A plataforma Contraminacción, que xunta varias asociacións "contra a minería destrutiva" en Galicia, vén de exixir ao Concello de Triacastela a "paralización inmediata" de calquera actividade na mina a ceo aberto de Cementos Cosmos. O grupo dá "un prazo de 24 horas" para que a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal, que tamén é deputada no Congreso en Madrid, "actúe nese sentido en exercicio das súas competencias e evite as actividades ilegais que esta empresa está a realizar". Pero a súa resposta foi volver reclamar un museo para o xacemento arqueolóxico que hai debaixo desta explotación e que pon en perigo a súa conservación.
A canteira de Cosmos reiniciou a súa actividade malia varios expedientes en contra e a pesar dos danos que provoca na Cova Eirós
A polémica canteira da cementeira reiniciou a súa actividade logo de dez meses parada e tras recibir a licenza municipal e o visto e prace da Xunta malia os expedientes en contra da Confederación Hidrográfica e o Comité Asesor do Camiño e os danos que provoca na Cova Eirós.
É a Asociación Socio-Cultural O Iribio, en nome de quen Contraminacción fai a exixencia, quen leva tempo denunciando a situación desta explotación. Pero o pasado día 1 de agosto, a alcaldesa de Triacastela outorgou a devandita licenza municipal. Nese mesmo día, Cosmos reiniciou a súa actividade, "a un ritmo frenético, traballando fins de semana incluídos, mentres o Concello de Triacastela impedía o acceso ao documento da licenza". Pero o colectivo accedeu a el e, segundo di, comprobou como "contén diversos requisitos e condicións de obrigado cumprimento, varios deles previos ao reinicio da actividade, que Cosmos está a incumprir", motivo polo cal demandan a paralización inmediata da actividade.
Contraminacción di que a licenza municipal "contén diversos requisitos e condicións que a empresa está a incumprir"
Para Contraminacción, o outorgamento desta licenza "é un escándalo", ao tratarse dun procedemento "cheo de irregularidades, ilegalidades, contradicións e indicios de prevaricación, saltando calquera avaliación ambiental, nun lugar onde é unha auténtica barbaridade a autorización dunha explotación mineira". Ante isto, xa anuncia que a decisión "será recorrida", demandando a súa anulación.
A alcaldesa de Triacastela pide un museo para a Cova de Eirós que está a danar a mina de Cementos Cosmos
A resposta do Concello foi rápida, pero cando menos curiosa. Este mesmo xoves, a alcaldesa de Triacastela, a popular Olga Iglesias, reclamou un museo da prehistoria que sirva para canalizar os achados que os investigadores da Universidade de Santiago fan na Cova de Eirós. É unha proposta que non é a primeira vez que fai pero que reitera agora cando, hai menos de dúas semanas, a administración local concedeu a licenza municipal a Cementos Cosmos para reiniciar a actividade na mina que se sitúa precisamente sobre o xacemento e que provoca graves riscos para este e para as pinturas rupestres do Paleolítico e do Neanderthal que alí hai.
Contraminacción lembra que a explotación mineira está fisicamente sobre o xacemento arqueolóxico, danando gravemente o cento de pinturas rupestres debido a filtracións de auga ao ter sido retirada a capa de terra e rocha sobre ela, "ademais de ter destruído xa outra cova similar e ameazar coa destrución física outras tres aínda sen estudar". Salvemos Cabana criticou xa a "dobre moral" da alcaldesa, así como a súa "actitude lamentable" neste conflito.
"A licenza municipal foi outurogada sen avaliación ambiental e coa permisividade de Medio Ambiente"
A plataforma recorda tamén que esta mina a ceo aberto, cun impacto paisaxístico brutal, "está en plena Rede Natura, no LIC Ancares-Courel, nunha área onde se documentan ducias de especies protexidas e hábitats de altísimo valor". Non obstante, a concesión foi outorgada "sen avaliación ambiental, e agora a licenza municipal tamén é outorgada sen avaliación ambiental, coa permisividade da Consellaría de Medio Ambiente".
"Está sobre un cauce fluvial, afectando aínda o Domínio Público Hidráulico tamén doutro río, cun expediente sancionador sen executar por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que inicialmente emitiu informe desfavorável no pasado mes de xuño alertando de mais dunha ducia de ilegalidades, pero que inexplicablemente emitiu o mesmo informe dicindo o mesmo, só que informando favoravelmente no pasado 16 de xullo", explica o colectivo.
Do mesmo xeito, e a pesar da modificación en 2012 da delimitación e da área de protección do Camiño de Santiago ao seu paso ao pé desta explotación mineira, o impacto paisaxístico que ten desde el durante moitos quilómetros "é tan brutal que o Comité Asesor do Camiño de Santiago manifesta a incompatibilidade desta actividade extractiva cos valores patrimoniais do Camiño de Santiago, o cal non impediu que Juan Antonio Naveira Seoane, subdirector xeral de Protección do Patrimonio Cultural fixese ouvidos xordos e emitise informe favorável ao outorgamento desta licenza municipal".
"Denunciamos o constante e absoluto asoballamento que esta administración ao servizo das empresas mineiras permite, autoriza e até promove, e a destrución irreversível que estas prácticas mafiosas producen", insiste Contraminacción, que acusa destas "desfeitas" á promoción que delas fan "depredadores sen escrúpulos ao servizo na Administración". "É preciso pararlles os pés dunha vez por todas", din.
AGE exixe tamén a paralización
Tamén AGE reclama a "inmediata paralizaicón da actividade na explotación mineira". Segundo o grupo parlamentario, a actividade "vulnera a legalidade vixente e non garante a protección dos valores paisaxísticos, patrimoniais e ambientais da zona". "É totalmente irregular xa que non se implementaron as condicións ou requisitos de obrigado cumprimento previos á posta en marcha da actividade mineira", di o deputado Antón Sánchez, que destaca que "a licenza outorgouse condicionada, licenza de eficacia condicionada polo tanto”. "En consecuencia a empresa non pode dar comezo á súa actividade sen terse acreditado o cumprimento destes condicionantes", asegura.
"A actividae vulnera a legalidade vixente e non garante a protección dos valores paisaxísticos, patrimoniais e ambientais da zona", di AGE
Por iso, AGE, que critica a "permisividade do Concello coa empresa", presentou unha iniciativa no Parlamento na que insta a Xunta de Galicia á "revisión da licenza municipal outorgada o pasado 1 de agosto, que exime á empresa da realización do Ditame de Incidencia ambiental, baixo o argumento de que non se producen cambios substanciais na explotación", cando en 2008 houbo unha reclasificación da explotación de grupo A a C, o que indiscutiblemente é unha modificación substancial que obriga a que o proxecto pase polo trámite ambiental preceptivo segundo o Decreto 133/2008 no que se ampara o Concello de Triacastela para o outorgamento da licenza, xa que non é de aplicación a Disposición Adicional 2ª de dito Decreto.
O deputado Antón Sánchez asegura que “tanto a actuación do Concello coa tramitación chapuceira do expediente como da Xunta de Galicia, poñen en perigo importantísimos valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais do Camiño de Santiago, como se denuncia no informe do Comité Asesor do Camiño, e da Cova de Eirós un importantísimo xacemento arqueolóxico do que o informe da Dirección Xeral de Patrimonio advirte literalmente que esa actividade “implica un risco evidente de destrución e deterioro da Cova de Eirós, un xacemento arqueolóxico único que conserva as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular”.
Alternativa pide que a Xunta "cumpra coa súa obriga de protexter os intereses dos galegos e revise a licenza municipal"
Por todo isto, o grupo de Alternativa Galega de Esquerda exixe a paralización da actividade mineira da empresa en Triacastela así como que o Goberno galego "cumpra coa súa obriga de protexer os intereses de todos os galegos e galegas e leve a cabo de oficio a revisión da licenza municipal". AGE di constatar "unha vez máis" que o PP aposta pola “barra libre para as empresas mineiras a través dun modelo económico terceiromundista”.