O conflito na CRTVG non cesa e xa olla cara á campaña electoral. Tras o éxito da folga do pasado 24 de marzo, que obrigou á suspensión de numerosos programas, impediu toda a programación deportiva e cancelou espazos emblemáticos como Luar, o persoal dos medios públicos dá un novo paso na súa mobilización "contra os abusos e a manipulación e a represión".
"Perdeuse o medo", advertían días despois dos últimos paros fontes do comité intercentros que anunciaban a intención do persoal mobilizado de aproveitar a repercusión da campaña electoral municipal para facer chegar as súas demandas doutra vez ao goberno da Xunta, pero tamén a todos os partidos e á sociedade en xeral. Tamén a de "amplificar" a protesta e facela máis visible alén de Galicia.
O comité intercentros convoca tres novas xornadas de folga e anuncia unha acción en Madrid para "amplificar a denuncia da manipulación informativa e da represión"
Dito e feito. O comité intercentros, logo dunha nova asemblea de traballadores, advertiu este venres da convocatoria de tres novas xornadas de folga, dúas entre semana e unha en domingo. A primeira está prevista para o próximo martes 25 de abril, data na que, ademais do paro, persoal da CRTVG trasladarase a Madrid para levar a cabo alí unha "acción" de protesta para a que convocarán a medios estatais para "amplificar a denuncia da grave situación de manipulación informativa e represión" na Corporación.
As outras dúas, en datas claves e significativas polo que supoñen en contexto electoral. Un dos paros está previsto para o venres 12 de maio, día no que arranca a campaña -das municipais en Galicia e das locais e as autonómicas en moitos outros territorios- coa tradicional pegada de carteis. O seguinte, o mesmo día das eleccións, o domingo 28, co que iso supón en termos de cobertura electoral durante as 24 horas.
O comité denuncia unha situación laboral "marcada pola marxinación, o trato degradante, as sancións e a represión"
No fondo, a intención do comité de presionar para lograr "que a empresa sente a negociar" e o convencemento de moito persoal que dixo "que xa abonda". "A situación da CRTVG é insostible e ten que mudar", anunciaban fontes do comité antes de confirmar a convocatoria de novas xornadas de folga.
"Con esta loita queremos denunciar unha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre as persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da CRTVG", asegura o comité intercentros nun comunicado.
Os obxectivos das novas xornadas de folga -de novo baixo o lema Non máis abusos- son, segundo aclara o comité, "reclamar o cesamento dos abusos e restablecer un clima laboral respectuoso cos dereitos do persoal", ademais de "erradicar o trato degradante que os superiores xerárquicos e funcionais inflixen as persoas traballadoras ao seu cargo".
Tamén reclaman un estudo psicosocial e repoñer nos seus postos as persoas que foron "trasladadas como represalia", así como "esixir o remate da imposición por parte da dirección de novas funcións no contexto da mudanza tecnolóxica".
O anuncio de novos paros coincide coa celebración doutro venres negro, o número 256, no que o persoal mobilizado con Defende A Galega volve advertir de que "a liberdade de expresión é un dereito fundamental" e rexeita "a manipulación, as inxerencias políticas, as represalias e os abusos". E chega só uns días despois de que o PP volvese blindar no Parlamento o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, rexeitando a proposta de BNG e PSdeG para que fose reprobado e se iniciase a súa remuda, tal e como marca a lei, e gabando a súa "independencia" logo de que a formación popular calcase o discurso que o dirixente mantén contra a oposición e as protestas desde hai tempo.