacións daqueles anos. A formación nacionalista, di, sente "orgullo" por facer parte dunha "gran historia de defensa do interese xeral de Galiza" e da loita "contra o espolio dos recursos naturais de Galiza" que, na súa opinión, se manifesta en 2017 coa oposición aos plans do Grupo Villar Mir para segregar e vender as centrais hidroeléctricas que explota Ferroglobe -antiga Ferroatlántica-nos ríos Xallas e Grande.

Placa conmemorativa no lugar das mobilizacións colocada este sábado polo BNG

"A mobilización social volve ser imprescindible para gañar esta loita, hoxe en Cee e Dumbría, como hai 40 anos en Xove", di Pontón, quen ve a Feijóo "empeñado en usar Galiza para pagar favores do PP". A colocación dunha placa conmemorativa das mobilizacións de 1977 contra a central nuclear, cancelada definitivamente en 1984, e a inauguración na biblioteca de Viveiro dunha exposición sobre aquel movemento completaron este sábado os actos de lembranza organizados polo Bloque.

Cartel das Comisiós Labregas contra a central nuclear en Xove Dominio Público SLG
Unha mobilización contra a central Dominio Público Fundación Galiza Sempre

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.