0 Gardados para despois

Pontón chama a construír a "outra Galiza posíbel" fronte ao "presidente da postverdade"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


"Este non é o debate sobre o estado de ánimo de Alberto Núñez Feijóo, nin sobre o estado de Pedro Sánchez nin de Catalunya. É o debate do estado da nación galega". Despois de que o presidente da Xunta dedicase boa parte do discurso co que abriu o debate de política xeral a xustificar a súa permanencia en Galicia tras non optar a liderar o PP estatal, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, utilizou a súa intervención central na sesión para trazar a "outra Galiza posíbel" que, afirma, sería quen de construír a formación soberanista fronte ao "presidente profeta da postverdade".

Alén das consideracións sobre a súa propia persoa e a respecto do Goberno do PSOE e mais de Catalunya, sinalou Pontón, Feijóo non é quen de acreditar que Galicia "estea mellor que hai unha década". Emprega esa "postverdade", ilustrou, para "repetir as promesas de sempre" a respecto de plans xa anunciados ou facer "partidismo cutre" a respecto dos orzamentos de Sánchez. Pero o titular da Xunta, cre a nacionalista, ten xa "a mesma credibilidade que o máster de Pablo Casado".

A líder do Bloque lamenta que o presidente tornase o debate de política xeral no "debate sobre o estado de ánimo de Alberto Núñez Feijóo" e suxírelle "baixar un día do coche oficial" para "escoitar como está a xente"

Feijóo, cre Pontón, debera "baixar un día do coche oficial" para "escoitar como está a xente". Atender, por exemplo, "a rapazas que queren traballar pero se o fan, á súa nai quítanlle a Risga", ás familias nas "o servizo de conciliación son as avoas" ou a quen levan "anos sen poder prender a calefacción". O presidente, subliña a líder do Bloque, gábase de que os servizos públicos "nunca estiveron mellor" pero acontecementos do último ano como a morte dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica acreditan xusto o contrario. Eloxia tamén o compromiso do seu Goberno coa igualdade entre mulleres e homes, pero a Xunta foi condenada por "boicotear a folga do 8 de marzo".

"Mudar o rumbo"

O incremento da "gasolina para o lume" coa previsión de máis eucaliptos no novo plan forestal, as "perigosas mentiras para a lingua gaega" ou o "incumprimento" da lei dos medios públicos de comunicación dende o ano 2011 son para a portavoz nacional do BNG mostras de que o Goberno de Feijóo é xa "o pasado", un gabinete "incapaz de poñer en marcha un proxecto de país" tras o que cómpre "mudar o rumbo". E para iso, di a nacionalista, "Galiza necesita poder económico e poder político" con medidas estruturais como unha banca pública, unha tarifa eléctrica galega ou "un novo modelo económico que aposte polos sectores produtivos e pola innovación"

Pontón insta a Feijóo a promover unha "axenda galega" no Estado cun "paquete ambicioso de transferencias" no canto de teimar na "política rexionalista de terceira división

Fronte a unha política "rexionalista de terceira división" tras dez anos sen transferencias de competencias, sinala a líder do Bloque, é tamén urxente trazar unha "axenda galega" no Estado que "aposte por un paquete ambicioso de transferencias", dende a reiteradísima da AP-9 ata o pendente desenvolvemento da policía integral galega, os portos de interese xeral ou o tráfico. O Bloque, conclúe aspira a un "proxecto nacional, transformador e de modernización do país" ao que xa aspiraban Castelao e Bóveda, figuras que "son patrimonio colectivo, son de todos os galegos e de todas as galegas" cunha excepción, matizou tras a controversia na chegada d'A derradeira leición do mestre: "de todos menos dos fascistas e dos seus herdeiros".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.