A familia de Francisco Franco vén de iniciar os trámites para a venda do Pazo de Meirás. Segundo asegura o diario ABC, de fontes próximas aos herdeiros do xeneral fascista, terían xa solicitado a taxación do inmoble que foi doado ao diador en 1938 mediante coaccións e represión en plena guerra civil, tal e como acreditan numerosas fontes e documentación e o estudo publicado recentemente por Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo. Aínda que non se coñece o prezo, outros medios aseguran que sería de 8 millóns de euros.
A morte da única filla de Franco tería levado á familia a decidir desprenderse do Pazo de Meirás
Empregado durante anos como estancia de vacacións estivais dos Franco, a morte o pasado 29 de decembro da única filla do ditador, Carmen Franco, tería levado a familia do ex-xefe do Estado durante a ditadura á venda dun inmoble que acumula moreas de incumprimentos nas súas visitas como condición por ser Ben de Interese Cultural (BIC) e que este verán pasaron a ser xestionadas pola Fundación Francisco Franco, que non dubidou en afirmar que empregaría a ruta polo Pazo para gabar a figura do xeneral fascista.
Malia a presión social e política dos últimos anos, os Franco negáronse sempre a ceder Meirás, ao tempo que nin desde a Xunta nin desde o Goberno central se levou a cabo iniciativa ningunha para revertelo para o pobo, tal e como reclaman desde hai tempo a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, o Concello de Sada -onde se asenta- ou a recentemente constituída Xunta pro Devolución do Pazo.
Precisamente, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, denunciou que o anuncio de venda do Pazo de Meirás por parte da familia de Franco supón a “constatación de que os traballos da Xunta pro Devolución do Pazo -impulsada pola institución provincial- van por bo camiño”. Ademais, afirmou tamén que isto "non modifica a estratexia que se está a seguir" e que nas próximas semanas estará o informe xurídico que sinala os pasos para que o inmoble pase a ser ben público.
A Deputación da Coruña advirte do intento dos Franco por "desprenderse dunha propiedade resultado do saqueo ao pobo galego"
Goretti Sanmartín lembra que a celeridade da familia Franco responde a “querer verse libre dunha propiedade que é resultado do saqueo ao pobo galego e que é o centro dunha demanda social”. Que apenas mes e medio despois da morte da filla do ditador, os fillos decidan vender o Pazo de Meirás explícase débese, segundo a vicepresidenta da Deputación, "a unha vontade de querer desprenderse dun ben que conseguiron de maneira ilícita e está a ser reclamado social e institucionalmente”.
Consultado por Praza.gal, o alcalde de Sada, Benito Portela, recoñece que coñeceu a noticia da intención da venda do Pazo por parte dos Franco "pola prensa" e que non ten "información ningunha" sobre esta posibilidade. Con todo, lembra que é a Xunta quen ten "o dereito de tanteo" no caso de que a familia do ditador chegue a algún acordo para se desfacer do inmoble.
A Xunta e o Concello de Sada confirman que non teñen información ningunha sobre as intencións dos Franco
Precisamente, a Consellería de Cultura aclara a Praza.gal que as supostas intencións son "unha cuestión privada que se coñece a través dos medios de comunicación". "Non hai ningunha constancia nin ningunha comunicación formal nin informal por parte da familia Franco sobre o desexo de vender o Pazo de Meirás", lembran. Ademais, insisten en que "a vontade política de Galicia, manifestada no acordo parlamentario do pasado 27 de setembro, céntrase en procurar incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, sen que a esta incorporación ao patrimonio público implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938". "Trátase dun acordo que reflicte o sentir xeral da sociedade galega de non pagarlle a familia Franco por este inmoble", reitera.
O BNG, nas redes sociais, xa amosou o seu rexeitamento ás intencións da familia Franco. "O Pazo de Meirás é patrimonio do pboo galego; é un Ben de Interese Cultural e non se vende. Que nos devolvan o roubado!", din. Ademais, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña advirte de que o inmoble "non se merca" porque "é de quen o pagou, o pobo galego". Así, chama á cidadanía a "manifestar a súa clara vontade de que o Pazo pase a mans públicas".