Tres soles e unha figura humana da Idade do Bronce pintados nas pedras de Casaio proban que foi lugar de tránsito desde a Prehistoria

Pinturas prehistóricas descubertas en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) © Sputnik Labrego

O val do río San Xil, na parroquia de Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense), foi lugar de paso para gandeiros desde a Prehistoria. Así o vén de confirmar a Asociación Científica Sputnik Labrego e un equipo do Incipit do CSIC co achado de novas pinturas rupestres. Unha zona que serviu como lugar de explotación durante a Segunda Guerra Mundial pola mina de volframio, xestionada directamente polos nazis, pola que pasaron cincocentos presos franquistas; pero que tamén albergou movementos de resistencia, pois alí tamén se atopa a chamada Cidade da Selva, o campamento guerrilleiro máis grande de Galicia.

Francisco Fernández, veciño de Carballeda, coñecía os traballos que desde febreiro de 2019 veñen desenvolvendo en Pala de Cabras, onde xa teñen documentos máis de cincuenta pinturas, e sabía que tipo de xeoloxía se precisaba para que nunhas pedras puidese haber manifestacións de arte rupestre. Por iso, guiou os investigadores ata unha zona de Casaio que chaman Colobredos, non moi lonxe de Pala de Cabras, na que veñen de atopar tres formas de soles e unha posible figura humana nunha pequena pedra.

Vista das pinturas atopadas en Colobredos, que poden datar da Idade de Bronce © Sputnik Labrego

“Isto é moi interesante porque o tipo de soles e a aparición de figuras humanas poden ser máis recentes que o atopado en Pala de Cabras e marcar outra cronoloxía. Temos que estudalo todo, pero pensamos que Pala de Cabras sería do terceiro milenio antes da nosa era, do período que chamamos Neolítico; e as que descubrimos agora poderían ser da Idade do Bronce. Temos que confirmalo pero é unha hipótese bastante factible polo tipo de arte desa etapa que xa coñecemos. Podemos estar a falar, incluso, de pinturas que se corresponden con entre 500 e mil anos despois das que atopamos en 2019”, debulla Carlos Tejerizo, director do proxecto.

"Isto confirma que o val de San Xil, onde está a ermida na que se fai a romería, foi unha zona de tránsito gandeiro desde o Neolítico ata os guerrilleiros que estabamos a estudar na Cidade da Selva e a toda a actividade relacionada coa mina de volframio"

Con este descubrimento ábrese a posibilidade de atopar moitas máis pinturas na zona, onde ata agora pensaban que todo estaría concentrado en Pala de Cabras. “Isto confirma que o val de San Xil, onde está a ermida na que se fai a romería, foi unha zona de tránsito gandeiro desde o Neolítico ata os guerrilleiros que estabamos a estudar na Cidade da Selva e a toda a actividade relacionada coa mina de volframio”, explica Tejerizo.

Aproveitando a presencia da equipa do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit), dirixido por Lucía Pereira Pardo, experta en documentación e análise de patrimonio, faranse os primeiros estudos destas novas pinturas para comprobar a súa composición química e poder comparalas coas coñecidas en Pala de Cabras. Estas pinturas teñen protección BIC (ben de interese cultural) por pertencer á Prehistoria, pero o equipo agarda da axuda da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para “poñer en valor” o conxunto de pinturas de Casaio e que se poida habilitar a zona para que xente a poida visitar. 

Un dos ídolos oculados atopado no conxunto de pinturas prehistóricas de Pala de Cabras, en Casaio en 2019 © Sputnik Labrego

"En Galicia a arte prehistórica estaba ligada aos petróglifos. Casaio marca unha liña entre tradicións culturais da Prehistoria e zonas de comunicación e tránsito gandeiro", di Carlos Tejerizo

En Galicia coñecíanse dúas ou tres estacións de pinturas prehistóricas cando en 2019 comezaron a traballar sobre as pedras de Pala de Cabras, onde xa teñen documentados 55 motivos distintos entre as pinturas que datan do Neolítico, e pensan que ten que haber moitos máis. “É o sitio máis afastado da Península no que se atopan ídolos oculados, figuras de tradición mediterránea que se fan na Idade do Cobre; ademais cun conxunto de oito figuras documentadas con seguridade”, describe Carlos Tejerizo.

“Pala de Cabras xa era espectacular polos ídolos oculados que atopamos alí e agora que sabemos que forma parte dun conxunto de pinturas é aínda máis espectacular”, engade. Tamén se atopan motivos de animais e árbores, en liña co documentado na Cova de Eirós.

“En Galicia a arte prehistórica estaba ligada aos petróglifos –a arte en pedra picada– e aquí atopamos que hai unha liña, unha fronteira cultural que se está a sobrepasar. Casaio marca unha liña entre tradicións culturais da Prehistoria e zonas de comunicación e tránsito gandeiro”, defende Tejerizo, que incide en que para seguir afondando nestas investigación precisan de apoios e financiamento. “Pensamos que este é un patrimonio único que temos o deber de protexer”, asevera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.