Os fondos públicos que Altri reclama para instalarse en Palas dependen do visto e prace ambiental da UE

Plano da factoría que Altri proxecta en Palas, incluído na documentación exposta ao público para a tramitación ambiental © Greenfiber S.L.

A piques de facer dous anos desde que Altri anunciase Palas de Rei como a localización elixida para erguer a súa biofábrica de fibras téxtiles a base de celulosa, a empresa portuguesa continúa avanzando no proxecto, pendente de fondos e créditos europeos e de axudas estatais coas que conta para levalo a cabo. 

Antes, a pasteira lusa deberá pasar o seu primeiro exame, logo de que a Xunta sacase a información pública a pasada semana o seu impacto territorial e ambiental (a autorización ambiental integrada, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública) e abrise así o prazo para para presentar alegacións ata principios de abril. Prevese unha avalancha delas, vistas as queixas de numerosas asociacións ecoloxistas, entidades sociais e veciñanza, que advirten do impacto medioambiental, o elevado consumo de auga ou a afectación á política forestal galega pola enorme dependencia do eucalipto. 

Área onde Altri prevé instalar a planta de fibra téxtil en Palas de Rei © Altri

Altri, que prevé un investimento de 900 millóns, conta con subvencións públicas que roldarían os 250

O proxecto é unha aposta decidida de Altri a través de Greenfiber, sociedade constituída en agosto de 2022 coa empresa lusa como accionista maioritario (75% do capital) e a galega Greenalia co outro 25%. Tamén da Xunta, que a elixiu a través da sociedade Impulsa Galicia para impulsar a fábrica téxtil que pretende financiar con fondos comunitarios. A empresa, que prevé un investimento de 900 millóns de euros, conta con impulsar o proxecto en Palas con subvencións que roldarían os 250 millóns, arredor dun cuarto do total a investir. 

Compañía e Goberno galego levan meses reclamando "certezas" por parte do Estado que lle aseguren o acceso a créditos e axudas directas da UE a través do programa Next Generation, logo de que en xuño o proxecto quedase fóra dos PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) existentes daquela por non cumprir cos criterios da Comisión Europea.

Malia voces que dan por feitas as axudas públicas, o Ministro de Industria aclara que "están supeditadas a unha previa aprobación favorable por parte da Comisión Europea"

Porque é Europa quen ten e terá a última palabra. Malia ás informacións que aseguran que Altri dá por seguro o acceso a fondos e créditos europeos, fontes coñecedoras dos trámites da compañía e das conversas entre esta e Goberno central aseguran que non hai nada comprometido e que o feito de que teña abertas todas as posibilidades para recibir axudas non implica que estean aseguradas. 

Fontes do Ministerio de Industria aclaran que desde o departamento que dirixe o ministro Jordi Hereu manteñen "conversas periódicas coa empresa" e que se "estudan diferentes liñas de traballo que permitan garantir a súa actividade en Galicia". Entre outras cuestións, engaden, traballan con Altri "ante a posibilidade de obtención de determinadas axudas directas" que, insisten, "en todo caso están supeditadas a unha previa aprobación favorable por parte da Comisión Europea"

A intención de Altri para o seu proxecto en Palas é acceder a unha axuda directa e non reembolsable, con fondos europeos, supeditada á previa concorrencia do proxecto en Galicia á cuarta liña de axudas do PERTE para a descarbonización que será convocada o vindeiro mes de xuño. A outra vía á que aspira supón o acceso a créditos a cargo tamén de fondos comunitarios. Pero non hai nada asegurado nin comprometido por parte do Estado, insisten as mesmas fontes, advertindo dunhas opcións tan factibles como imposibles de dar por feitas. 

María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, nunha intervención sobre Altri no Parlamento CC-BY-SA Xunta

Os proxectos aspirantes a fondos Next Generation, como o de Altri, deben cumprir cos principios da UE de non afectar os seus obxectivos medioambientais

Por que? Porque as axudas directas están condicionadas ao cumprimento por parte do proxecto de Greenfiber dos parámetros marcados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, aquel que recada fondos mediante préstamos nos mercados de capitais coa emisión de bonos en nome da UE para poñelos a disposición dos Estados para levar a cabo reformas e investimentos importantes. O obxectivo é que contribúan a economías "máis sustentables e resilientes e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas e dixital" e facer fronte ás recomendacións específicas para cada país que marca a UE. 

Para axustarse ás exixencias comunitarias á hora de presentar proxectos que aspiran aos fondos europeos Next Generation, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado, o Goberno central elaborou unha guía. Nela, establécense unhas recomendacións para que as iniciativas cumpran co denominado Principio DNSH (Do No Significant Harm), condición definida pola Comisión Europea para que se asegure que o investimento ou axuda non afecta negativamente un ou varios dos seis obxectivos medioambientais definidos no regulamento comunitario sobre a mitigación do cambio climático. Un deles alude, por exemplo, ao "uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños". Outro, á "protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas". 

Tamén ao punto favorable que supoñen os proxectos de "economía circular". Precisamente, un dos argumentos que a empresa e a Xunta empregan para defender a adecuación da fábrica de fibras téxtiles aos parámetros comunitarios. 

Preguntada sobre os supostos compromisos do Estado, a a Consellería de Economía, Industria e Innovación lamenta "a absoluta falta de implicación do Goberno central co proxecto de economía circular" en Palas. "A Xunta de Galicia solicitou en múltiples ocasións o apoio explícito do Executivo de España a este proxecto sen que ata a data se teña recibido resposta ningunha", engade. 

Impulsa Galicia e Altri presentando o proxecto en Bruxelas © Impulsa Galicia

A Xunta critica o Estado por non dar "apoio explícito" ao proxecto e pide "o mesmo concedido a outras comunidades"

A resposta cadra coas advertencias das mesmas fontes consultadas, que alertan do uso do proxecto de Altri como un elemento máis na batalla política cotiá que a Xunta impulsa co Estado. 

Así, a Consellería aclara que o Goberno galego "tan só está a reclamar do Goberno central o mesmo apoio e as mesmas oportunidades que se teñen concedido a outras comunidades autónomas e outros proxectos como o de Arcelor Mittal, para o que o Ministerio de Industria tramitou unha axuda singular cun importe que supera os 400 millóns de euros". 

Ademais, advirte que a Xunta seguirá reclamando ao Executivo central "non só apoio económico, senón tamén acceso á rede de transporte eléctrica, toda vez que o Estado non incluíu na planificación da rede eléctrica a subestación que Altri precisa para a súa posta en marcha". Esta petición, como indica a Consellería, foi incluída xunto con outras no documento de alegacións presentado o pasado mes de xaneiro ao Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026 do Estado. 

A opción máis viable que propón a Xunta neste caso é a de garantir o subministro reducindo o impacto ambiental abrindo a liña de alta tensión de 220 KW entre Belesar e  Mesón do Vento, así como construír unha subestación con entrada e saída para a liña en Palas de Rei. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.