A enfermaría volve á rúa para denunciar o "uso abusivo de contratos precarios" no Sergas

Mobilización de enfermeiras na Coruña, este 16 de novembro CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"O Sergas maltrata a quen coida", rezaba unha das pancartas das varias mobilizacións que este xoves se celebraron en Galicia, onde centos de enfermeiras protestaron ante as portas de varios hospitais para demandar mellores condicións laborais e máis prazas para cubrir as xubilacións. 

Convocadas polo colectivo A por Todas, que se define como unha plataforma "independente, apolítica e asindical" galega, as traballadoras levan tempo mobilizándose contra a progresiva precariedade do seu emprego e recibindo apoios, como o que desta vez chegou dalgún colexio de enfermaría, de comisións de centro dos hospitais, de sindicatos de clase ou de cargos políticos de formacións como o BNG. 

Mobilización de enfermeiras na Coruña, este 16 de novembro CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Centos de enfermeiras mobilizáronse en oito hospitais galegos en demanda de melloras nas súas condicións e contra a xestión laboral do Sergas

Houbo marchas ante o Clínico de Santiago, no CHUAC da Coruña, no Arquitecto Marcide de Ferrol, así como ante os hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e os da Mariña, Monforte, Lugo e o Provincial de Pontevedra. "Sen persoal non hai sanidade", rezaban as pancartas principais.

As enfermeiras mobilizadas reclaman os dereitos que din que foron "perdendo nas últimas dúas décadas", así como "melloras nos cocientes enfermeira-doente, estabilidade laboral e o recoñecemento profesional" que din que merecen e non reciben. 

Desde hai xa tempo, denuncian o "uso abusivo de contratos precarios, de días, ou no mellor dos casos, de meses, nos cales, en moitas ocasións, o horario laboral é comunicado ao traballador cun só día de antelación". Unha situación que "xera unha gran presión nos profesionais e supón un risco innecesario para a seguridade dos doentes, minguando a calidade asistencial".

Mobilización de persoal de enfermaría en Ferrol CC-BY-NC-ND BNG Ferrol

A por Todas asegura que "cada vez faise máis evidente a falta de enfermeiras dispoñibles para cubrir as ausencias do persoal estable" e denuncia que a xestión do Sergas "céntrase na improvisación continua afectando a calidade dos coidados que ofrecemos".

"A falta de previsión das crecentes necesidades dunha poboación cada vez máis lonxeva favorecen o deterioro da sanidade pública, o incremento desorbitado da actividade privada e a migración de compañeiras fóra de Galicia e incluso de España", lembran quen reclaman convocatorias de emprego público máis amplas, ao non considerar "suficientes" as que leva a cabo o Sergas, ao que acusan de "funcionar como unha ETT".

A deste xoves foi a terceira concentración do movemento A por Todas, a segunda delas a nivel galego, protestas dun colectivo que se unen ás importantes mobilizacións que nos últimos anos levaron a cabo outros como Eventuais en Loita. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.