A Deputación de Lugo investirá 31.000 euros para poñer en marcha en Triacastela un museo que busca poñer en valor a Cova de Eirós. Este centro de interpretación instalarase na Casona, un edificio propiedade do Xacobeo, que cederá unha parte ao Concello para destinalo a amosar os achádegos deste xacemento.
A Cova Eirós foi escenario nos últimos dez anos dunha intensa investigación que permitiu achar e datar con precisión pinturas rupestres de máis de 9.000 anos de antigüidade, o que as converte nas máis antigas de Galicia. Ademais, as escavacións permitiron afondar no proceso de desaparición dos derradeiros neandertais no norte peninsular, substituídos finalmente polos humanos modernos. Eirós é a unica cova con evidencias de ocupación de Homo Neardenthalis e Homo Sapiens na Península Ibérica. Ademais é un dos xacementos paleontolóxicos máis importantes de Europa para o estudo do Oso das cavernas.
Os 31.000 euros achegados pola Deputación servirán para a redacción do proxecto museolóxico, a elaboración dun catálogo, unha paxina web e guías sobre este xacemento único.
Con este proxecto, o ente provincial busca "potenciar o desenvolvemento rural adaptado a un modelo sostible de xestión do patrimonio cultural e natural, e por outra banda, preténdese crear unha nova rede de atracción turística baseada nas riquezas naturais e paisaxísticas". Así mesmo, engádese un novo aliciente para todos os visitantes que pasan por Triacastela, especialmente os peregrinos que utilizan o Camiño de Santiago.
En 2017, obrigada por unha forte presión de entidades culturais e ecoloxistas, a Xunta iniciou o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós. Unha declaración BIC que algunhas voces alertaban como insuficiente ante a ameaza mineira que dende hai anos rodea o espazo arqueolóxico, da que é responsable Cementos Cosmos.
Dez anos de escavacións
As escavacións son responsabilidade do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona. Actualmente, os traballos están centrados na escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, onde xa foron recuperados máis de dez mil rexistros e pezas, o que confirma esta cavidade como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores recolleitadores que ocuparon Galicia nos últimos 40.000 anos.