"Aínda que cante sobre o amor busco sempre como darlle unha volta máis para dar pé á reflexión"

Catuxa Salom, galega de orixe arxentina © cedida

"A miña maneira de crear é sempre desde a cohesión social", asegura Catuxa Salom, que presenta o seu primeiro álbum, 'Caldo'

A artista galega con raíces arxentinas Catuxa Salom instalouse en Galicia tras o peor da pandemia, na comarca da Ulloa, e deuse a coñecer na escena musical do país co EP Nunha aldea, polo que recibiu o Premio Martín Códax na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe. Agora vén de publicar o seu primeiro álbum, Caldo, no que pon en valor a rede de coidados que experimenta onde vive. A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, o folclore galego e as bases electrónicas consolídanse neste disco que reúne nove cancións e que presentará en directo en 2025.

O disco nace da Ulloa para ser universal, como é iso?

Eu bebo das miñas raíces, que son arxentinas e galegas. Viaxei moito polo mundo e, por iso, supoño que o vexo de maneira global. Instaleime na Ulloa e vexo que aquí hai moita rede entre a xente, que ao final iso marca a diferencia de que poidas estar a gusto no teu día a día.

Diría que se reflicte ese sentimento de comunidade nas cancións novas?

Si, é un pouco inevitable en min porque teño unha mirada bastante social á hora de compoñer e de crear. Entón, a miña maneira de crear é sempre desde a cohesión social. Moitas letras tratan do amor romántico, cun xiro de rosca, porque aínda que cante sobre o amor busco sempre como darlle unha volta máis para dar pé a unha reflexión.

Está mal considerado agora ese concepto do amor romántico, é posible resignificalo?

Si, máis que nada é a mirada patriarcal onde o amor romántico, á parte de súper heteronormativo, atópase con outra reflexión que vai máis alá de ter unha parella senón tamén de ter unha rede de coidados e unha rede de amizades.

Cal é a temática que une as cancións deste segundo álbum?

O disco de Caldo resúmese nunha conexión de xente onde te das de conta de que o importante son os coidados das persoas coas que ti te relacionas. Á hora de compoñer teño isto moito en conta para manter esa mirada máis social. Ademais, o caldo é un líquido, é auga, e as augas conéctannos coas emocións. Emprego as augas a través das cascadas, mares ou ríos para expresar emocións a través de metáforas. Entón, como a auga é un caldo, para min quedaba todo unido.

"Dá igual onde vivas, na cidade ou na aldea, porque o importante é a xente da que te rodeas"

Na Arxentina tamén tomades o caldo?

Tomamos sopa. Meus pais nunca me fixeron caldo, aprendín o que era unha vez que me vin para Galicia. Paréceme unha maneira moi sa de coidarse, o caldo cúrate. Ademais hai caldos por todo o mundo, por exemplo, en Tailandia teñen unha tradición pola que sempre gardan os últimos dous dedos de caldo para volver cociñar o novo caldo porque se supón que así manteñen o caldo vivo.

Nestes anos que leva en Galicia bota en falta as grandes cidades nas que viviu antes?

No disco tamén falo un pouco sobre isto, sobre que ao final hai unha mirada bastante urbanita do rural. Por iso trato a desromantización do rural e de que no fondo dá igual onde vivas, na cidade ou na aldea, porque o importante é a xente da que te rodeas.

A que ritmos soa este Caldo?

Polas miñas raíces bebo do folclore arxentino e do folk-rock, a verdade é que hai bastante rock; e nestes últimos anos chegou a min o folclore galego, co que non tivera contacto antes. Escoitar a música tradicional galega, estar nas foliadas, escoitar eses bombos, esas pandeiretas e eses cantos transformoume. Decidín mesturalo todo porque ao final o que fago é falar das miñas orixes, que neste caso son arxentinas e galegas, e as mesturo tamén coa electrónica para crear este son. Evidentemente son filla deste tempo e apostei tamén por incorporar a electrónica porque son unha consumidora habitual de música electrónica e para min era inevitable, se non o facía faltábame algo.

'Caldo' é o primeiro álbum de Catuxa Salom © Aigi Boga

Si que parece un síntoma dos tempos a incorporación da electrónica aos sons tradicionais.

Claro, e casa moi ben, entón, a maneira de chegar ás novas xeracións pode ser esta de levar a música tradicional ao seu terreo, que é máis o da música electrónica. Creo que isto é unha maneira máis de seguir experimentando e que o que chamamos música tradicional non morra.

Foi un reto pechar este disco despois do éxito que tivo con Nunha aldea?

Penso que é inherente ao proceso de creación que aparezan medos, pero a miña aprendizaxe despois de todo isto é ser fiel á túa esencia e manterte aí. Mentres te manteñas fiel ao que ti es é máis doado que che vaia ben que se intentas copiar.

"Hai presión por parte da industria e non hai moitas opcións, ou sobes ao carro ou tes unha vida artística máis tranquila e a compaxinas con outro traballo mentres segues fiel a ti mesma"

Ve moita copia neste momento?

Non, creo que en Galicia cada persoa está creando desde a súa esencia. É certo que se ves que a electrónica pega, trates de incorporala, penso que é totalmente lóxico. Mentres sexas fiel á túa maneira de ser no teu discurso e no teu enfoque, creo que é máis fácil que todo vaia ben.

A honestidade transmite máis.

E é máis fácil de soster no tempo. Se te metes nun personaxe e como persoa cambias é moi difícil mantelo porque cada vez se afastará máis de ti.

Non debe ser doado neste tempo, co ritmo que parece que se lle impón ás creadores.

Hai presión por parte da industria e non hai moitas opcións, ou sobes ao carro ou tes unha vida artística máis tranquila e a compaxinas con outro traballo mentres segues fiel a ti mesma. Cada un vai buscando as súas fórmulas, a min gústame esta parte que me esixe estar constantemente creativa. Son consciente de que é un privilexio e mentres dure eu quero aproveitalo para crear todo o que poida.

Como se sitúa nesa constante creación? Axuda vivir no rural?

Si, a verdade é que teño moita sorte porque ao vivir aquí teño máis tranquilidade e menos estímulos, podo centrarme e ver máis cara a dentro, como me sinto. Neste aspecto, no meu caso, o rural facilitoume moito o proceso creativo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.