“Non quería dar unha versión chorona da emigración. Hoxe a muller decide onde quere estar e que facer”

Imaxe de 'Emigrantas', de Kirenia Martínez © KireniaDanza

Entre a danza e o teatro, 'Emigrantas', a última proposta escénica de Kirenia Martínez, que vén de pasar polo festival Corpo(a)Terra de Allariz, presenta a muller migrante como axente que toma as súas propias decisións, non unha vítima obrigada por circunstancias dramáticas

A muller migrante como axente que toma as súas propias decisións. Non como, necesariamente, unha vítima obrigada por circunstancias dramáticas. A emigración como fenómeno complexo e multicausal. Son as ideas das que parte ‘Emigrantas’, a última proposta escénica de Kirenia Martínez. Despois de pasar por Londres, Madrid, Santiago ou Ribadavia, esta peza, situada entre a danza e o teatro, vén de formar parte da programación do festival Corpo(a)Terra que puido verse en Allariz. Falamos con Kirenia.

Por que centras a peza na emigración desde o punto de vista feminino?

Pois parto, probablemente, da miña propia experiencia. Todas as miñas pezas teñen unha tinguidura autobiográfica. Falo desde min, desde a miña visión como muller, nai, bailarina. As bailarinas parece que non podemos envellecer, por exemplo. Non se nos permite outra cousa que non sexa a beleza, a forza…

Eu son unha muller migrante, cubana. Levo 15 anos en Galicia. E penso que hai xente que ten unha visión moi arcaica sobre a emigración. Identifícase a emigración coas situacións máis dramáticas: o caiuco… Ademais, hoxe non se emigra coma hai décadas. Agora hai voos low-cost, skype… Pode parecer que non te fuches, pero si que te fuches. E podes marchar por múltiples motivos. Eu non quería dar unha versión chorona da emigración. Hoxe a muller decide sobre si mesma: decides onde queres estar e que vas facer. Non estamos forzadas. A migración é multicausal: hai xente que migra por amor, por curiosidade, para comezar desde cero… E xa foi así nas vagas migratorias históricas: mulleres que decidían marchar no tempo da República, por exemplo…

O emigrante como axente, non como necesaria vítima. Por iso o ton é máis humorístico ca dramático…

Eu traslado ao que fago todo o que fun aprendendo. Síntome cubana cando bailo pero levo comigo toda a riqueza do que fun incorporando. E creo que é bo poñer en escena o intercultural que es. E con iso relaciónase o tema da identidade: que es? Porque eu son bailarina cubana pero non son unha muller morena con curvas e con froitas na cabeza. A David Loira pregúntanlle se é cubano. E é iso: o que es, o que pareces, con que te identificas… Moitas cousas que nin te preguntas ata que vives noutro lugar. Imaxina: español? Entón flamenco. Non flamenco, senón gaita? Entón gaita e flamenco? Ademais, como esta é unha peza moi performática dáme moito xogo para falar destas cousas.

Por iso o que di David das nacionalidades, supoño. Na peza están moi presentes as cifras: 500.000 galegos emigrados, case 40.000 persoas novas emigradas e 2.700.000, que é a poboación galega. Que é o 20?

“En que condicións queren que volvamos? Quizais ese retorno xa non é posible. No caso das mulleres, ademais, como queren que volvamos? Para repoboar?”

É a estratexia 20-20: que volvan 20.000 persoas emigradas para o 2020. A cuestión é, como queren que volvan? Eu quero volver a Cuba, pero o meu espazo xa non está alí. En que condicións queren que volvamos? Quizais ese retorno xa non é posible. No caso das mulleres, ademais, como queren que volvamos? Para repoboar, como xa se dixo? Só se somos autónomas, se vamos dar traballo? Queren que retornemos coa cesta chea.

Esther volveu coa cesta chea de premios, pero parece que aquí non valían. E unha bailarina non pode estar na fase de empezar e facer audicións todo o tempo. O mesmo me pasou a min cando cheguei…

O das cifras tiñamos claro que tiña que estar porque non queriamos facer un discurso persoal, de Kirenia, David e Esther. Estamos a falar, ademais, das cifras de Galicia, pero en realidade non só de Galicia: a pirámide invertida é algo habitual. Hai moitos países de velliños… E diso falamos na peza: o dentro e o fóra, os que se van e os que quedan… As cifras son difíciles de recordar e, cando as vemos na prensa, non quedamos con elas…

Interpretación de 'Emigrantas' no festival Corpo(a)Terra de Allariz © KireniaDanza

No movemento hai algo de danza tradicional, algo de danza contemporánea, algo de danzas urbanas… Por que?

“É unha peza de danza contemporánea que toca o teatro físico, a performance…”

Non foi algo proposto. A peza ten momentos nos que o protagonista é o son, outros nos que é a danza contemporánea, outros nos que é un movemento máis de deconstrución da danza folclórica galega, ou o flamenco, ou texturas que son máis híbridas, máis urbanas como dis: hip-hop, algo afín a unha discoteca… Son texturas que se foron preparando segundo o texto. É unha peza de danza contemporánea que toca o teatro físico, a performance…

A min paréceme, ademais, tan importante a palabra como o movemento. Non creo nin na palabra sen movemento nin no movemento estético sen palabra, sen concepto. As propostas corporais, neste caso, xurdiron do que David e Esther foron traballando. Eu construín os espazos e, a partir deles, eles foron creando. Fomos creando un corpo híbrido de danza sen medo, sen límites, entre o clásico e o contemporáneo.

Branca Novoneyra escribiu os textos. Que falan de identidade, de fronteira, de puntos cardinais… 

“O dos puntos cardinais cuestiona que é o norte, ou o sur, ou o este. Porque hai uns estereotipos sobre o que é cada lugar”

Nun dos poemas hai versos de ‘La bailarina española’ de José Martí, que é un poema que os cubanos aprendemos na escola e que constrúe unha imaxe do que é unha bailarina española. O que formula o poema é unha revisión desa imaxe da bailarina, entre a bailarina galega e a española, tomando como referencia a historia da Bella Otero: a forma na que construíu a súa identidade, a aculturación.... Como unha viaxe de ida e volta… O dos puntos cardinais cuestiona que é o norte, ou o sur, ou o este. Porque hai uns estereotipos sobre o que é cada lugar. É un mapa de puntos cardinais, un referente para as idas e voltas… Tamén temos, ao principio, un texto introdutorio para que o público se sitúe.

A peza fala da emigración actual pero tamén hai algunha referencia á emigración histórica. Por que non está máis presente?

Seguramente todas vivimos o mesmo ou algo parecido. Pero eu non quería falar das primeiras vagas de emigración. Podería facelo, investigando, con documentación, pero non era o que quería facer, non me sentía cómoda aí. O que si fago é chiscadelas, a través do vestiario por exemplo: o fardo na cabeza, a roupa, o calzado. Ademais, esa emigración antiga, tan dolorosa, é un tema xa máis tocado. Fálase menos da recente. Eu teño bastantes amigos que emigraron. Uns volveron e outros non…

Por que a Bella Otero?

Traballamos coa biografía da Bella Otero, pero indo moito máis alá do aspecto máis coñecido: as súas relacións amorosas. Non era o mito erótico o que nos interesaba. Era o xeito no que constrúe a súa identidade. Ela nega que é galega, di que é filla dun xeneral e dunha xitana andaluza porque considera que o exótico é ser andaluza, xitana, flamenca.

Hai aí unha apropiación cultural, na construción da súa personaxe. E iso é o que pasa cando emigras: vas construíndo a túa identidade. Eu non son, como dixen antes, unha bailarina morena con grandes curvas. E sempre tes que responder preguntas. Es galega? Si. Pero non falas galego! Non… Na peza xogamos tamén cos tópicos sobre os galegos: bruto, duro, pequeno…

Hai moito de xogo na peza. Suxire exploración, achegamento, adaptación, reconstrución… 

“O xogo está relacionado co proceso, coa transformación que implica a emigración: chegar a un espazo que non coñeces e situarte”

O xogo está relacionado co proceso, coa transformación que implica a emigración: chegar a un espazo que non coñeces e situarte. Pasa un tempo ata que te sitúas, ata que colocas todo. Nun primeiro momento tes que mapear o lugar, polo que quedas na primeira capa. Miras onde está a farmacia, o supermercado, cal é o camiño á casa… Nunha segunda fase xa te podes fixar máis nos detalles, na segunda capa: os letreiros, o idioma se o coñeces…

A última capa é a que entronca co ser humano. A min levoume bastante tempo entender a retranca galega, por exemplo. Tes que absorber moitos datos en pouco tempo e nalgún momento paréceche que estás flotando… Vaste afastando do que es… David estivo en Lisboa e agora en Berlín. Os tres tivemos o noso proceso niso. Tes que construír o novo espazo, colocar todo. E cada emigrante ten a súa visión. A min encántame Galicia. Veño dunha zona que podería ser como o Courel cubano. Para outros cubanos Galicia é frío… O proceso de adaptación é duro ao principio pero para min foi tamén moi emocionante. Eu volvería facelo.

Babykatze e Bruno Baw fixeron o espazo sonoro. Como o pensastes?

“O que fixemos foi construír unha atmosfera sonora en función do que os bailaríns querían bailar, sobre todo nas partes máis rítmicas, máis coreográficas”

Foi un regalazo traballar con eles. A miña primeira idea foi facer un espazo sonoro coa música que podían escoitar os emigrantes. Pero iso era complicado no aspecto legal, polos dereitos de autor, e levaríanos moito tempo. Entón decidimos construír unha atmosfera sinxela que acollese a palabra e o movemento.

E o que fixemos foi construír unha atmosfera sonora en función do que os bailaríns querían bailar, sobre todo nas partes máis rítmicas, máis coreográficas. Foi un luxo ter os dous compositores nun salón creando segundo as necesidades da escena. E non tiñan por que facelo así, pero fixérono porque lles gustou o proxecto, a nosa enerxía, a nosa forma de traballar. Eu son máis de baleiros, de silencios, pero gústame moito como quedou esta peza.

Fixestes esta peza en coprodución co Centro Coreográfico. “Foi un dos tres proxectos seleccionados no programa de coprodución 2019-2020, executado por Agadic como anuncio de licitación”, di a Secretaría Xeral de Emigración na súa web. Unha sorte, cun Centro Coreográfico case desaparecido. Como foi o proceso?

Hai unha selección pública, recibes a axuda... Eu xa estivera en tres producións do Centro Coreográfico e teño boa relación co equipo que traballa alí: coa xente de documentación... Iso facilitou as cousas no proceso. Ademais da axuda, foi moi importante para nós ter un espazo no que ensaiar. Se non fose por iso sería moito máis complicado.

Falabamos antes do vestiario, de Jandro Villa. Ten algo cubano, algo galego…

Pois é algo moi depurado. Queriamos algo atemporal, pero hai detalles que suxiren a emigración antiga: coma as bota de pel da segunda diáspora. Detalles que poden facer preguntarse: é actual ou antigo? É como un básico de armario do viaxeiro. Algo sobrio. A roupa interior tamén é antiga. Foi o máis difícil de atopar.

David fala en feminino. Non ten nada especial que haxa un home nunha peza sobre mulleres, como non o sería ao revés. Mais non sei se era a intención introducir algunha chiscadela ao queer, ao non binario en canto a xénero. 

Non era a nosa idea nin a el lle apetecía traballar desde aí, aínda que dalgunha maneira pode estar presente o que dis. Non era o noso obxectivo traballar desde o discurso LGBT, ou queer. O que si hai é varios detalles que son proposta del, coma as cadeas. Os emigrantes chegaban a alugar xoias para que parecese que tiveran éxito cando volvían. Non era a nosa proposta discutir se hai dous xéneros ou tres ou catro. O queer pode aparecer, aínda así, pero de forma diluída.

A peza estivo en Londres, Madrid, en Santiago polo menos na SGAE e na USC, na MIT de Ribadavia… E agora en Corpo(a)Terra. Algunha outra data próxima?

Polo momento non porque se suspenderon moitas programacións pola covid.

Imaxe de 'Emigrantas', de Kirenia Martínez © KireniaDanza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.