O Constitucional avala por unanimidade a Lei do Litoral da Xunta que recorrera o Goberno de España

Construcións de todo tipo no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

O tribunal desestima 70 das 72 impugnacións que realizara o Executivo de Pedro Sánchez e só rexeita que se poidan emprazar depuradoras na costa e o intento da Xunta de privilexiar os barcos pesqueiros galegos

O Tribunal Constitucional vén de facer pública a súa decisión de avalar por unanimidade a Lei do Litoral da Xunta que foi recorrida polo Goberno de España. O Constitucional desestima 70 das 72 impugnacións que se formularan e só declara inconstitucionais a posibilidade de que os sistemas de depuración de augas poidan ocupar o dominio público marítimo-terrestre e o trato de privilexio que quería dar a lei ás embarcacións pesqueiras galegas fronte ao resto de embarcacións.

A Xunta impulsara a Lei do Litoral de Galicia malia as advertencias do Goberno de España de que non podía aprobar unha norma así sen mudar antes o Estatuto de Autonomía e pedir a transferencia das competencias sobre o litoral, mentres que o Goberno galego consideraba que esas competencias xa estaban recoñecidas no actual Estatuto.

Alfonso Rueda nunha imaxe de arquivo paseando polo litoral galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

No seu recurso contra a lei galega o Executivo de Pedro Sánchez argumentou tamén que a norma invadía competencias exclusivas do Estado derivadas da súa titularidade do dominio público marítimo-terrestre e infrinxía a Lei e o Regulamento de Costas. Un recurso que supuxo a suspensión cautelar inmediata da norma o pasado outono.

Agora o Constitucional comunica que a súa sentenza, aínda non divulgada, "descarta que a Comunidade Autónoma de Galicia deba modificar o seu Estatuto de Autonomía para outorgar autorizacións de utilización e ocupación" do espazo público litoral "ao entender incluída dita función executiva na competencia exclusiva sobre ordenación do territorio e do litoral" contemplada no artigo 27.3 do actual estatuto. Ese artigo di que corresponde á Xunta "a competencia exclusiva" da "ordenación do territorio e do litoral".

Antiga fábrica de salgadura en Esteiro, Muros, posta pola Xunta como exemplo de patrimonio construído a recuperar coa nova lei do litoral CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

O Constitucional di que "permanecen incólumes" as facultades estatais como titular do dominio público se unha autorización ou plan concreto da Xunta incumprise a lexislación estatal

O Constitucional tamén rexeita que a regulación dos instrumentos de ordenación do litoral e dos usos que se poidan realizar nel sexan contrarios ás normas estatais de Costas. Para iso argumenta que os preceptos da lei galega non contraveñen a normativa estatal e mesmo a salvagardan ao dicir no seu artigo 31 que se deben aplicar "sen prexuízo do disposto" nela. O tribunal tamén di que "permanecen incólumes as facultades estatais, como titular do dominio público marítimo-terrestre, se no caso concreto a autorización ou o concreto plan aprobado incumprira a lexislación en materia de costas". 

O Constitucional sinala que "unicamente se declaran inconstitucionais a posibilidade de que os sistemas de recollida, almacenamento, tratamento e vertido de augas residuais poidan ocupar o dominio público marítimo-terrestre" -a Lei de Costas estatal impide esas instalacións na ribeira do mar e nos primeiros 20 metros de servidume de protección- así como "o trato privilexiado das embarcacións galegas fronte ao resto de embarcacións". Nese segundo caso, a lei galega prevía un "réxime de zonificación e uso que garanta o acceso e a permanencia das embarcacións galegas aos caladoiros cuxa regulación sexa da súa competencia", cuestión que agora é anulada. 

O tribunal tamén interpreta que os establecementos da cadea mar-industria alimentaria poderán ocupar terreos litorais "unicamente cando requiran da captación e retorno de auga de mar" e non poidan ter outro emprazamento.

Sede do Tribunal Constitucional © Tribunal Constitucional

O ditame foi unánime pero unha maxistrada advirte dos "riscos de que algúns argumentos da setenza poidan conducir a unha rebaixa dos estándares de protección medioambiental"

O ditame do Constitucional foi unánime pero a maxistrada María Luisa Balaguer formulou un voto concorrente no que expón o seu criterio de que o Estatuto de Autonomía non dá suficiente cobertura á norma e no que sinala "os riscos de que algúns argumentos da sentenza poidan conducir, na súa proxección a longo prazo, a unha rebaixa dos estándares de protección medioambiental que deberan ser particularmente preservados nun indubidable contexto de cambio climático". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.