0 Gardados para despois

"O xeito no que se fixo a Transición ten moito que ver na situación do Pazo de Meirás"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo presentaron este martes na Coruña Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, a maior investigación sobre o proceso que levou á incautación forzada dun Pazo convertido en símbolo non só da ditadura e do réxime fascista, senón tamén dos privilexios, propiedades e capital dos que goza aínda a familia do ditador máis de 40 anos despois da súa morte. Froito dun intenso traballo de anos, os autores achegan no libro documentación que proba o espolio coñecido pero tamén información e datos sobre moitos outros aspectos polémicos -cando non ilegais e claramente inmorais- que rodearon aquel proceso que supuxo un "macroespolio" moito máis aló da antiga residencia de Pardo Bazán e que contou coa colaboración da elite coruñesa conservadora da época. Falamos co historiador Manuel Pérez. 

Revela esta obra moitas cousas que non se saben sobre o espolio do Pazo de Meirás?

Si, efectivamente. O libro pretende documentar algúns aspectos máis ou menos coñecidos pero non moi documentados e tamén achegar información nova sobre outras cousas menos sabidas. Explícase, por exemplo, como as administracións públicas xestionan o Pazo de Meirás desde que lle é enteregado a Franco e ata a morte do ditador. 

"As administracións xestionaron o Pazo de Meirás como se fose público ou unha residencia oficial"

Xéstionano coma se fose propiedade pública?

Exactamente, como se se tratase dun edificio público, unha residencia oficial do xefe do Estado. Lévanse a cabo toda unha serie de obras, actuacións e investimentos no Pazo que son impulsadas, xestionadas e pagadas por diferentes administracións públicas. O caso é que, unha vez morto o ditador, o Pazo que estaba rexistrado a nome de Francisco Franco transmítese en herdanza aos seus familiares malia que se xestionara como unha propiedade pública. 

Semella todo pouco transparente e chafulleiro...

Deberiamos reparar xa en como se dispoñe a propiedade do Pazo desde o inicio. Establécese como unha doazón no ano 1938 e mesmo hai un acto de entrega, pero non se inscribe nese momento no Rexistro da Propiedade, senón que hai que agardar ata 1941, que é cando se formaliza a transacción e xa non como unha doazón da Junta pro Pazo senón como unha compravenda entre Franco e a herdeira de Emilia Pardo Bazán. Faise como se fose unha operación entre particulares e iso é o que consta a efectos legais, aínda que saibamos que non foi para nada así. 

"A transacción formalízase como unha compravenda entre aherdeira de Pardo Bazón e Franco cando todos sabemos que non é así"

Como foi?

Foi unha doazón promovida polas elites coruñesas, sufragada con subscricións nun contexto de dura represión e sen carácter voluntario na maioría dos casos. Ademais, tamén as institucións achegaron cartos. Desde un principio tratouse de blindar a propiedade, non como algo público senón como propiedade de Franco, aínda que as administracións interviñesen en todo momento na súa xestión. 

"O xeito no que se fixo a Transición ten moito que ver na situación do Pazo; a Lei de Amnistía evita que se poidan revisar incautacións como esta"

Como foi posible que morto Franco e chegada a democracia o Pazo seguise en propiedade dos Franco e non se puxese reparo ningún á situación creada en Meirás?

O xeito no que se levou a cabo a Transición tivo moito que ver, sen unha ruptura total co franquismo e cunha Lei de Amnistía en 1977 que evita que se poidan revisar todos estes procedementos de incautacións como o do Pazo de Meirás.  

Pero tivo que haber unha colaboración necesaria de cargos públicos e elites afíns ao réxime...

Claro que a houbo. Aquí debemos partir dun contexto: A Coruña, nos anos previos á sublevación militar, era unha cidade de tradición liberal e republicana, cun sector importante das elites dentro desa tradición, como por exemplo Santiago Casares Quiroga e toda a súa contorna. Ao producirse o golpe de estado, hai outro sector das elites, o máis ligado ao conservadurismo, que ve aí unha oportunidade para ocupar o seu lugar, tanto a nivel político como a nivel económico e de influencia. En Meirás ven a posibilidade de ter a Franco preto todos os veráns porque iso supoñía ter o Estado e o poder preto, algo moi importante para aquela xente. Os representantes das principais administracións, pero tamén da banca, de entidades sociais ou dos medios de comunicación, participan neste proceso. 

"A elite conservadora da Coruña ve en Meirás a posibilidade de ter preto a Franco e iso supoñía ter preto o Estado e o poder"

E aí é cando se produce o denunciado "macroespolio" que vai moito máis aló de Meirás...

Máis aló do propio Pazo temos o caso da Torre de Bendaña, que Franco decide trasladar e montar en Meirás. No xardín do Pazo hai varios elementos dela dispostos e foi o propio ditador quen interviu no deseño destes arredores do inmoble. Logo tamén están as estatuas do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e outros moitos elementos que hai no Pazo e que habería que identificar. Aí hai un traballo para investigadores proque hai moitas pezas dentro da propiedade das que habería que certificar a súa orixe. Ademais, ligado a todo este proceso de espolio tamén tempos a Casa Cornide da Coruña, outros terreos de Meirás e a propia ampliación das propiedades arredor do Pazo. 

"Hai anos era impensable que o Pazo se puidese recuperar, pero agora a sociedade está máis concieciada e as institucións son máis receptivas"

É optimista de cara á recuperación para o patrimonio público do Pazo?

Son optimista porque creo que se avanzou moito. Hai tan só uns poucos anos era inasumible e impensable que se puidera recuperar, pero a sociedade está agora moito máis concienciada grazas ás numerosas campañas, estudos e accións que se fixeron. Ademais, as institucións tamén son máis receptivas. Sería óptimo poder alcanzar consensos a nivel institucional; é un tema complexo pero son máis optimista hoxe que hai un tempo. 

De conseguirse esa recuperación para o patrimonio público, que lle gustaría que houbese no Pazo?

Non habería unha única opción porque o Pazo e os seus terreos conforman un conxunto enorme. Coido que debería haber un espazo que teña en conta a relevancia do inmoble na ditadura franquista, un centro o máis aberto posible á sociedade e ligado ás entidades de coñecemento e ás universidades que se centre no estudo do réxime franquista, das súas diferentes formas de represión... Ademais, creo que tamén hai que rescatar para Meirás a figura de Emilia Pardo Bazán, ausente hoxe cando é verdadeiramente a creadora e deseñadora do edificio, que está moi ligado á traxectoria da escritora. Estas dúas cousas terían que estar si ou si no Pazo, pero logo poderíanselle engadir moitas cousas. 

Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio

Vídeo de promoción do libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, a investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo sobre o espolio dos Franco no histórico edificio. O traballo, editado pola Fundación Galiza Sempre, preséntase este 28 de novembro na Coruña, ás 20:00 na Fundación ONCE.

Fundación Galiza Sempre

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.