O obxectivo das xornadas é "afondar na aprendizaxe e a experimentación a partir do noso patrimonio sonoro, e divulgar o que fomos, o que somos, e o que tendemos a ser como país musical"
Poden os arquivos sonoros e os rexistros de composicións tradicionais ser a base para a creación contemporánea? Para mirar cara ao futuro cómpre ter un ollo posto no pasado? Como se aplica á música a máxima de 'camiñamos ao lombo de xigantes'? Do 12 e o 15 de maio celébrase en Compostela a segunda edición do festival O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea.
Serán catro xornadas de concertos, conferencias, debates e obradoiros que terán continuidade ata o 29 de maio a través dun paseo sonoro, que vai levar ás persoas participantes a través dun mapa por diferentes puntos da cidade nos que se poderán atopar "tesouros sonoros", escoitando arquivos tradicionais a través da captura códigos QR situados en tendas, bares e museos da zona vella.
Durante catro días realizarase unha "posta en común" dalgúns dos temas que máis preocupan a artistas, estudosas e institucións que traballan cos arquivos tradicionais. O obxectivo das xornadas é "afondar na aprendizaxe e a experimentación a partir do noso patrimonio sonoro, e divulgar o que fomos, o que somos, e o que tendemos a ser como país musical", atendendo sobre todo ao "proceso" de creación.
Oito espectáculos ao vivo amosarán algúns dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica propia e ao mesmo tempo global
Ademais, haberá tempo para gozar de oito espectáculos ao vivo que son unha mostra dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica propia e ao mesmo tempo global. Joana Gomila & Laia Vallès, Paradís, Los Sara Fontán & Amorante, SO, Anna Ferrer, Parenòstic, Cocanha e Puput protagonizan estes concertos, que se celebrarán na Casa das Crechas, na Fundación SGAE ou no Teatro Principal.
As entradas para os espectáculos ao vivo estarán dispoñibles dende este mércores a partir das 11 horas na Zona C ou na web de compostelacultura.gal. A programación completa pódese consultar na páxina de Luneda.
As xornadas están organizadas por Luneda Producións; patrocinadas pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, Turismo de Santiago, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística; e contan tamén coa colaboración de Artistas en Ruta-AIE, aCentral Folque, a USC e o Institut d'Estudis Baleàrics.
Durante catro días realizarase unha "posta en común" dalgúns dos temas que máis preocupan a artistas, estudosas e institucións que traballan cos arquivos tradicionais
O programa comeza na tarde do xoves 12 na Sala Riquela cunha master class impartida polo zanfonista e graller catalán Adrià Grandia, que convidará ás persoas participantes a explorar as posibilidades sonoras dos instrumentos populares para crear novas atmósferas coa axuda de sintetizadores, efectos e outras tecnoloxías. A continuación, tamén na Sala Riquela, o xornalista Marcos Gendre presentará a palestra ‘Un novo mapa (música tradicional e creación)’, que contará coa participación das artistas Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina.
A Casa das Crechas, a Fundación SGAE, Teatro Principal, a Sala Riquela ou a Facultade de Xeografía e Historia acollerán as distintas actividades
O venres haberá dous encontros de debate na Facultade de Xeografía e Historia da USC. O primeiro, sobre "Autoría, privacidade e protección de datos nas gravacións dos arquivos de música tradicional", estará moderado polo xornalista Germám Ermida e nel intervirán a avogada e manager Patricia Hermida; a antropóloga e musicóloga, Beatriz Busto; e a coordinadora de proxectos en MAOS Innovación Social, María Abelleira. A seguir, na segunda palestra do día (arredor da cuestión "E... un arquivo común?"), a etnomusicóloga Xulia Feixóo moderará un encontro no que participará compiladora Leni Pérez e o antropólogo e investigador do Incipit-CSIC, Íñigo Sánchez.
Paseos sonoros
Varios 'paseos sonoros' convidarán a quen o desexe a descubrir "tesouros" musicais agochados por varios lugares da cidade
Ademais dos encontros e dos concertos, un dos pratos fortes das xornadas serán os paseos sonoros. Turismo de Santiago organizará o sábado 14 e o domingo 15 catro paseos sonoros guiados con saída desde a Oficina de Turismo da Rúa do Vilar ás 11h30 e ás 18h30. Ademais, estes paseos sonoros estarán dispoñibles de forma libre entre o 12 e o 29 de maio, esparexidos pola cidade distintos códigos QR que permitirán escoitar distintas gravacións.
Ademais de música tradicional galega, tamén se poderán escoitar sete arquivos recollidos da tradición oral de sete lugares polos que pasan os Camiños de Santiago
Este ano, como novidade, ademais de música tradicional galega, tamén se poderán escoitar sete arquivos recollidos da tradición oral de sete lugares polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, grazas aos que sempre se produciron importantes intercambios culturais: o Camiño Francés, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, a Vía da Prata, o Camiño Primitivo, o Camiño de Inverno e mesmo o Camiño de Santiago de Gran Canaria.