O Foro do Camiño Primitivo recorre no TSXG a delimitación da vía realizada pola Xunta

Un treito do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos

O Foro do Camiño Primitivo vén de impugnar o decreto de delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago, mediante recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Foro entender que a delimitación realizada pola Consellaría de Cultura atenta contra os criterios de autenticidade e integridade na identificación da calzada histórica e a súa contorna cultural e abandona "o mandado legal de recuperación da traza orixinaria dos camiños de peregrinación, adulterando de xeito drástico a definición do seu territorio histórico e deixando sen a debida protección xurídica gran parte dos seus valores culturais e ambientais". Este é o segundo recurso xudicial presentado por entidades sociais contra as delimitacións dos camiños xacobeos realizadas pola Consellaría de Cultura, despois de que a primeira delimitación oficial, a do Camiño Francés, tamén estea neste momento cuestionada nos tribunais

Sinalan que a Consellaría de Cultura "renuncia a investigar, recoñecer e recuperar as calzadas presuntamente apropiadas ou invadidas" e conclúen que o documento final de delimitación "constitúe unha estafa a máis de 1.200 anos de historia retidos na nosa memoria colectiva e traizoa o sentido simbólico, identitario e conceptual do propio Camiño". O Foro entende que as escollas realizadas polo Goberno galego responden á primacía "de perspectivas turísticas e comerciais", relegando a protección patrimonial "a un nivel anecdótico". E estende esta valoración negativa ao tratamento que reciben en Galicia os restantes camiños de Compostela.

O Foro entende que as escollas realizadas polo Goberno galego responden á primacía "de perspectivas turísticas e comerciais", relegando a protección patrimonial "a un nivel anecdótico"

Neste senso, denuncian que a Xunta "está a favorecer descaradamente o esquecemento das rutas históricas e do seu territorio", premiando "os neotrazados apócrifos desenvoltos a partir dos anos noventa e mantidos até hoxe por presións políticas e intereses privados, desviando o itinerario por lugares que evitan conflitos co planeamento urbanístico, con infraestruturas ou fincas particulares, mais que nada teñen a ver co rigor científico".

 

En risco a proclamanción como Patrimonio da Humanidade

Para o Foro, a Xunta premia "os neotrazados apócrifos desenvoltos a partir dos anos noventa e mantidos até hoxe por presións políticas e intereses privados"

O Foro considera que as escollas realizadas pola Xunta poñen "en risco a proclamación do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade", unha candidatura tramitada en 2007 e presentada a finais de 2012 polo Consello de Patrimonio Histórico do Reino de España que agarda resolución o vindeiro ano. As entidades que compoñen o Foro consideran que "este proceso vese agora atrancado pola propia Xunta ao delimitar un trazado físico-lineal pouco coherente coa existencia dunha paisaxe cultural conforme á aplicación da Convención do Patrimonio Mundial". 

No caso da Vía Primitiva, o Foro enumera unha serie de "irregularidades" que, di, "son abondosas en todo o percorrido". Por exemplo, a falsificación da vía na entrada e saída da cidade de Lugo, ao paso polo burgo medieval de Castro Verde, a omisión do acceso á vila de Melide polo camiño prerromano da Martagona, apropiacións da vía histórica en Paradavella, A Matanza, Vilalle, camiño real de Vilabade, Mesón de Fraiás, Carballido, A Viña, O Alto, San Vicente do Burgo, A Retorta, etcétera.

O Foro tamén carga contra a actuación de órganos coma o Comité Asesor do Camiño de Santiago, creados por lei para a protección dos camiños históricos de peregrinación, do que din que "coa súa parcialidade, anuencia ou pasividade veñen avalando actuacións bochornosas que destrúen os nosos elementos identitarios máis prestixiosos e desprotexen a camiñeiría histórica do noso país mediante a promoción de itinerarios alternativos desligados da tradición".

 

50 anos, e aínda sen protección

Despois de tantas décadas a maioría dos camiños seguen sen estar delimitados, apenas o están o Francés e, recentemente, o Primitivo

No 2012 fixeron 50 anos dende que foi declarado conxunto histórico-artístico o Camiño de Santiago. E fixeron 40 anos da Convención da Unesco para a protección do Patrimonio Cultural e Natural do Mundo. E fan 20 anos da declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade. Despois de tantas décadas a maioría dos camiños seguen sen estar delimitados, apenas o están o Francés e, recentemente, o Primitivo. O Inglés atópase en fase de alegacións. E en todos os casos, a delimitación fixada pola Xunta espertou numerosas críticas. É dificil protexer algo cando non sabes sequera ben o que estás defendendo.

A comezos dos anos noventa, coa proximidade dun Xacobeo 93 que se quería converter nunha máquina de facer cartos, fíxose unha delimitación provisiona que marcou os camiños por itinerarios moi distintos aos reais. Algunhas veces por comodidade para o peregrino, outras veces porque o camiño histórico fóra ocultado por novas construcións, de autoestradas a polígonos industriais, e outras veces por conveniencias persoais de alcaldes ou veciños. Dende hai uns anos, nunha nova fase na que se procuraba realizar unha delimitación definitiva, caeuse nos novos erros, e carballeiras históricas ou elementos patrimoniais coma hórreos ou pontes van ficar fóra da protección. E o camiño vai ser unha vez máis falseado, corroborándose en moitos casos os trazados apócrifos dos anos noventa, que como non necesitan expropiación, saen gratis e son elevados a definitivos.

"Esa defensa da dimensión patrimonial era só unha obriga ou unha escusa para darlle un certo marchamo cultural a un produto turístico moi potente"

Carlos Amoedo e Teresa Nieto Freire publicaron o pasado ano a obra Camiños de Santiago. 50 anos de protección patrimonial dun itinerario cultural, no que fan un repaso polos sucesivos intentos de delimitar e protexer estes trazados nas últimas décadas. Amoedo sinalaba que "todas as normas que se foron poñendo enriba da mesa para protexer a dimensión patrimonial do camiño decaeron ou foron incumpridas. Entre outras cousas porque esa defensa da dimensión patrimonial era só unha obriga ou unha escusa para darlle un certo marchamo cultural a un produto turístico moi potente. E creo que iso resume ben o por que durante este últimos 50 anos o que se fixo foi retellar por aquí e por alá no canto de realizar unha protección integral".

Unha imaxe do Camiño Primitivo CC-BY-NC de picos pardos
Fonfría, na Fonsagrada, no Camiño Primitivo © Xacobeo
Albergue de Ribadiso, no Camiño Primitivo, preto de Arzúa © Xacobeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.