No ano 2017 foron atopadas unhas pinturas rupestres de estilo esquemático no Penedo da Moura de Vilardevós (Ourense), tamén coñecido como Penedo Gordo. Meses despois, un equipo galaico-luso liderado pola arqueóloga da Universidade de Vigo Beatriz Comendador iniciou unha intervención arqueolóxica que buscaba principalmente determinar se existira ou non ocupación humana vinculada ás pinturas. Este xoves veñen de coñecerse os primeiros resultados da investigación que revelan “a excepcionalidade deste xacemento” e confirman “a presencia de indicios de ocupación prehistórica inmediatos ás paredes pintadas do penedo”, en palabras de Comendador.
A investigación revela “a excepcionalidade deste xacemento” e confirma “a presenza de indicios de ocupación prehistórica"
As pinturas foron datadas nun período entre o neolítico antigo e o neolítico final e os traballos arqueolóxicos permitiron verificar a existencia de diversos niveis de ocupación, histórica e prehistórica, no penedo. “Verifícase a presenza dunha ocupación prehistórica no abrigo do Penedo Gordo e a súa vinculación coa pintura rupestre esquemática localizada”, salienta a arquóloga. Entre os materiais achados destaca a presenza de cuarzo, sílex e xisto ou lousa e, aínda que en menor medida, tamén hai presenza de cerámica prehistórica, algunha con decoración plástica ou incisa.
Nos últimos dous anos foron atopadas pinturas rupestres en Baleira, Vilardevós e Valdeorras
Comendador explica que esta zona do val do Támega “é moi importante porque se sitúa na fronteira natural entre a gran rexión bioclimática atlántica e a rexión bioclimática mediterránea, pola que preferentemente se expande a tradición de arte esquemática pintada en Europa Occidental”. A busca destas pinturas polo sur oriental de Galicia, apunta, comezou hai máis dunha década, seguindo "a idea da continuidade xeográfica con estes conxuntos nos límites fronteirizos, como o val do Támega na raia sur ou o núcleo de Bierzo, polo Sil".
A arqueóloga destaca que dous descubrimentos casuais no ano 2017 viñeron a confirmar estas hipóteses, aparecendo primeiro pintura na Cova da Fontaneira (Baleira) e posteriormente no Penedo Gordo (Vilardevós), aos que se engadiu recentemente o descubrimento dun conxunto en Casaio (Valdeorras).