Este mércores anunciáronse os proxectos e artistas finalistas da oitava edición dos Premios Martín Códax da música galega, os galardóns promovidos por Músicas ao Vivo. En total 51 formacións, artistas e proxectos optan aos premios, que suman 17 categorías.
O vindeiro 27 de outubro o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a entrega dos galardóns, ao que optan 51 proxectos e artistas
O acto tivo lugar nas Bodegas Martín Códax, en Cambados coa presenza de Jacobo Sutil, director da AGADIC-Xunta de Galicia, Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo e, ademais, dos e das finalistas, que participaron nun encontro que abre a fase final do proceso de elección.
Nos últimos meses un xurado escolleu os mellores en cada apartado e agora os socios e socias de Músicas ao Vivo votarán os seus favoritos e favoritas entre o 11 e o 24 de outubro. Finalmente, o vindeiro 27 de outubro o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a entrega dos galardóns.
A gala suporá, xunto con este Encontro de Finalistas, o definitivo retorno á normalidade para estes galardóns, despois de que no ano 2020 houbese que adiar ou suspender numerosos eventos, aínda que finalmente os premios si puideron entregarse no Pazo da Cultura de Pontevedra.
“Foron máis de catrocentos os proxectos inscritos nesta oitava edición, algo digno de mención polo difícil momento que o sector viviu e está a vivir nos últimos tempos. Isto demostra a fortaleza e teimosía do noso gremio, malia os paus nas rodas que se nos están a poñer”, destacou Xiana Lastra na súa intervención.
Agora os socios e socias de Músicas ao Vivo votarán os seus favoritos e favoritas entre o 11 e o 24 de outubro
Os galardóns establecen tres premios Organistrum: salas, festivais e proxectos de difusión musica. Porén, só os finalistas destes últimos foron anunciados este mércores. En 2021 salas e festivais non se someten a escrutinio do xurado senón que serán tratadas como premios extraordinarios xa que, de acordo coa organización, “este ano as salas de concertos galegas permaneceron pechadas durante longos períodos de tempo, moitas aínda continúan sen abrir e algunhas mesmo pecharon definitivamente. Do mesmo xeito, a celebración dos festivais galegos veuse condicionada pola situación desencadeada pola COVID-19 e moitos deles non puideron levarse a cabo con normalidade”.
Relación de finalistas
- Pop e indie: A banda da Loba, Belém Tajes, Espiño
- Rock: Loiros, Moon Cresta, Soulwilde
- Músicas urbanas: Wöyza, Ilmarto, Marcos de la Fuente
- Electrónica: Allova, Cora Novoa, Xackal
- Canción de Autor/a: MJ Pérez, Gustavo Almeida, Tomás Porteiro
- Música tradicional: Carapaus, Xurxo Fernandes & Pedro Lamas, Pelepau
- Música Folk: Caamaño & Ameixeiras, Fiandola, Joel Padín
- Músicas do Mundo: Enclave, DOUS, Lamas / De Miguel / Romero
- Blues, funk e soul: Brais Morán, Narci Rodríguez dA Trío, Enxeito
- Metal: Doen, N.E.O, Nuada
- Reggae, Ska e Mestizaxe: Bush Doctors Band, Chow y La Diligente Reggae Band, The Skarnivals
- Música clásica e Contemporánea: Mateo Arnáiz, Alberto Vilas ('Naialma'), Fernando Abreu
- Jazz e Músicas Improvisadas: Javier Constenla Trío, David Regueiro Quartet, María Toro ('Fume')
- Música Infantil: Chuches Amil, Concerto Punkinfantil (Brais das Hortas e Peter Punk), Radio Bulebule (Paco Nogueiras)
- Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Orquestra La Ocaband, Los Camachuelos, Bafana Bafana
- Coros e Grupos Vocais: Coro da Ra, Sisters In The House, Encaixe
- Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música de Chantada, Banda de Música de Antas de Ulla
- Proxectos de Comunicación e Difusión Musical: O Recanto do Corcovado, Galeguiza-t, Cantámola en galego