Dous anos despois do peche de Escoitar.org chega o 'Mapa sonoro de Galicia' do CCG

Portada do 'Mapa Sonoro de Galicia' © CCG

En xaneiro de 2016 botaba o peche Escoitar.org, un mapa colaborativo que nos dez anos anteriores buscara "poñer en valor os sons da contorna" e "reivindicar a escoita como un proceso fundamental na construción dos discursos culturais". Os seus impulsores en 2006 foran Berio Molina, Carlos Suárez, Chiu Longina, Enrique Tomás, Horacio González, Julio Gómez, Suso Otero e Xoán-Xil López, que nese tempo levaron a cabo numerosos proxectos orientados á conservación da memoria sonora, a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, o fomento da participación social na construción dese patrimonio, compoñendo un conxunto de 1.252 gravacións. Porén, a comezos do ano pasado anunciaban o remate do colectivo e o peche da súa páxina web "despois de múltiples intentos de solicitar apoios que fixesen sustentable o mantemento desta ferramenta", chamando a atención sobre os escasos ou nulos apoios recibidos polas institucións públicas galegas.

Escoitar.org botou o peche en xaneiro de 2016, despois de case unha década de actividade

Este xoves o Consello da Cultura presentou o Mapa Sonoro de Galicia, un proxecto que busca ofrecer unha perspectiva xeográfica a coleccións sonoras xa custodiadas pola institución (no Arquivo Sonoro de Galicia) ou por outras entidades e particulares. Está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana.

O Mapa Sonoro de Galicia está especializado en coleccións de recollida antropolóxica, etnográfica, lingüística ou de sons da natureza, ambiente ou de actividade humana

De momento, conta con máis de 500 documentos sonoros, agrupados en coleccións sonoras moi diversas en tipoloxía e distribución xeográfica. A cultura popular de tradición oral nos centros da terceira idade recolle lendas, contos populares e gravacións do nosos maiores. A nosa fala permite coñecer e diferenciar as variedades dialectais da lingua galega. Auga doce: viaxe sonora polo río Miño recolle os sons do gran río de Galicia, desde o paso natural do río ata as accións humanas vinculadas a el. Sons da terra permite escoitar sons da natureza pero tamén de oficios xa desaparecidos, e o Cancioneiro antropolóxico recolle os cantares e a tradición musical das montañas do Lor e as terras de Quiroga, en Lugo.

 

Portada do 'Mapa Sonoro de Galicia' © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.