"O que buscamos é afrontar todo o que poida xurdir no noso día a día evadíndonos das malas vibras a través da música"

The Rapants © Andrea Freckleseye

The Rapants, que son Xanma, Xaquín, Samuel e Matías, levan uns meses que probablemente non contaban nin eles, pero ás veces o traballo dá os seus froitos e quen sabe o que ten que pasar para que unhas cancións cheguen á xente con tanta forza. Sexa o que sexa, co seu terceiro álbum, La máquina del buen rollo, os de Muros deron na tecla axeitada: nove cancións que a xente da súa xeración (e a das máis veteranas) quere cantar e bailar sen parar.

Conectamos con Xaquín e Xanma por videochamada entre a resaca do festival Emigrason que se celebrou en Bruxelas, ao que tiveron o privilexio de volver este ano e no que aseguran que o pasaron mellor aínda do que parece nas redes sociais, e os nervios polo cheo dúas noites seguidas –sábado 23 e domingo 24 de marzo– na sala Capitol de Santiago de Compostela para presentar o disco. Altas doses de pánico e alegría manteñen aos catro músicos expectantes por esta estrea e mais por todos os concertos que veñen coa primavera e o verán, que non serán poucos. Confesan que están "cumprindo o soño" de seren artistas. 

Están a funcionar festivais como o Emigrason para unir máis as bandas galegas das xeracións máis novas?

Xaquín: Eu iso nótoo moitísimo, ti podes coincidir con bandas para tocar nos festivais, pero no Emigrason son case catro días todos xuntos. Nestes viaxes o que fas son amigos, máis que compañeiros.

Xanma: Ademais non só con outros artistas, tamén coa prensa e coa xente de comunicación que viaxou, coa que moitas veces só interactúas en modo traballo. Foi case como unha excursión de fin de curso.

"Aprendemos uns dos outros e creo que iso é súper importante para que haxa unha cultura musical como a que hai agora en Galicia"

Sentides esa conexión con outros grupos como poden ser Grande Amore, Fillas de Cassandra ou Mondra?

Xanma: Si, creo que se ve no rollo que temos cando coincidimos, somos parte do mesmo, da mesma industria, e somos máis que compañeiros de traballo. Aprendemos uns dos outros e creo que iso é súper importante para que haxa unha cultura musical como a que hai agora en Galicia.

La máquina del buen rollo é o terceiro disco que publicades, que pensades vós que sucedeu entre a saída do anterior álbum e este para que esteades nesta posición?

Xaquín: Uffff, moitísimas cousas. Estamos vivindo unha progresión moi natural, eu o que máis noto é a oportunidade que tivemos de podernos ir todos xuntos a gravar con Paco Loco no seu estudio no Porto de Santa María, en Cádiz. Para poder chegar a ese punto primeiro tivemos que ter as composicións, nas que xa estabamos a traballar antes de gravar o disco anterior, O Corasón Como Un After, e tamén un traballo de todo o ano tocando e investindo nisto.

Xanma: Co disco anterior acabamos de construír o que agora é The Rapants e que levabamos anos tratando de definir co noso carácter e a nosa personalidade. Con O Corasón conseguimos plasmar moitas cousas con moito esforzo, pero neste disco xa nos liberamos de toda esa tensión e somos nós mesmos, reflectimos o que queriamos dunha maneira máis sincera.

"Nós saímos do estudio pensando que este é o disco que sempre quixemos gravar"

Despois de escoitar as cancións, podemos dicir que soan lixeiras, a xuventude e ese bo rollo que invocades no título do disco.

Xanma: Realmente nós o que buscamos é afrontar todo o que poida xurdir no noso día a día evadíndonos das malas vibras a través da música, e da música animada e de festa. Entón, aínda que as letras non sexan tan divertidas porque falamos de desamores e de cousas máis tristes, son tratadas con descaro, cunha actitude que provoque que a xente o pase ben, que ao final para nós é o importante nun concerto. Hai quen prefire recrearse nas angustias dunha forma máis triste ou lúgubre, ou quen prefire tratalas dun xeito combativo; nós preferimos deixalas a un lado para poñernos a bailar.

Xaquín: Á parte, creo que tamén se pode ver o proceso de maduración que hai detrás. Nós saímos do estudio pensando que este é o disco que sempre quixemos gravar. Fixemos cousas que non sabiamos que se podían facer ou que nós as podiamos facer.

Pola axuda de Paco Loco?

Xanma: Pola súa man e polos recursos que el tiña, tamén. O seu estudio é un auténtico museo da música. Iso permitiunos que cos nosos coñecementos conseguísemos facer cousas antes impensables.

Xanma, Xaquín, Samuel e Matías comezaron coa banda en Muros © Andrea Freckleseye

Credes que este disco reflicte un sentir ‘en positivo’ das xeracións máis novas a pesar da situación mundial

Xaquín: É a maneira que temos de ver a vida. Pode ser o reflexo da nosa xeración.

Xanma: Ao mellor dentro da nosa xeración hai outros artistas que en lugar de evadirse queren tratar os temas de maneira directa, protestando ou levantándose contra as inxustizas que vivimos na nosa xeración, que non son poucas. Cremos que todos os estilos poden convivir, no noso caso preferimos evitar esas malas vibras aportando algo positivo ou unha esperanza: vamos divertirnos, pasalo ben, querernos e respectarnos. O resto, polo menos durante un breve período de tempo, que desapareza.

E pódese vivir así? Podedes vivir da música agora?

Xaquín: Eu son o único que ten outro traballo, de momento.

Xanma: Matías, Samuel e mais eu dedicámonos só á música pero nunha precariedade máxima que non é exclusiva só da nosa industria, senón que outras e outros compañeiros da nosa xeración que teñen outros traballos tamén viven nunha precariedade absoluta. Iso de evadirse non é diariamente porque todos estamos vivindo en problemas como di Nuno [Grande Amore] de buscar un piso e un traballo, pero ao final eses anacos nos que poñemos a música a soar e nos que se acende a ‘máquina del buen rollo’ coas luces e nos esquecemos de todo teñen que ter un oco nas nosas vidas porque doutra maneira viviriamos todos e todas amargadas.

Xaquín: Realmente, ter que ter dos traballos tamén é precario.

"Aínda que teñamos un día de merda, un estea enfermo ou outro triste porque lle pasou unha cousa mala cando imos traballar acendemos as luces, poñemos a música e intentamos pasalo ben o tempo que dura o concerto"

Por que lle chamades ao disco La máquina del buen rollo?

Xanma: Do Saltamontes, unha atracción que é propiedade dun veciño noso de Muros, de Xandre, que nos evoca moito a nosa infancia nas festas de Muros. Ese cartel de ‘La máquina del buen rollo’, eses cánticos que facía cun súper delay de ‘culito p’arriba, culito p’abajo’ e toda esa estética gustábanos moito porque cando imos tocar somos nós os que nos convertemos nesa máquina do bo rollo. Aínda que teñamos un día de merda, un estea enfermo ou outro triste porque lle pasou unha cousa mala, cando imos traballar acendemos as luces, poñemos a música e intentamos pasalo ben o tempo que dura o concerto. Iso é o que fai ao final o Saltamontes, Xandre se ten un mal día tamén ten que poñer a máquina a funcionar.

Dicides que é o disco que queriades facer, por que?

Xanma: Desprendémonos dese toque que tiñamos cando comezabamos de ‘banda de instituto’, que todo era saír, beber e morrear. Neste disco trátanse os sentimentos dunha maneira máis profunda.

Xaquín: Musicalmente vai un pouco pola mesma liña, hai unha madurez no grupo que vén de que nos pegamos o verán que sempre soñamos e de aí sacamos os cartos para gravar este disco e moita máis experiencia sobre o escenario.

Xanma: E aínda así non nos conformamos, traballamos moitísimo antes de ir gravar e chegamos moi preparados.

Xaquín: Ao final, estamos dedicándonos a isto as 24 horas do día.

Queredes que en vinte anos esteamos celebrando o voso aniversario como banda, non?

Xaquín: Se estamos vivos!

Xanma: Iso é importante, si. Non somos unha banda que o petase desde o principio, toda a xente que nos segue agora non o facía hai seis anos cando comezamos a facer música, foi todo un proceso de aprendizaxe, constancia e traballo. Temos unha mentalidade positivista que nos leva a pensar que este non vai ser o noso mellor disco, senón que será sempre o seguinte. Que todo o que aprendamos, o bo e no malo, nos sirva para seguir mellorando.

"Temos unha mentalidade positivista que nos leva a pensar que este non vai ser o noso mellor disco, senón que será sempre o seguinte"

No tempo desta aprendizaxe, cal é o voso obxectivo como banda?

Xaquín: Primeiro de todo, gozar do proceso.

Xanma: Saír da precaridade na que vivimos tamén se valora. E facer a música que nos guste a nós. Ao final, quen máis escoita a nosa música somos nós. Queremos seguir facendo cancións que nos gusten, as que nos gustaría que nos desen as nosas bandas favoritas.

Con que canción do disco vos quedades cada un?

Xaquín: Teño que dicir dúas. ‘Rue Franklin’, que para min é unha canción talismán na miña vida, polo que significa para min esa letra. E ‘Meu cariño’, que me parece unha das mellores letras de The Rapants, a mensaxe que ten é súper bonita e a música flípame, é o máis achegado ao xénero que máis consumo agora mesmo, que é así como funk pop.

Xanma: Eu teño unha que polo momento no que a fixen e como acabou quedando resúltame moi especial, é a de ‘Blaster W4u’, que instrumentalmente no seu momento parecíame unha das mellores cancións que fixera e cando a gravamos todos xuntos pensei que era incluso mellor. Probablemente a que máis escoitei do disco por gusto é tamén a de ‘Meu cariño’ porque me parece unha letra moi profunda cun significado moi positivo, e musicalmente creo que nela chegamos a unha madurez e a un nivel de composición co que teriamos soñado cando comezamos nisto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.