Os herdeiros de Franco embravecen nos tribunais. Case ao mesmo tempo que o xulgado de instrución número 41 de Madrid lles daba a razón en primeira instancia no litixio pola propiedade das esculturas do Mestre Mateo reclamadas polo Concello de Santiago, os netos do ditador interpuñan unha demanda ante o xulgado 44 desa mesma cidade para tentaren perseguir na Xustiza a un dos principais investigadores do espolio do Pazo de Meirás, o sadense Carlos Babío, xunto a outra decena de persoas e á empresa de comunicación Mediaset, propietaria de canles televisivas como Telecinco e Cuatro.
Os Franco basean a súa demanda nun programa de Cuatro sobre o seu patrimonio e acusan de inxurias e calumnias a Babío, a outras persoas que interviron no espazo e ao propio grupo de comunicación
Os Franco basean a súa demanda por inxurias e calumnias na emisión, o pasado xullo, dunha reportaxe no programa En el punto de mira da canle Cuatro sobre o patrimonio dos herdeiros do xeneral golpista e "os negocios nos que investiron a súa fortuna". Un dos asuntos tratados nese espazo televisivo foi o espolio de Meirás, pero tamén a Casa Cornide da Coruña e diferentes empresas que xestiona a familia. Xunto a Babío son demandados os xornalistas que elaboraron a reportaxe e persoas entrevistadas nela como o investigador Mariano Sánchez Soler, un dos maiores expertos no patrimonio dos Franco, ou o propio grupo de comunicación.
Babío, autor xunto a Manuel Lourenzo da investigación Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, pescuda que detalla polo miúdo como Franco quedou coas torres de Meirás e propiedades lindeiras, confirma que vén de recibir o escrito da demanda. Este fixa como primeiro paso unha conciliación en Madrid no vindeiro mes de marzo.
Babío explica que, alén do contido concreto do programa, os herdeiros do ditador volven "ao mesmo de sempre", isto é, a "negar o espolio" de Meirás documentado en investigacións como a súa
O investigador explica que, alén do contido concreto do programa ou de eventuais inexactitudes que a canle televisiva puidese divulgar sobre as propiedades dos Franco, a cuestión de fondo é que os herdeiros do ditador regresan "ao mesmo de sempre", isto é, "a negar o espolio" que, no caso de Meirás, el mesmo "documentou", pero tamén "vivín na miña casa", en Sada, polo que "ninguén me vai explicar o que eu mesmo vivín". Non en van, a súa avoa perdeu a casa cando as autoridades da ditadura deron en ampliar as propiedades en torno a Meirás.
As primeiras mostras de solidariedade con Babío despois de recibir a demanda chegaron dende o BNG, formación na que milita. "Babío resúltalles moi molesto aos herdeiros do ditador porque a partir das súas pescudas tanto a Deputación da Coruña como o Parlamento abriron dúas investigacións" que "remataron en senllos informes solicitando ao Estado que interveña no espolio pola vía xudicial para recuperar o Pazo de Meirás. "Carlos Babío -di a formación nun comunicado- converteuse en albo dos Franco porque o seu traballo contén as probas de como obtiveron eses bens de forma ilícita".