Tres treitos galegos, entre os dez con máis riscos de accidente segundo un estudo do Reial Automòbil Club de Catalunya que analizou 25.000 quilómetros de estradas estatais
“O treito de estrada con máis risco de accidente grave ou mortal está na N-642 no municipio de Ribadeo”. Así de directo é o informe que vén de facer público o Reial Automòbil Club de Catalunya (RACC) no que analiza o risco de accidente en preto de 25.000 quilómetros de estradas de titularidade estatal en toda España. Nel, dos dez treitos máis perigoso, tres sitúanse en Galicia.
O estudo sobre a perigosidade das estradas elaborado polo RACC anualmente emprega unha metodoloxía (EuroRAP) utilizada tamén noutros países que relaciona o número de accidentes graves e mortais ocorridos nos últimos tres anos nun treito de estrada en función da intensidade media de vehículos que circulan por ela. Nesta ocasión, a combinación deses elementos sitúa como estrada estatal (non se analizan as autonómicas nin as locais) con máis risco de sufrir un accidente a N-642 ao longo dos oito quilómetros que hai entre Ribadeo e A Veiga (Vegadeo na súa denominación tamén oficial en castelán), a gran maioría deles dentro do primeiro termo municipal. Unha moi sinuosa estrada que malia a súa reducida lonxitude (oito quilómetros) e tráfico (2.700 vehículos ao día) rexistra unha media de 1,3 accidentes anuais.
Na cuarta posición estatal está un treito da N-541 entre Pontevedra e Cerdedo e no noveno outro da N-640 entre Monterroso e Agolada
No listado dos dez treitos máis perigosos do Estado, o RACC inclúe tamén outros dous galegos. No cuarto lugar sitúase un treito de 11,8 quilómetros entre a cidade de Pontevedra e Cerdedo, na N-541 que comunica Pontevedra con Ourense. Con só 3.900 vehículos ao día, ese treito rexistra unha media de dous accidentes anuais.
O terceiro treito galego entre os dez primeiros do Estado está no posto noveno e son 10,5 quilómetros entre Monterroso e Agolada da N-640 que comunica Lugo con Lalín. Con só 3.200 vehículos ao día, rexistra 1,3 accidentes anuais.
A AC-12 entre A Coruña e Oleiros é a cuarta vía máis perigosa para motos e ciclomotores
Canto aos accidentes de motos e ciclomotores, Galicia tamén ten un treito entre os dez máis perigosos. No cuarto lugar están 4,9 quilómetros da AC-12 entre A Coruña e Oleiros, na que o 83% dos accidentes rexistrados foron dese tipo de vehículos. Galicia, pola contra, non ten ningunha estrada entre as dez máis perigosas para vehículos pesados.
O informe do RACC reitera conclusións doutros estudos previos que sitúan a maior perigosidade nas estradas convencionais dun carril por sentido sen separación entre eles. O 22% dos quilómetros dese tipo de vías presentan un risco moi elevado ou elevado de accidente.
O RACC reclama aumentar as auditorías e inspeccións das estradas, incrementar o investimento en mantemento e na instalación de sistemas de seguridade, desviar o tráfico pesado e actualizar a sinalización.