Os Franco abren a Casa Cornide ao público o mínimo legal tras anos de insubmisión

Casa Cornide, na Coruña, propiedade da familia Franco Dominio Público Zarateman

A familia Franco vén de activar unha páxina web na que poder reservar visitas á Casa Cornide, na Cidade Vella da Coruña, logo de que fose declarado no outono de 2023 Ben de Interese Cultural (BIC), condición que implica unha apertura do edificio ao público que non se realizara e que provocou que os herdeiros do ditador fosen sancionados pola Xunta. Todo malia que para intentar evitar a multa argumentaran que residían temporalmente neste inmoble histórico.  

Os Franco abren a Casa Cornide o tempo e co número de visitantes mínimo que lles permite a lei: só os luns e vinte persoas como máximo

Tras anos de mobilizacións e reclamacións para a recuperación do edificio ao patrimonio público, tamén por parte do Concello, que iniciou formalmente hai pouco máis dun ano o procedemento para a súa devolución, os Franco abren agora a posibilidade de visitalo. Será un único día á semana, os luns nunha franxa horaria de 9 a 13 horas, permitindo a entrada dun máximo de cinco persoas por hora. Xa que logo, un máximo de 20 visitantes á semana, o mínimo legal que exixe a normativa da Xunta para os inmobles catalogados como BIC. 

Captura de pantalla da páxina web onde se poden reservar visitas á Casa Cornide CC-BY-SA Praza Pública

Tal e como se explica na propia web, só se admitirán reservas realizadas con polo menos 24 horas de antelación e durante a visita non se permitirá captar imaxes, vídeos ou son. Para os vindeiros días 4 e 11 de agosto, non quedan prazas dispoñibles para unhas visitas que foron activas sen que fose comunicado de forma oficial ás administracións nin se publicitase á cidadanía, un proceder semellante ao que os herdeiros de Franco fixeran co Pazo de Meirás cando aínda era da súa propiedade e antes de que fose recuperado para o público tras unha sentenza histórica

Ao igual que fixeran co Pazo de Meirás, os Franco optaron pola insubmisión e buscar diferentes vías para non abrir a Casa Cornide ao público, o que lles valeu unha multa de 3.000 euros da Xunta

Dende pouco despois de que a Casa Cornide fose declarada BIC, a familia de Franco procurou diferentes vías para non abrila, como alegar que é a súa vivenda "temporal", buscando así acollerse a unha excepción da Lei de Patrimonio Cultural que a Consellería de Cultura non aceptou.

Ao non lográreno por esta vía, optaron por incumprir, ata que logo de diferentes reclamacións que implicaron a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) ou a Valedora do Pobo, a Xunta acabou por impoñerlles unha multa de 3.000 euros por unha infracción da Lei de Patrimonio Cultural que acabou facéndose firme. 

No caso do Pazo de Meirás, os Franco tamén optaran pola insubmisión por múltiplas vías. Dende atrancar as visitas ás torres malia estaren obrigados a abrilas a empregalas como púlpito para gabar o militar golpista. Ata que o inmoble volveu ás mans públicas. 

Vista da fachada da Casa Cornide, na cidade vella da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Esa é tamén a intención coa Casa Cornide. Foi en maio do pasado ano cando o pleno municipal da Coruña aprobou por unanimidade —cos votos de PSdeG, PP e BNG— unha proposta para revisar os acordos plenarios do ano 1962 que supuxeron a usurpación da Casa Cornide por parte da familia Franco. A anulación destes acordos é clave para poder presentar a demanda xudicial, máis logo de que o Estado advertise que non ten base para reclamar o inmoble e deixase a responsabilidade desta reclamación en mans do Concello. 

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Educación. Con Alfonso Molina como alcalde, pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación Nacional, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque/zona escolar.

Unha compravenda "simulada"

Poucos días despois de dita permuta, Sergio Peñamaría (sucede a Alfonso Molina como alcalde o 19 de maio de 1959), tramita a venda e o pleno de 3 de  xullo de 1962 acorda a venda do palacio e tamén as bases para unha poxa que se celebra un mes despois. Pedro Barrié de la Maza gaña a poxa celebrada o 2 de agosto de 1962 e adquire a Casa Cornide por 305.000 pesetas. Esa mesma tarde o pleno dá conta que Barrié solicita transmitir a propiedade a Carmen Polo. Tres días despois Barrié culmina a operación e vende a casa a Carmen Polo por 25.000 pesetas, como figura na escritura.

Un informe xurídico encargado polo Concello á UDC —e que serviu de base para iniciar a reclamación xudicial do inmoble— advertiu da ilegalidade dos procedementos de permuta, poxa pública e posterior venda da Casa Cornide e sinalou a "simulación" na compravenda, nunha estrataxema idéntica á que indicou a xustiza no caso do Pazo de Meirás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.