O Museo do Pobo Galego e a a Igrexa de San Domingos de Bonaval acollen os distintos concertos e actividades
A música tradicional e a electrónica fusionaranse este venres e sábado en Compostela, na segunda edición de 'Soa Bonaval', o festival organizado polo Museo do Pobo Galego e que se desenvolve nas instalacións do propio museo e mais na Igrexa do Convento de San Domingos de Bonaval.
O evento, que conta co patrocinio do Concello, a Deputación da Coruña e a Xunta, ademais da colaboración do Arcebispado de Santiago, busca "rachar xéneros e etiquetas, en busca de músicas que van desde o electrónico ao folk, pasando polo pop, o rock ou o ambient, traballadas sobre sons clásicos e de raíz, e concibidas desde o local e a cultura propias".
O festival busca "rachar xéneros e etiquetas, en busca de músicas que van desde o electrónico ao folk, pasando polo pop, o rock ou o ambient, traballadas sobre sons clásicos e de raíz, e concibidas desde o local e a cultura propias"
O festival comeza o venres ás 17 horas, co obradoiro de electro trad “Da foliada ao rave", impartido polo compositor, produtor, pianista e músico electrónico Nacho Muñoz. Será un espazo para a creación sonora, no que as persoas participantes transitarán entre as músicas tradicionais e electrónicas, para rematar cunha rave no propio Museo cos materiais creados durante o taller.
A xornada do sábado arrinca cunha conversa-concerto a cargo da coruñesa Lucía Aldao, quen debullará o seu traballo creativo da man da xornalista, poeta e música Xiana Arias, e presentará e interpretará os temas do seu primeiro proxecto musical en solitario, Pava.
O obradoiro de electro trad rematará cunha rave no propio Museo cos materiais creados durante o taller
A seguir, Catuxa Salom, finalista da 9ª edición dos Premios Martín Códax, ofrecerá a súa fusión de folclore galego con ritmos tribais, aderezada con aires electrónicos, nunha sesión vermú gratuíta nos xardíns do Museo.
Xa pola tarde, levarase a cabo o itinerario sonoro Son(Em)peza, un convite para redescubrir a colección e os arquivos do Museo, escoitando pezas do patrimonio inmaterial: cantigas, refráns, contos, rituais, trabalinguas, melodías ou sons asociados a cada un dos obxectos.
O festival rematará co concerto de Paraíso Canto na Igrexa de Bonaval, que acollerá a súa mestura de tradición oral galega con musicalidades ibéricas, lusófonas e doutras culturas do mundo
O festival rematará co concerto de Paraíso Canto, o proxecto de Martiño Malleiro e Gabi Reboredo. A partir das 20 horas a Igrexa de Bonaval acollerá a súa mestura de tradición oral galega con musicalidades ibéricas, lusófonas e doutras culturas do mundo.
As entradas para as distintas actividades están á venda a través da plataforma Vivetix do Museo, con prezos entre os 4 e os 7 euros por actuación. O billete dá dereito a a visitar de balde o Museo do Pobo Galego o sábado 1 de outubro de 11 a 18h e o domingo 2 de outubro de 11 a 14h.