Os lagares rupestres eran o instrumento empregado hai máis dun milenio para a produción de viño. Estaban formados por estruturas de pedra de que servían para prensar a uva e habitualmente contiñan unha canle de saída e algún espazo de decantación para recoller o líquido resultante. No lugar da Golpilleira, entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín, vén de ser atopado un destes lagares rupestres, descoñecido ata agora, que pode achegar moita información sobre a orixe da produción vitivinícola na comarca do Ribeiro, cunha tradición tan fonda na elaboración do viño.
As estruturas de pedra foron achadas no lugar da Golpilleira, entre os concellos de Ourense, Amoeiro e Punxín, por un socio de Apatrigal, que xa o puxo en coñecemento de Patrimonio
Javier Torres Suárez, socio da Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), foi o responsable do achado, seguindo as indicacións de Moncho Somoza, veciño de Santa Cruz de Arrabaldo, no Concello de Ourense. Trala descuberta, a entidade puxo o achado en coñecemento da Delegación Provincial de Patrimonio, que procedeu ao seu inventario e catalogación coa nomenclatura GA32054077.
O lagar rupestre pode achegar moita información sobre a orixe da produción vitivinícola na comarca do Ribeiro
O lagar conserva a laxa granítica aplanada (de 5x5 metros) cun par de estipites rectangulares para sustentar a prensa, cun rebaixe semicircular no que se asentaba o peso da prensa, un oco central para recoller as decantacións das filtracións da cuba, e unha canle verdedoiro que vai dar a unha pía rectangular de decantación, de 40 centímetros de fondo.
Así mesmo, pegado á laxa hai unhas rochas altas e sobre elas un marco de termo, composto por unha cruz patada e tres iniciais (P,A,C) que se corresponden cos tres concellos que tiñan anteriormente o límite nese lugar: Punxín, Amoeiro e Canedo. Canedo pertence actualmente a Ourense, no que se integrou no ano 1943.
A maior parte dos elementos atopados poden ser datados na Alta Idade Media (entre os séculos V e IX)
Dende Apatrigal destácase que "é difícil datar o achado sen unha intervención arqueolóxica". Con todo, apuntan a maior parte dos elementos atopados poden ser datados na Alta Idade Media (entre os séculos V e IX), aínda que hai outros que poden ser identificados coa baixa romanidade. En canto ao marco, a tipoloxía gráfica permite situalo entre 1836 e 1943, data na que se anexiona Canedo a Ourense.