0 Gardados para despois

Villares apela aos pactos de toda a esquerda para tecer unha "alternativa cooperativa" a Feijóo

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Que se respete un poco, que se respete un poco". Un destacado membro do PPdeG increpou deste xeito o voceiro de En Marea tras enumerar varias críticas ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo, un Executivo que para Luís Villares deixou o país "á intemperie" e para o que cómpre tecer unha "alternativa" que responda ás aspiracións da "maioría social". "Esa alternativa ten que ser plural e cooperativa, porque diversa é a sociedade" e por iso, cre Villares, debe basearse en acordos entre as forzas da actual esquerda parlamentaria. Os pactos, agrega, deberían comezar no propio debate de política xeral.

Para o voceiro de En Marea "Feijóo e o PP representan o pasado" e tanto a súa propia formación como PSdeG e BNG, "forzas diversas", poden volver "poñerse de acordo" como xa o fixeron "na defensa da vida e da saúde da xente" para abrir unha comisión de investigación sobre os recortes na sanidade. "Estamos en condicións de facelo de novo", proclamou dende a tribuna, a comezar por "acordar emendas" conxuntas aos vindeiros Orzamentos da Xunta e a seguir por concretar o "amlo consenso social" para "desmercantilizar" servizos públicos como a auga, a sanidade, a educación ou a prevención e extinción de incendios, citou. Podería continuar, agregou, por unha "reforma estatutaria de carácter social" con "valores sociais compartidos".

Villares lembra o recente acordo de En Marea, PSdeG e BNG para investigar os recortes sanitarios e anima a "facelo de novo"

Este treito final, máis propositivo, chegou despois dunha parte de diagnóstico e crítica máis ampla que suscitou visibles protestsa nas bancadas do PP. Galicia, dixo Villares a Feijóo, "non merece un presidente coma vostede" que por "aforrar 300 euros" propicia o falecemento dunha persoa no PAC da Estrada sen atención médica, acusou. "Temos un pobo esforzado, pero orfo de Goberno" e cun presidente que está, sobre todo, "pendente de si mesmo" e propiciando "actuacións sectarias" nas cidades onde o PP non goberna, afirmou citando casos como o da fachada marítima da Coruña ou a residencia de Lugo.

O voceiro de En Marea reprocha a Feijóo que avale "comportamentos casposos" no seu partido e o presidente da Cámara ínstao a retirar varias expresións referidas ao PP

Do punto de vista de Villares estes anos de "intemperie" deixaron "ao descuberto" que no Goberno padecen unha evidente "insensibilidade social", pero tamén que carece de "proxecto para o país" e exerce a "tacañería en valores democráticos" mentres desatende retos pendentes como a "descarbonización" da economía, a planificación ferroviaria interior ou as áreas metropolitanas. Os grandes asuntos non son atendidos pero tampouco, lamenta, conflitos puntuais suscitados polos "comportamentos casposos nas filas do seu partido", acusou citando as recentes declaracións do alcalde de Vilanova de Arousa sobre a presidenta da Deputación de Pontevedra, pero tamén referíndose ao presidente da Deputación de Ourense, a quen cualificou de "acosador" polo caso do presunto ofrecemento dun emprego a cambio de sexo que a xustiza rematou arquivando.

Esa referencia a José Manuel Baltar, así como a cualificación de dirixentes da CRTVG como "sicarios" do PP ou advertir de que entre os "amigos dos que hoxe gobernan" están "os que andan con chisqueiros" no monte deu lugar a que, no remate do seu discurso, Villares fose apercibido polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen tamén esixiu a retirada do comentario segundo o cal "algúns no PP se senten fillos dos que dispararon a Bóveda". Previamente Santalices fora increpado polos seus propios compañeiros do PP por non chamar á orde ao voceiro de En Marea. "Se ofende o decoro da Cámara retíroas todas agás a referida a Baltar", zanxou Villares mentres, dende a tribuna de oradores, o veterano Xosé Manuel Beiras consideraba que quen debera "retirarse" é o propio Santalices.

Beiras abandona o salón de sesións mentres Santalices apercibe a Villares / Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.