Escoitar.org bota o peche 10 anos e 1.252 sons despois

Acción de Escoitar.org en Roma © http://novas.sinsalaudio.es/

O 25 de xuño de 2006 nacía Escoitar.org. Facíase público un mapa colaborativo que buscaba "poñer en valor os sons da contorna" e "reivindicar a escoita como un proceso fundamental na construción dos discursos culturais". Berio Molina (artista e desenvolvedor web), Carlos Suárez (etnomusicólogo e compositor), Chiu Longina (antropólogo e artista sonoro), Enrique Tomás (enxeñeiro e artista sonoro), Horacio González (artista e desenvolvedor web), Julio Gómez (historiador e dinamizador cultural), Suso Otero (enxeñeiro de son) e Xoán-Xil López (musicólogo e artista sonoro) compoñían un colectivo que levaba traballando en conxunto dende o ano anterior. Un equipo multidisciplinar que conxugou os distintos proxectos individuais nos que o son tiña un papel protagonista.

Dende entón e durante case unha década Escoitar.org levou a cabo numerosos proxectos orientados á conservación da memoria sonora, a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, o fomento da participación social na construción dese patrimonio e o estudo, rexistro, representación e contextualización da paisaxe sonora de Galicia nun contexto internacional.

"Igual que a súa elaboración, a súa desaparición debe ser froito dun acto colectivo e compartido"

Os seus responsables veñen de anunciar o remate do colectivo e o peche da súa páxina web "despois de múltiples intentos de solicitar apoios que fixesen sustentable o mantemento desta ferramenta". O peche será gradual e colaborativo: cada vez que unha persoa escoite unha das 1.252 gravacións que no seu día formaron parte de Escoitar.org, esta borrarase da base de datos. "Desaparecerá como son que é, será de novo algo máis que un arquivo, será un acontecemento", din, engadindo que "igual que a súa elaboración, a súa desaparición debe ser froito dun acto colectivo e compartido". Destacan a este respecto que "non querendo resignarnos a que vague inerte e estéril como un cadáver dixital, decidimos devolver os seus sons á vida, á súa esencia transitoria". Comeza, pois, un acto de demolición colectiva e virtual.

 

Dez anos de proxectos

Unha das primeiras iniciativas de Escoitar.org foi a creación dun arquivo sonoro xeolocalizado, no que calquera persoa podía incorporar sons nas coordenadas onde foran gravados

Unha das primeiras iniciativas de Escoitar.org foi a creación dun arquivo sonoro xeolocalizado en formato de cartografía, baseado nunha API de Google Maps, no que calquera persoa podía incorporar sons nas coordenadas onde foran gravados. O obxectivo de Escoitar.org non era só levar a cabo a función de arquivo, senón "entender e fomentar os diferentes modos de escoita colectivos -históricos, sociais, culturais...- e individuais -psicolóxicos-" e reivindicar "a inclusión do oído entre as cuestións epistemolóxicas para así fomentar unha escoita crítica".

Os responsables do colectivo destacan que nestes anos Escoitar.org "exerceu un apaixonado, crítico e divertido proselitismo sonoro" buscando transformar "a escoita dos participantes e en definitiva da nosa sociedade" e que "conseguiu propagar o fenómeno dos mapas sonoros e o interese pola auralidade ao longo de toda a xeografía española".

Entre as súas actividades, podemos salientar a realización das xornadas Cartografías da escoita no CGAC, a participación no proxecto europeo European Acoustic Heritage, ou os obradoiros e cursos ofrecidos nas Facultades de Belas Artes de Bilbao, Cuenca e Pontevedra; nos festivais Eutopía (Córdoba), Zemos98 (Sevilla), Sensxperiment (Lucena/Córdoba) e Mediafest (Las Palmas); ou en centros de arte como o CGAC, o MARCO, Artium (Vitoria-Gasteiz), Arteleku (San Sebastián), LABoral (Gijón), La Casa Encendida (Madrid), Matadero (Madrid), ZKM (Alemaña), Kumu (Estonia) e SMAK (Bélxica). Tamén podemos lembrar as accións levadas a cabo co seu macrófono (de sete metros de longo) que rexistrou os sons das rúas de Vigo ou Compostela, pero tamén de Roma ou Madrid.

Hoxe, no momento da súa despedida, citan a Derrida para destacar que "este proxecto converteuse nun espazo pensado mais en instituír que en conservar, en ofrecer e non en posuír, someténdose a unha democratización efectiva que se mide sempre polo criterio da participación e o acceso ao arquivo, á súa constitución e á súa interpretación”. "Sempre tratamos de evitar a mera acumulación abríndoo, ofrecendo a posibilidade de valorar de forma colaborativa a relevancia da paisaxe sonora en diálogo con quen o escoita e producen. Un arquivo colectivo e aberto", sinalan. "Non se trataba de poñer o son ao servizo do mapa, senón de poñer o mapa ao servizo da escoita, apelar á nosa percepción para crear un oído crítico froito do cruzamento entre experiencia estética e coñecemento", conclúen

 

Acción de Escoitar.org en Roma © http://novas.sinsalaudio.es/
"Escoitando" na praza de María Pita, na Coruña Dominio Público Escoitar.org
Escoitar.org en Zemos98 Dominio Público Zemos98
Mapa sonoro de Vigo © Escoitar.org
Imaxe tirada en Madrid en 2008, onde o colectivo ofreceu un obradoiro Dominio Público http://www.alg-a.org/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.