As escavacións que dende o ano 2008 se veñen realizando na Cova Eirós (Triacastela) continúan a ofrecer abondosa información sobre os habitantes desta cavidade, permitindo coñecer moito mellor a forma de vida dos poboadores do actual territorio de Galicia nos últimos 40.000 anos. E, sobre todo, afondar no procesos de desaparición dos derradeiros neandertais no norte peninsular, substituídos finalmente polos humanos modernos. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan cos últimos grupos de neandertais, seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.
O catedrático da USC e director científico do proxecto, Ramón Fábregas, e o director do mesmo, Arturo de Lombera, explicaron esta mañá Compostela os principais achados dos traballos durante o bienio 2015-2016. As escavacións son responsabilidade do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona.
Actualmente, os traballos están centrados na escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, onde xa foron recuperados máis de dez mil rexistros e pezas, o que confirma esta cavidade como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores recolleitadores que ocuparon Galicia nos últimos 40.000 anos.
As novas datacións absolutas confirman o grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós como un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada dos Homo Sapiens a este territorio. “Este feito permítenos achegar ás causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos (recrudecemento do clima) ou da nova competencia producida pola chegada dos humanos modernos á rexión”, explican os responsables do proxecto.
Por outra banda, co estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós os investigadores buscan achegarse "á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior". Neste senso, os últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e a profundar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como a fotogrametría. “A análise e datación por Carbono 14 permítenos atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores recolleitadores”, afirman.
A vontade do equipo é continuar este proxecto, que tan bos resultados está a dar, permitindo ademais a difusión dos traballos en revistas científicas de primeiro nivel de todo o planeta. “A cavidade segue a mostrar un gran potencial xa que aínda quedan máis de dous metros de recheo por escavar e as galerías interiores para revisar na procura de arte rupestre”, conclúen.