Unha primeira conclusión que podemos tirar é que a falta de mobilización de votantes de esquerda si que foi clave. Ou dito doutro xeito, a participación si que aumentou, pero non o suficiente para os partidos de esquerda
Moitos analistas, asociados a partidos ou non, teñen interpretado os resultados das eleccións autonómicas do 18 de Febreiro, de xeitos máis ou menos opostos. Por exemplo, como podemos entender o que pasou tendo en conta o aumento na participación? Os comentaristas máis conservadores inclínanse polo “nada cambiou, demostrouse que unha maior participación non favorece á esquerda”. É correcto? Existen tamén diversas correntes de opinión sobre a procedencia do espectacular aumento de votos nacionalista: é un voto esencialmente procedente do PSOE, ou conseguiu o BNG penetrar no electorado do PP? Por último, outro dos temas de moda é preguntarnos se o dominio do PP vai rematar algunha vez, e se no futuro sería realista que se dese unha mudanza no partido maioritario do país. Neste artigo pretendo analizar todos estes aspectos, tentando basearme sobre todo en aspectos numéricos e de análise cuantitativa.
A escasa caída de voto do PP faime escéptico de que houbera un grande transvase desde os conservadores cara os nacionalistas. Evidentemente, sempre tende a haber movementos de votos entre partidos entre eleccións distintas, pero non parece que en termos absolutos estes foran moi relevantes entre partidos de distintos bloques
Comecemos falando da participación. Penso que non é axeitado comparar, en case ningún aspecto, as eleccións actuais coas de 2020. As de 2020 aconteceron nun contexto de pandemia, o que afectou enormemente á participación, e cunha campaña dun nivel moito máis baixo que a actual, o que levou a unha mobilización moito menor do electorado. Porén, as eleccións Xerais do verán pasado, ofrecen un panorama moito máis similar en canto ao comportamento agardado dos votantes. Todo isto mesmo xa coñecendo o famoso voto dual entre galegas e Xerais, que afecta especialmente aos partidos da esquerda. As figuras do artigo indican a fracción en % e diferenza de votos (absolutos) entre as eleccións Xerais e galegas. Agregamos o voto da dereita (PP+VOX+DO), e da esquerda (BNG+PSOE+Sumar). Un primeiro aspecto relevante é observar como o PP se mantén practicamente constante, salvo na provincia de Ourense. Acontece que en Ourense tivemos unha irrupción importante de DO, que recibiu apoios de votantes do PP nas Xerais. Non obstante, isto non explica todo o voto ao partido de Jácome. Ollando os números absolutos, a perda de 7000 votos do PP non é suficiente para explicar os 15000 que gaña DO. Parece evidente que estes tamén conseguiron numerosos apoios entre os 35000 que deixaron de votar ao PSOE. Isto fai que a asignación de DO ao bloque da dereita sexa dubidoso.
Ollando para o resto das provincias, onde non hai distorsión polo efecto de DO, a diferenza de votos entre Xerais e Autonómicas a perda é moito maior na esquerda que na dereita: os votantes que “faltan” respecto das Xerais son maiormente de esquerda. O efecto é máis pronunciado nas provincias atlánticas, que resultan ser as que máis escanos reparten. Esta caída acada cerca dos 100000 votos, uns votos sen os cales calquera posibilidade de cambio goberno na Xunta semella inviable. Dado o espectacular aumento de votantes do BNG, e do papel relativamente menor de Sumar dentro da esquerda, semella claro que a perda vén do PSOE. Dentro da dereita, debido á coincidencia case absoluta de votos que recibiu o PP, parece probable que a maior abstención se producise por votantes de VOX, coa posibilidade dun certo transvase entre os dous. Polo tanto, unha primeira conclusión que podemos tirar é que a falta de mobilización de votantes de esquerda si que foi clave. Ou dito doutro xeito, a participación si que aumentou, pero non o suficiente para os partidos de esquerda.
Semella que o voto progresista das eleccións Xerais se aglutinou en torno ao BNG, pero non houbo grandes movementos entre conservadores e progresistas
A segunda cuestión a analizar era a procedencia dos novos votantes do BNG. A escasa caída de voto do PP faime escéptico de que houbera un grande transvase desde os conservadores cara os nacionalistas. Evidentemente, sempre tende a haber movementos de votos entre partidos entre eleccións distintas, pero non parece que en termos absolutos estes foran moi relevantes entre partidos de distintos bloques. Estudos demoscópicos post-electorais, como o de Sondaxe, apuntan tamén nesta mesma liña. En resumo, semella que o voto progresista das eleccións Xerais se aglutinou en torno ao BNG, pero non houbo grandes movementos entre conservadores e progresistas. A excepción é Ourense, polo efecto de DO comentado anteriormente. Dito isto, penso que non fai sentido dicir que o BNG recibiu votos “prestados” do PSOE, porque o préstamo pode entenderse en calquera dirección, e un podería dicir que nas Xerais é o BNG o que presta votantes ao partido socialista.
Como pode o PSOE convencer a eses votantes? Que ten que facer o BNG para non asustalos e frustrar o cambio? Ou é que a única maneira de sumar a estes votantes é que a hexemonía na esquerda pertenza ao PSOE?
Imos ao derradeiro punto: que ten que acontecer para termos un cambio político neste país? Fixen un exercicio de ficción: asumir que todos os votantes que quedaron na casa na esquerda respecto das Xerais tiveran votado ao PSOE, e os equivalentes na dereita ao PP. Excluín do exercicio a Ourense, porque a presenza de DO dificulta a asignación. Neste escenario, o máis favorecido sería o PSOE, quedando o novo reparto 38 – 22 – 14 – 1 (PP – BNG – PSOE – DO). Se ben seguiríamos sen ter cambio, a sensación tería sido ben distinta, ao ter gañado a esquerda as eleccións en número de votos, e a esperanza dun potencial cambio moito maior. Reitero entón a idea anterior, segue a haber uns ~100 mil votantes do PSOE que non queren votar nas autonómicas cando si o fan nas Xerais. Isto non acontece no bando do PP, o cal fai unha diferenza moi significativa. Sospeito que estes votantes non ven con bos ollos unha Xunta liderada polos nacionalistas, e prefiren soster ao PP dun xeito indirecto. Este é un extremo que se podería tentar confirmar demoscopicamente, pois supón un enorme atranco para a alternancia política. Como pode o PSOE convencer a eses votantes? Que ten que facer o BNG para non asustalos e frustrar o cambio? Ou é que a única maneira de sumar a estes votantes é que a hexemonía na esquerda pertenza ao PSOE? Cómpre indicar, de maneira xenérica, que unha maior participación nas eleccións autonómicas, polo menos ata igualala coa das eleccións Xerais, sería un signo de fortaleza do sistema democrático galego.
Xa para a última parte do artigo, paso a argumentos e impresións non tan baseados en datos, se non na miña intuición ou opinión, que espero motivar axeitadamente. Son polo tanto moito máis especulativo a partir de agora. Teñamos en conta, alén de posibles desexos persoais, que a alternancia política é normalmente desexable en calquera sistema democrático (como por exemplo aconteceu en Andalucía, co dominio anterior do PSOE). Cando remate o novo mandato de Rueda terán transcorrido case 20 anos ininterrompidos de goberno do PP.
Creo que vencer ao PP ten que pasar por atacar a hexemonía dos conservadores nos concellos galegos. Existen numerosos exemplos de concellos do rural gobernados polos partidos da esquerda onde os resultados do PP foron moito menores que na media galega
Moitos analistas de esquerda asocian o dominio do PP nas eleccións galegas a elementos como a manipulación informativa, lei electoral favorable, carretaxe ou prácticas electoralistas desde o goberno da Xunta. Pero estes aspectos, aínda de ser certos, xa se coñecían antes das eleccións, e hai que contar con eles á hora de elaborar estratexias gañadoras. Como atinadamente indica Jorge Armesto estas prácticas tamén poderían afectar a aqueles lugares onde a esquerda conseguiu impoñerse claramente, como Vigo. Creo que vencer ao PP ten que pasar por atacar a hexemonía dos conservadores nos concellos galegos. Existen numerosos exemplos de concellos do rural gobernados polos partidos da esquerda onde os resultados do PP foron moito menores que na media galega. Precisamos ter listas do BNG e PSOE nos 313 concellos galegos. Os partidos de esquerda deberían conseguir diminuír significativamente o número de alcaldes de dereitas (e falo a nivel numérico, non en proporción á poboación que gobernan).
É posible que unha porcentaxe de votantes de esquerda máis moderados, asociados ao PSOE, decidise non acudir a votar por desdén a un goberno alternativo liderado polo BNG. Sería importante que o PSOE realizase unha labor pedagóxica para convencer a estes votantes. Dito isto, tamén o BNG debe facer autocrítica para ver como non “espantar” a aqueles votantes que, se ben non os van apoiar activamente, si que son imprescindibles para consolidar a unha alternativa
Como comentabamos, é posible que unha porcentaxe de votantes de esquerda máis moderados, asociados ao PSOE, decidise non acudir a votar por desdén a un goberno alternativo liderado polo BNG. Sería importante que o PSOE realizase unha labor pedagóxica para convencer a estes votantes. Dito isto, tamén o BNG debe facer autocrítica para ver como non “espantar” a aqueles votantes que, se ben non os van apoiar activamente, si que son imprescindibles para consolidar a unha alternativa. Isto tamén afecta a aqueles votantes de dereitas que, non estando entusiasmados polo goberno da Xunta ou polo candidato do PP, finalmente se decidisen a votar por medo a un goberno liderado por unha nacionalista. Parece que os ataques realizados, por parte do PP, a unha suposta radicalidade do BNG e da súa líder Ana Pontón nos últimos días de campaña, non conseguiron desanimar aos votantes que tiñan pensado apoiar aos nacionalistas. Pero si que tiveron éxito tanto en desmobilizar a unha parte deses votantes do PSOE dos que temos falado, así como en consolidar o voto de dereitas. En resumo, trataríase de contrarrestar/desmontar ese mantra falso do PP que se basea en unir inexorablemente nacionalismo-separatismo-terrorismo.
Os máis novos acaban desilusionados coa esquerda conforme envellecen, e deixan de votala. A esquerda debería tamén afrontar esta realidade e tentar remediala, alén do tradicional viraxe conservador que moitos sofren co paso dos anos
Por último, convén preguntarnos que leva ao PP a soster un nivel de votos tan constante nos últimos 30 anos. Se un olla os datos demoscópicos históricos, a esquerda, especialmente o BNG, sempre é maioritaria entre a poboación máis nova. As porcentaxes de votos do PP sempre se apoian no seu apoio entre os maiores, e no nivel de envellecemento da nosa poboación. Se estes niveis de apoio se mantivesen, e sempre e cando o apoio á esquerda se mantivese igual entre os máis novos (o cal si parece acontecer), un pensaría que a hexemonía do PP tería os días contados co paso dos anos, por un simple argumento numérico. Isto non está a acontecer, e o único motivo é que os máis novos acaban desilusionados coa esquerda conforme envellecen, e deixan de votala. A esquerda debería tamén afrontar esta realidade e tentar remediala, alén do tradicional viraxe conservador que moitos sofren co paso dos anos.