Cova Eirós: Unha declaración BIC insuficiente?

Mina a ceo aberto de Cosmos © Petón do Lobo

O pasado mes de abril a Xunta viuse obrigada a iniciar o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós (Triacastela), a única cavidade galega con pinturas e gravados rupestres (publicado no DOG do 2 de maio). A decisión chegaba despois de oito anos de demandas de colectivos sociais e investigadores e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG ante unha demanda de ADEGA. En outubro do pasado ano o propio Consello da Cultura Galega lle esixira esa figura de protección ante a ameaza que para a integridade do xacemento supón a actividade mineira de Cosmos.

Porén, dende a Asociación Ambiental Petón do Lobo e outras cinco entidades (Asociación Cultural O Iribio de Triacastela, Verdegaia, a Asociación Sexta Columna de San Fins de Lousame, a a Asociación Ouriol do Anllóns e Cova Crea) alértase de que a declaración BIC nos termos en que está deseñada polo Goberno galego resultaría insuficiente para a a correcta protección do espazo, ademais de que deixa fóra outras covas próximas, entre outros elementos.

A Xunta "limita a contorna de protección da Cova Eirós á 50 metros, en contra do criterio do CCG, que a fixa en 200 metros", polo que unicamente quedaría protexido o interior da cavidade

En primeiro lugar, critican que se lle asigne á Cova Eirós a categoría de monumento, "en vez de xacemento arqueolóxico, a diferencia doutras covas semellantes como Altamira ou Atapuerca" e, igualmente, que a Xunta "limita a contorna de protección da Cova Eirós á 50 metros, en contra do criterio do Consello da Cultura Galega, que a fixa en 200 metros", polo que unicamente quedaría protexido o interior da cavidade, sen ter en conta a ameaza mineira das súas proximidades. Neste senso, a entidade alerta de que o Goberno galego "condiciona a protección do xacemento de Cova Eirós á finalización da vida útil da empresa mineira que explota a ladeira sur do monte Penedo", onde se sitúa o xacemento arqueolóxico.

Así mesmo, sinala que a protección deixa fóra outras catro cavidades próximas, entre elas a cova da Cabaxa (ou da Catuxa) e cova da Graxeira (ou da Gralleira), todas elas inscritas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, e para as que o informe publicado polo Consello da Cultura Galega o pasado ano esixía tamén a declaración BIC, por mor da ameaza mineira: "tendo en conta a situación actual das Covas e as ameazas derivadas da explotación mineira da sua contorna, urxe proceder á sua declaración formal como BIC, que garanta unha acaída protección delas e da súa contorna".

Aquel informe do CCG facía referencia, polo tanto, á protección integrada da contorna das covas que, como denuncia a Asociación Petón do Lobo, tampouco figura no procedemento iniciado pola Xunta. "Tendo en conta a singular relación das covas coa súa contorna, é preciso poñer en marcha as actuacións para a elaboración dun plan de protección e delimitación do BIC que comprenda tamén as interaccións existentes coas unidades paisaxísticas existentes e o trazado do Camiño de Santiago", dicía o informe do CCG. Da protección queda fóra tamén o Camiño Real, un camiño histórico con orixe romana, e tamén afectado pola actividade mineira de Cosmos.

O Goberno galego "condiciona a protección do xacemento de Cova Eirós á finalización da vida útil da empresa mineira que explota a ladeira sur do monte Penedo", onde se sitúa o xacemento arqueolóxico

Para a Asociación Ambiental Petón do Lobo, que segue as recomendacións fixadas polo Consello da Cultura en novembro, "a actividade mineira nesa zona está fora de lugar e do que se trata é de rehabilitar a parte destruída no Monte Penedo, recuperando na medida do posible o seu estado orixinal desde un punto de vista paisaxístico e medioambiental, con urxencia na restitución do réxime hidrolóxico orixinal e a cobertura vexetal, ao tempo que a protección da zona do Monte da Pedra contigua á zona de respecto do Camiño Francés onde se atopan as outras covas para evitar que sufra a mesma sorte que o Monte Penedo".

A entidade chama a atención, polo tanto, sobre a "absoluta discrepancia de criterios" entre a actuación da Xunta e as recomendacións do Consello da Cultura. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural "parte da condición da continuidade de actividade mineira e limítase a trazar os mínimos contornos de protección, de xeito que non entorpezan esa actividade mineira, limitándose a protexer a boca da Cova de Eirós na cara norte", denuncian.

 

As cinco covas da parroquia de Cancelo, en Triacastela © Petón do Lobo
Mina a ceo aberto de Cosmos © Petón do Lobo
Mina a ceo aberto de Cosmos © Petón do Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.