Un ano denunciando a manipulación na TVG

Captura de imaxe do blog do comité da TVG © Eunonmanipulo

“Este blog foi creado polo comité de empresa da Televisión de Galicia para denunciar a manipulación informativa que sofre a canle pública e para demandar a creación dun Consello de Informativos". Esa é a cabeceira do exitoso blog Eu Non Manipulo, unha declaración de intencións que é recuperada polos autores neste venres 4 de abril, xusto cando a páxina cumpre un ano. 365 días, 140.000 visitas e 710 denuncias despois, "a manipulación segue existindo", tal e como relatan representantes dos traballadores a Praza, pero "o traballo deu os seus froitos". Os principais: trasladar á opinión pública esta grave problemática ou evidenciar flagrantes casos de terxiversación e de informacións ao servizo do poder que incluso obrigaron o director xeral da CRTVG a dar explicacións no Parlamento.

A idea xurdida hai agora máis dun ano nunha asemblea de traballadores, e apoiada maioritariamente por eles, continúa con máis forza ca nunca malia os atrancos da dirección da propia canle, que implantou unha normativa para poder revisar as mensaxes de e-mail dos seus traballadores e os sitios web que visitan, ademais de vetar o acceso ás instalacións da empresa pública con ordenadores ou tabletas. "Foron principalmente os redactores e as redactoras as que decidiron que había que sacar esta situación cara a fóra e facer didáctica, tanto desde dentro como cara ao exterior; había que ser conscientes de cales son os métodos e as causas da manipulación", explica o comité de empresa, que se declara "moi satisfeito" do traballo desenvolvido no blog.

"Foron a maioría dos redactores os que decidiron denunciar esta manipulación cara a fóra e facer didáctica"

Son máis de 700 denuncias de casos de manipulación noutros tantos artigos publicados. Desde as omisións no caso Bárcenas ou á Gürtel, pasando pola Pokémon e a antiga relación de Feijóo cun narcotraficante, polo trato desigual aos partidos políticos e a ocultación das siglas do PP cando a nova é negativa, ata a repetición ordenada e insistiva do nome das formación da oposición cando a información as prexudica. Tamén Nunca Máis, o caso da mina de Corcoesto, a escasa atención ao dominio .gal, ou a última omisión sobre o altercado protagonizado por Esperanza Aguirre.

"Ducias de casos, os últimos encamiñados a subliñar os datos positivos da macroeconomía española e a agochar os negativos da vida real. É certo que melloran as cifras do paro, como informaron TVG e o resto dos medios, pero tamén é certo que aumenta a temporalidade laboral  e que a decisión de moitos parados de facerse autónomos axuda a adelgazar as listas do INEM. Iso non se conta, nin se fala da cantidade de mozos que emigran a Europa ou América, malia que TVG ten alí colaboradores, nin se fan reportaxes de galegos que malviven baixo o limiar da pobreza", explican os autores do blog.

"Cada vez son máis os redactores que se prestan a colaborar facilitando detalles sobre a manipulación das súas informacións"

Son centos de denuncias e cada vez son máis. Os datos sobre a manipulación que nun comezo achegaban uns poucos traballadores van aumentando e son cada vez máis os redactores que se prestan a colaborar facilitando detalles sobre as omisións, terxiversacións ou mala praxe xornalística que acontecen nos telexornais.

"Cada vez hai máis xente que desde dentro suxire, denuncia, dá a alerta ou comenta os casos; algúns de maneira máis aberta e outros máis ás agachadas... Porque o que aquí hai xa non é medo, senón pánico", insisten fontes do comité de empresa, que asumen "o difícil" do traballo de elaboración do blog, pero que destacan o importante incremento de traballadores dispostos a colaborar con Eu non manipulo. "Ninguén sabe mellor que os propios redactores que é o que lle mandaron facer, as intromisións que sufriron ou as ordes que recibiron; é moi importante que as achegas se incrementen porque hai manipulacións moi previsibles e evidentes, pero hai outras máis pequenas ou sutís que sen eses datos serían imposibles de saír á luz", engaden.

"Aquúi xa non hai medo, hai pánico; hai quen colabora de maneira aberta e outros máis ás agachadas"

"Mesmo houbo algún momento no que parecía que a manipulación diminuía, pero como xa prognosticamos, foi flor dun día", engaden os autores do blog. Desde o comité aclaran que "ás veces, cando as denuncias son moi graves", si que se nota que a dirección "aminora a marcha que leva ou córtase máis". "Pero é cousa dun día, en canto pasan 24 horas, volven á súa práctica habitual", lembra. "A manipulación segue aí".

 

"A manipulación segue e o blog, tamén"

Entre as denuncias máis vistas no blog sitúanse aquela na que se informa sobre as imaxes do accidente ferroviario de Angrois que a dirección decidiu emitir saltándose o criterio do redactor que as editara, a referencia ao espazo que o programa El Intermedio lle dedicou á problemática na TVG, a "manipulación" dos disturbios en Compostela na manifestación dos mariñeiros do cerco ou a entrada na que se denuncian "os ataques desleais de La Voz" á televisión pública. Pero hai moitas máis, ata 710. E seguirá habendo.

"A manipulación segue e polo tanto Eu non manipulo, tamén. Ogallá tivésemos que pechar o blog, pero de momento non parece que esa sexa unha opción", advirten os seus autores na páxina, na que explican que esta iniciativa "non é o primeiro intento de frear a manipulación política e gobernativa da Televisión de Galicia". Houbo outros como a ILP para democratizar o nomeamento do director xeral, "que non foi adiante por votar en contra a maioría do PP no Parlamento", ou o informativo-denuncia que boa parte dos xornalistas da empresa protagonizaron na Praza do Toural en Santiago. Tamen en Praza os traballadores explicaron con detalle os métodos empregados na canle para censurar ou manipular os telexornais.

Non obstante, e malia todo, a CRTVG segue sen o Consello de Informativos reclamado para "que vele pola pluralidade e a imparcialidade da información". "Iso está parado e moito nos tememos que o vai seguir estando; a dirección ampárase en que ten que ser o Parlamento quen cree eses órganos previstos na lei da Corporación, que tampouco é efectiva... Pero eles seguen negando que na TVG haxa manipulación". E Eu non manipulo seguirá denunciándoa.

O director xeral da CRTVG (esquerda), co presidente da Xunta © Ana Varela
Traballadores da CRTVG, nunha protesta CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.