O Goberno galego vén de iniciar o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós (Triacastela), o principal expoñente da Historia Paleolítica de Galicia e a única cavidade galega con pinturas e gravados rupestres. A Xunta comeza o proceso despois de oito anos de demandas de colectivos sociais e investigadores e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG ante unha demanda de ADEGA, que o pasado mes de xullo presentou un recurso contencioso-administrativo contra a Consellaría de Cultura.
A Xunta comeza o proceso despois de oito anos de demandas de colectivos sociais e investigadores e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG
Naquel recurso, a entidade ecoloxista denunciaba o feito de que a Xunta desestimara, "presuntamente por silencio administrativo" a súa solicitude de inicio da tramitación para a declaración oficial da Cova Eirós como BIC. No seu escrito de contestación á demanda, o Goberno galego procede a resolver a incoación do expediente BIC demandado, polo que o TSXG propón arquivar o caso.
ADEGA acolle "con satisfacción" a decisión e sinala que "pese a que a Xunta alega que a Cova xa ten a consideración ex lege de Ben de Interese Cultural por conter pinturas rupestres, ben é certo que tal protección non terá a suficiente seguridade xurídica nin será efectiva mentres a Xunta non declare formalmente o xacemento como BIC, nin estableza a delimitación do contorno de protección ou as medidas necesarias para a súa preservación". Nos últimos anos numerosas entidades e institucións reclamaron esta protección para a cova ante as ameazas que podían poñer en risco a súa integridade e conservación, sobre todo as minas e canteiras próximas, coma a de Cosmos. O pasado mes de outubro foi o propio Consello da Cultura Galega, quen lle esixiu á Xunta esta declaración.
ADEGA presentou en 2009 a primeira protección de protección para a Cova. Dende entón a entidade dirixiuse á Xunta en oito ocasións, de forma directa ou a través do Valedor do Pobo, para instala a iniciar o devandito procedemento administrativo, atopando sempre silencio por parte do Goberno galego, que en outubro de 2014 autorizou a Cementos Cosmos retirar a capa vexetal do teito da cavidade "aumentando decisivamente o risco de filtracións e o seu deterioro". Esta intervención tivo que ser paralizada pola Fiscalía á petición de ADEGA.
"Sospeitamos que o silencio da Xunta teña respondido a motivacións menos confesables, probablemente relacionadas coas pretensións da canteira de Cementos Cosmos de ampliar a súa zona de explotación"
A entidade ecoloxista pregúntase "se a non incoación do expediente BIC respondía á falta de probas", como argumenta agora a Xunta, "por que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural eludiu contestar neste sentido?". E engade que "sospeitamos, lamentablemente, que a pasividade e o silencio da Xunta dos últimos anos teña respondido a motivacións menos confesables, probablemente relacionadas coas pretensións da canteira de Cementos Cosmos de ampliar a súa zona de explotación".