Milleiros de homes e mulleres son a cara visible de Galicia ante os turistas que chegan cada ano a Santiago de Compostela. Eles reciben, saúdan e escoitan as consultas e peticións de todo tipo nunha das cidades máis visitadas de España. Cada día explican por onde chegar á Catedral, aprenden como sacar fotos cos diferentes modelos de móbiles dos clientes ou aconsellan sobre a forma de comer o polbo. Milleiros de persoas traballan na hostalería compostelá, unha porcentaxe moi alta que vai seguir medrando nese próximo Xacobeo que moitos agardan como fonte de riqueza e emprego.
O plan non alude, non obstante, ás condicións de traballo neste sector marcado pola precariedade, os baixos salarios, a ausencia promoción ou a nula inversión en formación
Así se recolle no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, no que se a anuncian investimentos por 247 millóns de euros e se prevén máis de 11.000 novos postos de traballo en Galicia derivados do Xacobeo. O plan non alude, non obstante, ás condicións de traballo neste sector marcado pola precariedade, os baixos salarios, a ausencia promoción ou a nula inversión en formación, como denunciaba en xuño a plataforma "Hostalería sen explotación" en Compostela. O plan reflicte a aposta da Xunta por unha Galicia na que o turismo teña un papel central, e vencella as prioridades para o Ano Santo cunha visión xeral da Galicia do futuro, na que se inclúen os futuros Xacobeos de 2027 e 2032.
O que é sorprendente é que ese plan, no que participaron ata 600 persoas, non inclúe a opinión deses homes e mulleres empregados en bares, hoteis ou restaurantes, porque non se lles consultou. Probablemente por iso, tampouco ese plan millonario recolle medida algunha para mellorar as condicións laborais no sector.
Propóñense melloras en camiños e edificios, coordinación entre administracións, contidos culturais, visibilización da muller, aproveitamento das tecnoloxías...unha longa lista de obxectivos en varios eixos de acción, pero nada referido á mellora dos que poñen a cara e o traballo na hostalería, un sector no que o normal é traballar máis de 12 horas diarias cun só un día libre por semana, e no que se infrinxe sistematicamente a lexislación laboral.
Vistas as prioridades de empresarios e políticos, cómpre que sexan os propios traballadores, xunto á sociedade compostelá, os que poñamos a presión para unha hostalería digna
Non é algo novo, xa que outros plans estratéxicos, tanto da Xunta como do Concello, centran o esforzo político e financeiro en atraer turismo á vez que esquecen absolutamente a precariedade na hostalería, á que como moito se achegan para falar da estacionalidade do sector. Todo se fía á chegada de visitantes, á iniciativa dos empresarios hostaleiros, e a unha lexislación laboral que se da por suficiente.
Os debates políticos sobre o turismo xiran máis en torno aos alugueiros turísticos, á convivencia cos veciños ou ao impacto na vida do casco vello. Todos son temas relevantes, por suposto, pero lonxe da situación insoportable que sofren os traballadores que cada día atenden aos turistas, e por suposto tamén aos que vivimos aquí.
O Xacobeo constitúe unha oportunidade única para avanzar cara unha hostalería sen explotación, pero vistas as prioridades de empresarios e políticos, cómpre que sexan os propios traballadores, xunto á sociedade compostelá, os que poñamos a presión para unha hostalería digna.