35 asociacións da cidade de Vigo presentan as 'Brigadas veciñais' ante o “estado de abandono total de barrios e parroquias”

Presentación das Brigadas Veciñais, este xoves en Vigo © FAVEC

A Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec), que agrupa a 35 entidades da cidade de Vigo, presentou este xoves as Brigadas Veciñais

A Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec), que agrupa a 35 entidades da cidade de Vigo, presentou este xoves as Brigadas Veciñais, unha iniciativa de autoorganización e denuncia que xorde ante "o abandono total nos barrios e parroquias de Vigo por parte do Concello", segundo sinala a Federación. As Brigadas funcionarán cunha canle de Youtube e contas específicas en Facebook e X (anteriormente Twitter) para alertar sobre problemáticas que afectan a distintos lugares do termo municipal.

A local da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores acolleu a presentación da iniciativa, un acto no que partiparon representantes da maior parte das entidades veciñais do Concello de Vigo. Na presentación participaron a presidenta da Favec, María Pérez; la vicesecretaria da Confederación Estatal de Asociacións Veciñaos (CEAV), María José Villamarín Santomé; e o presidente da Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lavadores, Antonio Rodríguez. 

Presentación das Brigadas Veciñais, este xoves en Vigo © FAVEC

No acto denunciáronse situacións como "beirarrúas rotas, árbores de gran porte sen poda dende hai anos, problemas de ratas, problemas de accesibilidade para os veciños e veciñas..."

No acto denunciáronse situacións como "beirarrúas rotas, árbores de gran porte sen poda dende hai anos e que se atopan preto dos domicilios, vexetación invadindo as beirarrúas, problemas de ratas e cascudas en varias parroquias, problemas de accesibilidade para os veciños e veciñas, como por exemplo na rúa Bueu, en Coia e noutras zonas da cidade".

As entidades veciñais, que destacan que todas estas problemáticas "xa foron denunciadas ante o Concello de Vigo", anticipan que nas vindeiras semanas acompañararán con imaxes as denuncias concretas sobre estas situacións.

"Pagamos millonadas a concesionarias e non entendemmos por que non se contratan máis brigadas", sinalaron os responsables de Favec, que acusaron o Goberno municipal de ter "outras prioridades máis importantes" que "a calidade de vida dos veciños que pagan impostos e non poden nin andar polas beirarrúas".

A Federación pon a dispoción de todas as persoas interesadas o enderezo de correo electrónico eduardochaofavec@gmail.com para quen "queiran anotarse e deixar as súas queixas e suxestións".

Algunha das situacións denunciadas pola Favec © FAVEC
Algunha das situacións denunciadas pola Favec © FAVEC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.