Hai dúas formas de analizar os resultados electorais. Ou ben realizando unha comparativa coas cifras rexistradas no mes de Xullo de 2020 ou avaliando o sucedido en base ás expectativas manexadas polos diferentes actores participantes
Coñecidos os resultados das eleccións do 18-F, non tivemos que asistir á confusa e interesada polémica que suscitou Feijoo e a dereita mediática despois do 23 de Xullo do ano pasado a respecto de quen gañara aqueles os comicios. Neste caso, non houbo marxe para as falacias argumentais: a forza mais votada o domingo no que rematou a semana do Entroido -o PP- posúe a maioría parlamentaria suficiente para ocupar o goberno da Xunta en solitario. Se o partido presidido por Rueda non tivera acadado a maioría absoluta, teriamos vivido unha campaña preventiva de deslexitimación da maioría alternativa conformada polos partidos que até ese momento conformaban a oposición na Cámara do Hórreo.
Hai dúas formas de analizar os resultados electorais. Ou ben realizando unha comparativa coas cifras rexistradas no mes de Xullo de 2020 ou avaliando o sucedido en base ás expectativas manexadas polos diferentes actores participantes.
Se apostamos pola primeira das opcións, as conclusións son indiscutíbeis: o BNG é a única forza que incrementa substancialmente a súa presenza anterior (rachando os teitos acadados nos anos 1997 e 2020); o PP diminúe algo o tamaño da súa hexemonía; o PSdeG obtén o peor rexistro da súa historia; DO aparece no escenario parlamentar cunha cativa relevancia numérica que non lle proporciona capacidade decisoria e Sumar fracasa na súa pretensión de atopar un espazo propio aproveitando a súa presenza no goberno do Estado.
Certamente, había "mais partido" que no 2020. O medre da participación electoral non foi suficiente porque non opera unha regra automática -como, trabucadamente, se manexou nalgunhas análises previas-que asegure o triunfo da oposición se hai unha menor abstención
Se tomamos como referencia as expectativas xeradas previamente podemos afirmar que o PP aguantou mellor do que se agardaba e a oposición non foi quen de confirmar os prognósticos mais optimistas debido ao importante derrube padecido polo Partido Socialista. Tiña fundamento a opinión de que estabamos ante a mellor conxuntura dos últimos anos para contemplar un cambio de goberno na Xunta? Existían varios factores que avalaban a verosimilitude dese pensamento: o relevo de Feijoo por Rueda (un candidato menos coñecido e cunha capacidade de liderado menos consolidada no seo do seu partido); o lóxico desgaste acumulado por 15 anos dunha mediocre xestión gobernamental; a estatalización da campaña promovida polo PP para converter as eleccións galegas nunha segunda volta das xerais de hai 7 meses; a confusión introducida por Feijoo na metade da campaña anunciando hipotéticos indultos para os independentistas cataláns; a percepción dunha maior ilusión en sectores significativos da esquerda social que semellaba anunciar unha maior mobilización electoral (aproveitando o precedente do sucedido nos comicios xerais do 23 de Xullo de 2023); as virtualidades exhibidas por Ana Pontón para conectar con segmentos poboacionais que, desexando unha mudanza en San Caetano, non se ubicaban nos parámetros políticos e/ou ideolóxicos tradicionalmente asociados ao BNG.
Cabe pensar na concorrencia de dúas circunstancias adicionais favorecedoras dunha maior capacidade mobilizadora no electorado do PP: a presenza frecuente de Pedro Sánchez na campaña e os prognósticos moi maioritarios de que un eventual cambio de goberno sería encabezado polo BNG
Certamente, había "mais partido" que no 2020. O medre da participación electoral non foi suficiente porque non opera unha regra automática -como, trabucadamente, se manexou nalgunhas análises previas-que asegure o triunfo da oposición se hai unha menor abstención. O PPdeG cometeu erros sorprendentes pero conseguiu neutralizalos mediante a máxima activación de todas as súas capacidades de influenza nas distintas estruturas de poder (económicas, sociais, mediáticas) e non tivo escrúpulos para utilizar métodos -anuncio de subas salariais ao persoal sanitario e de subsidios a mariscadores 48 horas antes da apertura das urnas- que violentaron obscenamente os criterios éticos esixíbeis nun sistema democrático de calidade.
Aínda que non hai dados precisos -pendentes dos estudos postelectorais- cabe pensar na concorrencia de dúas circunstancias adicionais favorecedoras dunha maior capacidade mobilizadora no electorado do PP: a presenza frecuente de Pedro Sánchez na campaña e os prognósticos moi maioritarios de que un eventual cambio de goberno sería encabezado polo BNG. A xenreira e o medo presentes en sectores do universo social do PP puideron actuar como motores suplementares de activación da participación electoral.
Pontón encarnou unha creativa actualización das mellores prácticas xeradas nesa organización e, singularmente, do que representou no seu momento a chamada corrente quintanista
No territorio da esquerda e do nacionalismo, o 18-F certificou o extraordinario éxito do BNG e o fracaso contundente do PSdeG e de Sumar. Nas históricas cifras acadadas polas candidaturas nacionalistas tivo un papel determinante o labor desenvolvido por Ana Pontón: as mensaxes emitidas e as formas utilizadas para a súa transmisión pretendían traspasar as liñas discursivas que limitaban o acceso a novos sectores sociais. En termos históricos, a dirixente nacionalista encarnou unha creativa actualización das mellores prácticas xeradas nesa organización e, singularmente, do que representou no seu momento a chamada corrente quintanista.
O PSdeG enfrontase a unha tarefa complicada. Deberá establecer un diagnóstico acaido das eivas estruturais que veu padecendo na última década cando compareceu como teórica alternativa para o goberno galego. Existen, como mínimo, dúas carencias que non pode descoñecer: a febleza dunha oferta programática integral para Galiza e a falta de continuidade dun liderado minimamente solvente que proporcione credibilidade a semellante oferta e que non fique subordinado ás tentacións do cantonalismo municipal e/ou provincial.
O PSdeG enfrontase a unha tarefa complicada. Deberá establecer un diagnóstico acaido das eivas estruturais que veu padecendo na última década cando compareceu como teórica alternativa para o goberno galego
No caso de Sumar a principal incógnita radica na viabilidade futura -no ámbito da política institucional galega- dun espazo seriamente afectado por unha herdanza que transitou dende os éxitos de AGE e das Mareas ao posterior baleiro derivado das dinámicas autodestrutivas rexistradas nese universo.
A cita electoral deste inverno de 2024 ratificou un paradoxo que dura mais de 40 anos (dende os primeiros comicios ao Parlamento galego celebrados no Nadal de 1981): o PP foi quen de conservar a hexemonía (agás nos períodos 1987/1989 e 2005/2009) nas institucións dun autogoberno que non formaba parte do seu ideario fundacional e que non quixo mellorar na súa dimensión competencial. Noutros ámbitos institucionais (Parlamento estatal e concellos) non se ten rexistrado semellante nivel de continuidade no dominio político. Velaquí un reto fundamental para todas as persoas, entidades e forzas que acreditamos nas potencialidades do autogoberno.