Sentidiño, amodiño

Un intre do debate electoral entre Pontón e Besteiro en RTVE, o 14 de febreiro © Emisión RTVE

Cando Ana Pontón tomou as rendas do seu partido en 2016 este case tocaran chan, con sete escanos. Oito anos despois, compróbase que Pontón foi quen de facer o control de danos preciso, reagrupar forzas, recuperar pactos, relacións e escisións e lograr unha clara hexemonía no seu campo ideolóxico que lle permitiu, ademais, darse a coñecer entre a poboación galega.

Novamente, aconteceu. Dos dous partidos condenados a entenderse en Galicia para formar un goberno de esquerda e alternativo ao PP, un conseguiu vinte e cinco escanos, mais o outro non acadou os trece restantes, precisos para completar a maioría na investidura presidencial. A última vez que isto ocorreu viñamos dunha lexislatura bipartita presidida do PSdG e vicepresidida polo BNG. Daquela, foi a fronte nacionalista a que quedou ás portas con doce asentos no hemiciclo galego (anunciábase a fractura que logo chegou e que semellou sandar na acabada de rematar campaña desta lexislatura). O presidente, Emilio Pérez Touriño, dimitiu na mesma noite electoral. O ata entón vicepresidente, Anxo Quintana, fíxoo uns días despois.

Evidentemente, o resultado dos comicios do pasado domingo require unha lectura, no miúdo, ben diferente ao de hai quince anos. Hai votos de esquerda que esvaeceron (Sumar, Podemos). Hai votos ao populismo facilón (DO), hai unha ultradereita que asoma mais non dá entrado (VOX) e claramente non se esforza por facelo. Hai máis xente que vota en Galicia, a participación desta vez foi algo maior – tres puntos — ca en 2009, hai máis votos concentrados nas cidades, a xente urbana se cadra xa non é de esquerdas, ou non tanto. É posible que a imaxe do goberno de Madrid mancase a un PSdG errático e desnortado desde hai tres lustros que só tiña as siglas como identificador, se cadra o BNG acusou un golpe máis duro do que semellaba co xogo mentireiro das acusacións do PP... 

Hai moita tea que cortar para repasar ao detalle o acontecido e tamén politólogas solventes que o fan infinitamente mellor ca min. 

Núñez Feijóo, o verdadeiro candidato do PP galego, dedicou boa parte do seu discurso electoral a apelar ao “sentidiño”. Ese concepto tan galego e tan conservador, o de aferrarse ao coñecido, por moi bo que sexa o que está por coñecer. Do que veño falar hoxe é da ilusión, a desilusión, as consecuencias de ambas e doutro concepto moi galego tamén: o de irmos “amodiño”. Da teimosía fronte á urxencia. 

Se cadra, no PSdG procede unha reflexión. A do medio e longo percorrido. A que prové de tempo para ordenar a casa, repensar o discurso, tocar a rúa, falar coas persoas, revisar as estratexias, perseverar.

Cando Ana Pontón tomou as rendas do seu partido en 2016 este case tocaran chan, con sete escanos e moitas das súas integrantes previas escindidas e organizadas en Anova ou as mareas, unha baixada de representación nos concellos e unha grande merma de poder territorial. Os augurios de desaparición, de derrubo, eran clamor. A desilusión, a tónica. Nos comicios dese ano aínda perderon un escano máis. Sorprendentemente, a organización e a súa líder perseveraron. Non houbo dimisión. Oito anos despois, compróbase que Pontón foi quen de facer o control de danos preciso, reagrupar forzas, recuperar pactos, relacións e escisións e lograr unha clara hexemonía no seu campo ideolóxico que lle permitiu, ademais, darse a coñecer entre a poboación galega. 

Na outra banda, o PSdG optou polas dimisións e relevos como vía para recuperar as ilusións e confianzas perdidas. Catro comicios (2012, 2016, 2020, 2024), catro candidatos e tres baixadas na representación parlamentaria despois, tal ilusión segue sen recuperarse. 

O PSdG goberna en Vigo, A Coruña e Lugo. A primeira, segunda e quinta cidades de Galicia. Aínda preside dúas Deputacións Provinciais. O BNG goberna na cuarta e na sexta, Compostela e Pontevedra, e ostenta a vicepresidencia das mesmas deputacións. Sen irmos revisar vila por vila, faise claro que o poder territorial do primeiro aínda ten certa solidez, mesmo vai diante do segundo. 

Temos catro anos por diante para deixar de puxar por uns votos que se transvasan de sigla da esquerda a siglas da esquerda e ver como convencer ás que non votan e ás que botan. Amodiño, e con sentidiño

Todo indica que unha maioría exclusiva dun destes dous partidos non é probable na Galicia presente nin na dun futuro achegado. Nestes tempos nos que todo é urxente, nos que só se procuran solucións inmediatas, sexan estas a base de pílulas para a ansiedade ou dimisións fulgurantes, propoño un cambio de marcha. Que cada quen tome o tempo que precise para recompoñerse. Que o camiño se faga pensando cada paso. Se só ollas cara a meta, non vas ver a fochanca que te derrubará. 

Se cadra, no PSdG procede unha reflexión. A do medio e longo percorrido. A que prové de tempo para ordenar a casa, repensar o discurso, tocar a rúa, falar coas persoas, revisar as estratexias, perseverar. A que permite que quen vai representar un programa e unha proposta social sexa coñecida pola cidadanía, outorgándolle así o dereito a decidir con información e hemeroteca ao seu alcance. A do amodiño.

E, en ambas formacións, unha máis. Temos catro anos por diante para deixar de puxar por uns votos que se transvasan de sigla da esquerda a siglas da esquerda e ver como convencer ás que non votan e ás que botan. Amodiño, e con sentidiño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.