O compositor e produtor Pablo Barreiro recibe unha homenaxe de Músicas ao Vivo a toda a súa traxectoria coa que abriu camiño para a música feita en Galicia
Os Premios Martín Códax da Música entregarán o seu galardón honorífico ao produtor, compositor e técnico de son, Pablo Barreiro Rivas (Forcarei, 1956), responsable do Arquivo Sonoro da Radio Galega dende o ano 1985.
Pablo Barreiro, considerado un pioneiro abrindo novos vieiros para a música feita en Galicia, recibirá o premio o vindeiro 27 de outubro, na gala que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, na que se desvelarán os proxectos premiados nas diferentes categorías nesta oitava edición dos galardóns que organiza o colectivo Músicas ao Vivo.
Compuxo a banda sonora de 'Sempre Xonxa' e músicas para 'Mareas Vivas'
A traxectoria de Pablo Barreiro comezou como músico no grupo Cristal Azul, a comezos dos anos setenta. Compuxo as bandas sonoras de películas como Mamasunción (1984) e Sempre Xonxa (1989), dirixidas por Chano Piñeiro. Tamén se encargou da música para varias series de televisión, entre as que destaca Mareas Vivas, e dirixiu as gravacións de varias bandas sonoras para o cinema, como no caso dos filmes Heroína, De profundis ou Cota Vermella.
Colaborador habitual da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia e diversos grupos e agrupacións, está especializado na gravación de órganos e foi chamado en 2009 polo cabildo da Catedral de Milán para unha gravación do órgano sinfónico do Duomo. Agora recibe o recoñecemento a toda unha traxectoria por parte do colectivo dos músicos, pero xa conta co Premio Galicia de Comunicación Audiovisual, outorgado pola Xunta, e foi Premio da Crítica en tres ocasións.
Nesta edición dos Premios Martín Códax da Música tamén recibirán un recoñecemento extraordinario o festival Jazz de Ría, deseñado por Luneda Producións para a ría de Ferrol, e a sala de concertos Mardi Gras da Coruña.
Haberá que agardar ao día 27 para coñecer os 17 proxectos gañadores nas diferentes categorías musicais e para saber o ganador na categoría de Comunicación e Difusión Musical, cuxos finalistas son o programa de radio O Recanto do Corcovado, o colectivo Galeguíza-t e a exposición Cantámola en galego.