Artur Puga: “A música tradicional está de moda e cada vez hai máis xente que quere bailar”

Artur Puga durante un obradoiro de danza na Reitoral da Chaira, en Riós (Ourense). CC-BY-SA Seisporoito

O bailarín, coreógrafo e percusionista Artur Puga ultima a posta en marcha de Seisporoito, escola itinerante de baile tradicional, que levará a cultura tradicional galega desde Vigo ata Barcelona pasando por lugares como Xinzo ou A Gudiña

“Hoxe en día é moi normal ver xente cos auriculares nas orellas escoitando música pola rúa, pero antigamente a música estaba concibida por e para bailar”. Con 27 anos, Artur Puga, percusionista, bailarín e coreógrafo vigués, ten ás súas costas unha traxectoria de máis de dez anos na docencia da música tradicional e o baile sempre co obxectivo de xerar cultura e fortalecer este patrimonio galego. Un obxectivo que agroma agora coa posta en marcha de Seisporoito, escola itinerante de baile tradicional, que levará a cultura tradicional galega desde Vigo ata Barcelona pasando por lugares como Xinzo ou A Gudiña.

Puga defende o baile como unha actividade física boa beneficiosa para o corpo e ten ideado un método propio de ensinanza mediante o que consegue desfacer os pasos ata chegar a movementos básicos. “Intento que a xente desconecte e se mova libre para, pouco a pouco, ir introducindo os pasos de baile”, detalla.

O balarín, coreógrafo e percusionista Artur Puga. CC-BY-SA Seisporoito

"A situación actual ten moito que ver coas Tanxugueiras, que foron a punta de lanza. Foi un escaparate", pero detrás xa había un tecido cultural sólido, asegura o bailarín

Xisco Feijóo elixiuno cando apenas contaba con 16 anos para poñerse á frente do grupo etnográfico A Buxaina (Coruxo, Vigo) e foi entón cando tomou a decisión de dedicarse a isto. Na súa traxectoria destacan as colaboracións con artistas como Tanxugueiras, Fran Sieira, Mondra ou o propio Xisco Feijóo, que están situando a música galega nun lugar de popularidade e recoñecemento nunca vistos.

O bailarín non dubida en sinalar o acontecido coas Tanxugueiras –coas que  foi ao Benidorm Fest- e a súa non selección para o Festival de Eurovisión, como clave para o despegue da música tradicional galega, pero detrás xa había todo un tecido cultural ben sólido traballando. “A situación actual ten moito que ver coas Tanxugueiras, que foron a punta de lanza. Foi un escaparate e agora está na crista da onda, con moita xente nova inmersa”, asegura Puga. “A música tradicional galega está de moda e cada vez hai máis xente que quere bailar”, defende.

Nos últimos anos Puga percorreu o territorio buscando sons e coñecemento e este mes de outubro porá en marcha a súa escola de baile Seisporoito, que o domingo, 8 de setembro, se presenta na Sala Rebullón de Vigo, onde haberá obradoiro de baile e foliada con sesión vermú.

Definido como unha “proposta para xerar cultura” Seisporoito está concibida como unha escola itinerante de baile, que dará aulas tanto en Galicia como fóra do país. Este ano o bailarín xa contaba con 300 alumnos e alumnas, repartidos pola xeografía galega e alén dela . Con este proxecto prevé multiplicar o alumnado, polo que contará cun equipo de tres docentes máis. 

Artur Puga ten un método de ensinanza de baile propio que busca liberdade nos movementos. CC-BY-SA Seisporoito

Esta proposta de ensinanza para profesionalizar e difundir a música tradicional galega xa ten acordos para impartir as súas clases en Vigo, Salceda de Caselas, Ourense, Allariz, Xinzo de Limia, Verín, A Gudiña, Madrid e Barcelona

Esta proposta de ensinanza para profesionalizar e difundir a música tradicional galega xa ten acordos para impartir as súas clases en Vigo, Salceda de Caselas, Ourense, Allariz, Xinzo de Limia, Verín, A Gudiña, Madrid e Barcelona. 

Puga incide na necesidade de defender o rural e na súa procura de achegar o baile á xente, tivo moi en conta lugares “afastados” pero que merecen acceso aos recursos como calquera. 

6/8 é o compás métrico da muiñeira, único ritmo que é 100% orixinario de Galicia, segundo explica o artista e Seisporoito é o nome escollido para a proposta que despega xa. Aínda que o que se ensinará será baile, as aulas tamén transitarán pola historia e a tradición cultural galega. “As clases están vinculadas coa propia historia das mulleres galegas. Hai que saber de onde vimos”, defende Artur Puga. 

A oferta formativa abrangue desde a iniciación ata niveis avanzados ou profesionais. Para facilitar este proceso, están a crearse recursos educativos como contidos dixitais e opcións de ensino en liña a través da súa páxina web.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.